O “solraio”, un tiburón de fóra cun nome de fóra

Unha exemplar desta especie de tiburón de augas profundas foi avistado por primeira vez en Galicia a semana pasada

Nestas últimas semanas a actualidade vainos dando os temas para esta sección: primeiro foi o “nabo do diaño“, despois a “lawfare“, e hoxe imos vestir o traxe de neopreno para coñecer a quenlla solraio. 

Esta especie de tiburón (Odontaspis ferox) de augas profundas era un descoñecido entre nós ata hai unha semana, cando un exemplar foi avistado por primeira vez en augas galegas. Isto fíxolle pasar do anonimato a unha efémera fama nas pantallas de televisión e nas páxinas dos xornais, pero ese novo famoso precisaba un nome, e loxicamente non había nome popular en galego para unha especie que nunca se vira no noso mar.

Publicidade

En situacións coma estas, o castelán adoita ‘vir na nosa axuda’. Se nese idioma lle chaman solrayo, que mal pode ter que en galego o adaptemos graficamente e lle chamemos “solraio“, “quenlla solraio” ou “tiburón solraio“?

Pois o mal que ten é que non facía falta pedirlle emprestado nada ao castelán, porque desde hai máis de 20 anos, no Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos aconséllase (páx. 185) que utilicemos tiburón de area como nome galego para esa especie. Alí podemos comprobar tamén como este nome galego ten paralelismos co usado en portugués (tubarão-areia) e en inglés (smalltooth sand tiger), mentres que o solrayo do castelán segue unha liña totalmente diverxente á das outras linguas do noso contorno. 

Publicidade

Así que, imos aproveitar esta fama fuxidía do Odontaspis ferox para popularizar o seu nome recomendado en galego: tiburón de area. E escapémoslle a nomes copiados do castelán, como “solraio”, tanto como lle escapariamos ao propio animal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A fertilidade feminina diminúe coa idade: un 15% en tan só quince años

O CiMUS da USC participa nunha curtametraxe divulgativa que combina ciencia e danza para explicar os efectos de pospor a maternidade

Físicos advirten dun erro no estudo que vinculaba o cambio de hora con graves riscos para a saúde

Os físicos Jorge Mira e José María Martín Olalla detectan unha localización incorrecta dos condados analizados, o que altera os resultados sobre o desfase circadiano

Detrás do desabastecemento de fármacos para a menopausa: “Normalizouse ter síntomas terribles”

As xinecólogas galegas Cristina González Cea e Marta Silva analizan a situación, a causa da escaseza e as consecuencias para as pacientes

Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX