Dora “a desbrozadora” é a protagonista da campaña que este mércores presentou o Concello de Pontevedra. Unha tira de Luís Davila, cunha muller que se dispón a tronzar unha rama coa palabra “machismo” cunha fouce transformada en símbolo feminista, mentres exclama “Moza, fai coma min e desbroza!“, será a imaxe icónica coa que o municipio comunicará á cidadanía os actos que terán lugar arredor do 8 de marzo. A tira foi presentada nun acto ao que asistiron o propio Davila, a concelleira de Igualdade, Carme Fouces, e a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Rosa Campos.
Luís Davila definiu a súa Dora “a desbrozadora” como “unha muller loitadora, valente, pouco impresionable” e que non dubida en desbrozar a inxustiza e cortar de raíz as silveiras do machismo. O debuxante confía nun 8-M cheo de Doras ocupando as rúas, protagonistas dunha xornada festiva e reivindicativa, a prol da igualdade real.
Carme Fouces agradeceu a colaboración de Luís Davila a quen definiu como “unha das persoas que ten máis pillado o enfoque feminista desde a perspectiva galega”. “Foi capaz de meterse na cabeza de moitas mulleres galegas de toda a vida, de sempre….as que nos identifican, as que nos precederon”, explicou a concelleira de Igualdade.
Esta mesma semana botou a andar a distribución dos cartaces pola cidade co fin de facer un chamamento á participación no 8 de marzo e contribuír a concienciar a prol da loita da igualdade. Ademais, a imaxe de Dora “a desbrozadora” tamén vai a ser usada en chapas co lema “Moza!! Fai coma min e desbroza. As chapas estarán a disposición da xente na praza da Ferrería antes do inicio da mobilización do día 8.