As “guerras xurídicas”, ou cando os xuíces fan política

O anglicismo "lawfare" fai referencia ao uso ilexítimo que os poderes xudiciais fan do sistema legal, mais en galego non se debe empregar ese termo

O anglicismo lawfare debería substituírse polo termo
O anglicismo "lawfare" debería substituírse polo termo "guerra xurídica".

Esta noticia do pasado martes, 24 de maio, na que se informa de que o Tribunal Supremo vai revisar os indultos que o Goberno concedeu ás persoas condenadas polo procès, volveu poñer na prensa e nos faladoiros un anglicismo que xa leva uns anos formando parte do debate público: o lawfare.

Este termo, xurdido a finais do século XX como un xogo de palabras no que á palabra composta warfare (“guerra”) se lle substitúe o primeiro elemento por law (“lei”), emprégase para facer referencia ao uso ilexítimo que os poderes xudiciais dun país fan do seu sistema legal coa intención de prexudicar e deslexitimar a unha ideoloxía ou a determinados axentes políticos.

Cando ese concepto se emprega en galego, xuristas e politólogos tenden a manter a palabra inglesa. Pero nós pensamos que é unha decisión equivocada pois tanto a pronuncia como a grafía de lawfare cadran mal coas estruturas do galego; e ademais, é unha forma moi pouco transparente, que non permite deducir o seu significado, algo que si é doado no inglés orixinal.

Por iso, parécenos mellor que se empregue unha expresión galega como guerra xurídica, construída de forma semellante á que usou o inglés para crear a palabra composta, e que tamén se pode atopar en textos galegos. Este mesmo procedemento, con pequenas variacións, é tamén o recomendado en español (persecución judicial ou guerra jurídica), francés (guerre juridique ou guerre du droit) ou catalán (guerra judicial).

En resumo, evitemos lawfare (igual que no seu momento aconsellamos fuxir de medicane, de mansplaining ou de ransomware), e apostemos por guerra xurídica, unha expresión que encaixa moito mellor en galego.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.