Martes 19 Marzo 2024

Ciencia en tres minutos: así será o primeiro concurso de monólogos científicos en galego

O certame celebrarase o sábado 5 de novembro no Auditorio do Vello Cárcere de Lugo e contará con oito participantes

Sería posible falar do proceso de división celular en tan só tres minutos e de xeito ameno e entretido? A resposta, sen dúbida, é afirmativa. Ou iso defenden as divulgadoras galegas Andrea Muras e Eva Cabanelas, impulsoras de Ciencia Calidade, o primeiro concurso de monólogos científicos en galego. O certame, que xa seleccionou os seus oito participantes, celebrarase o sábado 5 de novembro no Auditorio do Vello Cárcere de Lugo. “Non imos dar unha clase maxistral, senón que falaremos de temas tan diversos como a veterinaria, a bioloxía ou a química dende unha perspectiva divertida”, explica Muras.

Aínda quedan algúns detalles por pechar pero a conta atrás xa comezou. O motivo polo que as dúas divulgadoras galegas decidiron apostar por un formato semellante debeuse á súa participación en FameLab, un concurso estatal de monólogos científicos. “Esa experiencia marcounos. Tivemos moi bo ambiente cos compañeiros e aprendemos moito con eles, non só a través dos monólogos. Dábanos pena que en Galicia non houbese unha iniciativa semellante”, recorda Muras, ao tempo que matiza que foi na canle de Twitch Ciencia e Tal, coa que colabora GCiencia, onde xurdiu a sinerxía entre as dúas investigadoras.

Publicidade

“Hai quen pensa que o galego só serve para falar do cotiá, pero non é certo, tamén ten un oco na ciencia”

ANDREA MURAS, divulgadora científica

Ademais de intentar motivar os científicos a perderlle ao medo ao micrófono e ao escenario, Muras e Cabanelas tiñan claro que o concurso sería exclusivamente en galego. “Quixemos apostar por el porque hai quen pensa que só serve para falar do cotiá, do que non ten importancia. Pero non é así, tamén se pode falar de ciencia en galego e por iso lle intentamos dar un oco”, continúa explicando Muras, que anima o público a asistir ao certame, que se celebrará o primeiro sábado de novembro en sesión de tarde, cunha hora aínda por determinar.

Ata o de agora, a acollida de Ciencia Calidade está a ser boa nas redes sociais, segundo valora Muras. Pero lamenta que falten perfís máis diversos. Tanto a ela como á súa compañeira gustaríalles ter participantes procedentes doutras áreas, como a física e a tecnoloxía. “Hai campos que non logramos cubrir ben. Ás veces son temas pouco agradecidos aos que hai que tentar darlle unha volta para que sexan máis atractivos”, asegura Muras. A divulgadora pon esperanzas nas próxima edición do concurso, que nace cunha clara vontade de continuidade.

Os participantes

A primeira edición de Ciencia Calidade conta con oito participantes especializados en diferentes áreas científicas. Xa hai sete nome revelados e aínda falta o que peche a lista. Un deles é Alejandro Gómez Pazo, doutor en Xeografía e investigador posdoutoral. O seu campo de investigación céntrase nos cambios do litoral para coñecer as súas dinámicas e anticiparse aos efectos do cambio global. Outro dos concursantes é José Iglesias Moure, biólogo e actualmente estudante de mestrado. Segundo el mesmo declara nas redes de Ciencia Calidade, a súa paixón é a investigación biomédica. Outro dos compañeiros é David García Dios, graduado en Veterinaria e investigador predoutoral. Nestes momentos está a desenvolver unha tese sobre as enfermidades parasitarias.

A investigadora Eva Cabanelas durante a súa participación no FameLab.
A investigadora Eva Cabanelas durante a súa participación no FameLab.

A estes nomes súmase o de Marta Trillo Domínguez, que está a estudar actualmente o Grao en Biomedicina e, nun futuro, gustaríalle dedicarse á investigación básica. Tamén está a química Ángela Arnosa Prieto, estudante de doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela (USC), que está a desenvolver a súa tese na área da ciencia de materiais. O sexto nome é o de Miriam Cebey López, licenciada en Farmacia pola USC e doutora en infeccións respiratorias pediátricas. Actualmente traballa como xestora de Transferencia e Innovación en FIDIS. A última concursante confirmada é Uxía Yáñez Ramil, tamén veterinaria e estudante de doutoramento, que traballa actualmente na mellora do benestar e rendemento das granxas de vacún.

O evento, ademais de estar organizado por Cabanelas e Muras, conta coa colaboración da Asociación Galega de Comunicación e de Cultura Científica e Tecnolóxica (Divulgacción). Tamén teñen o apoio de GCiencia, a Deputación e o Concello de Lugo, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), a empresa AllGenetics, a Editorial Xerais, Rei Zentolo, Cienytech, PuntoGal e Hablando de Ciencia.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

María Canosa e Andrea Muras, nos faladoiros de ciencia de Afundación TV

As expertas divulgarán aspectos das materias nas que traballan en encontros virtuais que terán lugar os días 19 e 26 de outubro

Un revolucionario achado dental feito en Galicia, no aire por falta de financiamento

A tese de Andrea Muras, do grupo Aquabiotec da USC, demostra por primeira vez a relevancia dun tipo de comunicación bacteriana na aparición da placa

A alternativa aos antibióticos contra a placa dental idéase en Galicia

Científicos da USC investigan desde hai anos o uso dunha encima para "incomunicar" ás bacterias causantes de doenzas bucodentais

“Las bacterias de mi boca”, o monólogo gañador de Andrea Muras

A bióloga pontevedresa, do grupo Aquabiotec da Universidade de Santiago, pasa a final estatal do certame Famelab