Venres 19 Abril 2024

Ransomware: se te secuestran, mellor que te decates

Nestas últimas semanas todos soubemos —uns máis polas bravas ca outros— que é iso do ransomware. Os medios de comunicación contaron con detalle —e un chisco de alarmismo— as desfeitas que o virus WannaCry estaba provocando nos sistemas informáticos de empresas de todo o mundo.

Explicáronnos que é un tipo específico de programa malicioso que toma o control do sistema ou dispositivo que infecta, impedindo que o seu propietario poida acceder aos ficheiros nel almacenados —normalmente cifrándoos, e esixindo un rescate económico, case sempre en bitcoins, que debe pagárselle á organización de delincuentes que o creou, se se quere dispoñer novamente deses ficheiros. E insistiron en referirse a el polo seu nome en inglés, como se iso non nos fixese aínda máis difícil entender qué era.

Publicidade

Pero resulta que en galego intentamos evitar a incorporación de todas esas palabras inglesas rematadas en -ware, tan habituais no mundo da informática. Vemos así que se recomenda soporte lóxico (mellor ca software), soporte físico (mellor ca hardware), microprograma (mellor ca firmware), programa malicioso (no canto de malware) ou programa espía (no canto de spyware). Tendo en conta todos estes exemplos, parécenos que debemos fuxirlle ao ransomware e optar por unha expresión galega na liña das anteriores.

E programa secuestrador (que podemos reducir en secuestrador nalgúns contextos) preséntase como unha alternativa transparente e coherente. Transparente porque describe bastante ben as características básicas dese programa informático, e coherente porque encaixa coas denominacións que se veñen propoñendo en galego para conceptos semellantes, e para as que linguas veciñas veñen propoñendo para este mesmo tipo de virus (vírus sequestrador, en portugués; programa de secuestro ou programa de chantaje, en castelán e programari de rescat, en català).

A nosa recomendación é, pois, empregarmos programa secuestrador no canto de ransomware, do mesmo xeito que empregamos programa espía ou programa malicioso. Se as palabras nos axudan a entender os perigos a que se enfrontan os nosos dispositivos, ao mellor estamos un pouco máis atentos á hora de evitalos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cando a música e a informática se alían: “Un músico poderá atopar partituras cantaruxando”

A investigadora da UDC Hilda Romero Velo crea unha aplicación web e móbil para solucionar algúns dos problemas aos que se enfrontan os músicos no día a día

Galicia avanza para contar cos seus propios medicamentos CAR-T nos próximos anos

A finais de ano abrirá un centro de produción en Santiago e un proxecto de investigación traballa para aplicalos en tumores sólidos

Así era Castro Valente: a fotografía láser recrea a muralla da gran fortaleza medieval galega

Un estudo da USC usa as novas tecnoloxías para ampliar información sobre o xacemento de 10 hectáreas situado entre Padrón e A Estrada

O meteorito que brillou como cincuenta lúas cheas xa pode visitarse en Santiago

Tratouse dun asteroide de 1,15 metros de tamaño e 2,62 toneladas de masa que chocou contra a atmosfera a 15 Km/s