Venres 29 Marzo 2024

Os estudos galegos ábrense paso en Alemaña

Por primeira vez, unha sección de estudos galegos terá lugar nun congreso de lusitanistas alemán. Será en setembro deste ano, en Aachen, histórica localidade na que repousan os restos mortais de Carlomagno e onde se celebrará o XI Congresso Alemão de Lusitanistas, que nesta edición leva por título (R)evoluções e transformações. O mundo lusófono em movimento.
O obxectivo da incorporación dos estudos galegos ao congreso xermano é procurar a súa internacionalización dentro do eido universitario alemán, aproveitando a presenza de catro lectorados de galego en universidades daquel país: Jairo Dorado Cadilla en Berlín, Antía Marante Arias en Kiel, Gabriel Pérez Durán en Heidelberg e Daniel Barbero Patiño en Leipzig. Con tal motivo, confirmáronse xa como convidados Manuel Gago (director de culturagalega.org, o portal de divulgación do Consello da Cultura Galega e profesor de Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela) e Eugenia R. Romero (profesora de Estudos Ibéricos na Ohio University e especialista en cultura galega).

O obxectivo é a internacionalización dos estudos galegos no eido universitario alemán

A idea non só é “continuar o proceso de apertura dos estudos galegos”, senón tamén “rachar a idea das dúas culturas (ciencias naturais e humanidades)”, explica Pérez Durán. “Non se trata dunha iniciativa que veña do aire, senón que xa se leva traballando neste proceso de internacionalización dos estudos galegos no ámbito universitario dende múltiples frontes”, comenta o lector da Universidade de Heidelberg. Así, pon como exemplo o labor que vén realizando a Asociación Internacional de Estudos Galegos, que leva organizando congresos trianuais para visibilizar este traballo, e que organiza en Bos Aires outra cita previa ao encontro alemán nun congreso que se celebrará na segunda semana de abril na capital arxentina.
Ademais, “relativamente hai pouco, un pequeno grupo de profesores conseguiron que o MLA (Modern Language Association de Estados Unidos) abrise un foro para os estudos galegos”, engade Gabriel Pérez. Foi en novembro do ano pasado, cando o MLA aprobou a creación do Galician Language, Literature and Culture Forum, que xa figura dentro do organigrama da entidade, a proposta dun comité de docentes e investigadores coas suxestións doutros membros da comunidade académica galega, e que recibiu numerosos apoios internacionais.
Baixo o título Ciberculturas, linguaxes e medialidade: Hibridación e conflito nos espazos xeoculturais galego e lusófono, as liñas temáticas da sección de estudos galegos en Aachen serán as seguintes:

Publicidade

  1. Mudanza social e reconfiguración dos fenómenos socioculturais en Galicia.
  2. A mediación de internet no ecosistema informativo e cultural galego en relacións cos sistemas culturais lusófonos e hispánicos.
  3. Unha abordaxe transdisciplinar dos procesos de translación cultural dende e para o contexto galego, cuestionando os mecanismos da oposición centro/periferia.
  4. Variación e cambio lingüístico no contacto de linguas en Galicia, con especial atención ás implicacións culturais e lingüístico-interaccionais do desprazamento migratorio (tanto transculturais como intraculturais) e as relacións entre escritura e oralidade.
  5. Transformación e conflito das diferentes prácticas tradutivas dende e para o sistema cultural galego en relación cos sistemas culturais lusófonos e hispánicos, tanto a nivel transcultural como intracultural.
  6. Novas formas de organización social, ciberactivismo sociocultural e medios de comunicación de base en Galicia.
  7. O paradigma das humanidades dixitais na construción e visibilidade do sistema cultural galego e da súa relación con outros espazos culturais, como os lusófonos e hispánicos.

Así, desde a perspectiva dun novo contexto marcado polos fenómenos de globalización e as transformacións socio-culturais, económicas e políticas causadas pola consolidación dos medios dixitais en liña e a converxencia mediática e cultural, esta sección terá como obxectivo explorar como os sistemas culturais minorizados (neste caso, o galego) se apropian, adaptan ou dan forma a estes procesos globalizados e/ou globalizadores no contexto dixital, facendo fincapé nas relacións ou conflitos transculturais e intraculturais que estas mudanzas socioculturais xeran no sistema.

Os expertos explorarán como sistemas culturais minorizados como o galego se apropian, adaptan ou dan forma ós procesos globalizadores no contexto dixital

“No noso parecer, unha cultura cada vez máis globalizada provoca unha necesidade de reavaliarmos toda unha serie de constelacións conceptuais (lingua, identidade, normalización, creación artística, modelos de planificación social, entre outros moitos) que ata o de agora deixaron de lado a conflitividade e a inestabilidade propia de todos os sistemas culturais; amais, estes factores fixéronse máis patentes na actualidade co ritmo imposto pola globalización. O noso interese de revisión tamén se deriva do feito de que o sistema cultural galego se atopa entre dous grandes dominios culturais con transcendencia global: os mundos de expresión portuguesa e da hispanidade, cuxas influencias e interferencias na cultura galega son de diferente natureza e intensidade”, argúen os promotores da sección de estudos galegos.

Temática xeral do congreso

O tema xeral do XI Congresso dos Lusitanistas de Alemanña —estruturado en 16 seccións–, que terá lugar em Aachen entre os dias 16 e 19 de setembro de 2015, relaciónase coas grandes mudanzas políticas que marcaron Portugal, Brasil e África e os aspectos sociais, culturais e linguísticos que eses cambios trouxeron: os mais de corenta anos da Revolução dos Cravos (1974), os corenta anos da independência de Angola (1975), os trinta anos da fin do réxime militar no Brasil (1985) e a nova posición do país como líder mundial latino-americano. Iso implica tamén novas relacións entre as nacións de lingua portuguesa e ten, polo tanto, novas perspectivas e tarefas en relación coa ensinanza e a investigación.
Ademais dos traballos académicos, o congreso de Aachen ofrecerá un rico programa cultural e social. Así, terá como convidado, entre outros, o premiado autor brasileiro Milton Hatoum, mentres que a celebración da entrega do Premio Georg-Rudolf-Lind terá lugar na histórica Krönungssaal, a Sala de Coroación da Cámara Municipal de Aachen, onde tradicionalmente se entrega o premio Carlomagno. Ademais, organizaranse as exposicións “O Brasil mágico”, de Pierre-Marc de Biasi, na igrexa Citykirche St. Nikolaus, e “O valor da lingua portuguesa” e “O legado de Dieter Woll”, no Instituto de Filoloxía Románica.
Tralo congreso, está prevista unha posterior publicación dun conxunto seleccionado de relatorios nunha edición científica con peer review.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Samaín, unha festa galega: “Hai ritos ligados a Halloween, pero son nosos dende centos de anos”

Moitos costumes desta celebración asócianse á tradición americana, con todo, teñen a súa orixe na cultura celta e en Galicia

O ‘efecto Tanxugueiras’, a estudo: “As reivindicacións das mulleres son máis serias que as dos homes”

A xornalista e filósofa Rebeca Baceiredo presentará en Texas a súa investigación sobre autorepresentación da identidade na música galega actual

‘Habelas hainas’: lendas, ritos e tradicións de San Xoán

A partir da medianoite do próximo venres, as cacheiras iluminarán Galicia para celebrar o novo ano solar na noite máis mística do ano

Os hórreos, candidatos a converterse en patrimonio inmaterial

Varias asociacións culturais de Galicia, Asturias, León, Cantabria, País Vasco, Navarra...