Luns 14 Outubro 2024

Un revolucionario achado dental feito en Galicia, no aire por falta de financiamento

A tese de Andrea Muras, do grupo Aquabiotec da USC, demostra por primeira vez a relevancia dun tipo de comunicación bacteriana na aparición da placa

Un grupo de investigación conformado por científicas da Universidade de Santiago de Compostela, o Sergas e a empresa Dentaid conseguiron demostrar, despois de moitos anos, a relevancia dos procesos de comunicación bacteriana na cavidade bucodental na súa relación  coa aparición da placa. O achado, publicado na revista Scientific Reports, do grupo Nature, podería ter un importante impacto no tratamento das enfermidades orais máis frecuentes (a carie, a xenxivite e a periodontite), que se desencadean debido a un desequilibro na poboación bacteriana que acaba ocasionando a formación de placa.

O artigo amosa os resultados da tese de doutoramento da científica Andrea Muras Mora, que a pesar da publicación do seu traballo na prestixiosa revista, ve no aire a súa continuidade como investigadora debido á falta de financiamento estable. “Este xoves, se nada cambia, vou ao paro, aínda que igual podo prorrogar o contrato unhas semanas máis. Á parte do financiamento dalgunha empresa coa que colaboramos, non nos seleccionaron en ningunha convocatoria pública para este proxecto en concreto. No noso grupo vivimos case ao día”, resume.

Publicidade

O escenario de incerteza que se abre cara ao futuro podería ocasionar, segundo Muras, que o grupo da USC liderado pola profesora Ana Otero perda forza na carreira por levar á práctica este achado. “É un avance moi importante, e temos bastante confianza en que vai ser moi citado noutras investigacións; pero tamén corremos o risco de que a xente que investiga estes temas poida tomar a dianteira e obter froitos antes, por ter máis financiamento”.

A súa investigación identifica “de forma inequívoca” a presenza dun tipo de sinais de comunicación concretas en diferentes mostras orais e a súa produción polo importante patóxeno oral Porphyromonas gingivalis. Así, o traballo expón a importancia dos procesos de comunicación bacteriana, tamén chamados quorum sensing, mediados por un tipo específico de moléculas dentro da cavidade oral e a súa relación coa formación da placa dental.

Publicidade

“As bacterias ‘falan’ entre elas para poñerse de acordo e facer cousas, e xa se sabía desde hai tempo que usaban dous tipos de comunicación na boca, pero críase que un terceiro tipo de sinal non era relevante en asuntos como a formación da placa”, explica Andrea Muras. Por tanto, tal e como destacan as autoras do traballo  “ata agora este tipo de moléculas de comunicación bacteriana, chamadas acil-homoserin lactonas (AHL), pasaran por completo desapercibidas xa que a comunidade científica, que non as consideraba relevantes dentro da cavidade oral”.

“É unha liña que a profesora Otero, investigadora principal do grupo Aquabiotec, iniciou sen recursos e de forma autodidacta e coa que xa levabamos traballando bastantes anos, e había evidencias de que este tipo de sinais podían existir. Porén, nunca se puido demostrar ata agora. Había algunhas pistas que nos levaban por ese camiño, pero non se puidera constatar”, engade Andrea Muras.

Alternativa a antibióticos e as súas resistencias

A importancia do avance radica, engaden as investigadoras, en que se dispón de ferramentas para bloquear esta vía de comunicación, un proceso coñecido como quorum quenching, inhibindo así a formación da placa dental. O quorum quenching considérase unha interesante alternativa ao uso dos antibióticos xa que ao non matar directamente ao patóxeno senón simplemente bloquear a súa virulencia (antipatoxénico), non se espera que xeren as tan problemáticas resistencias.

Na investigación tamén se demostrou que o uso de compostos de quorum quenching con actividade específica contra estes sinais, como a encima Aii20J, patentada polo grupo da USC, ten un papel prometedor. A presenza deste encima “inhibiu significativamente a formación de biopelículas orais en diferentes modelos in vitro e causou cambios importantes na composición bacteriana”, explican.

Estes avances “non só permitirán comprender mellor a comunicación dos microorganismos bucodentais, senón que abren a posibilidade de usar técnicas baseadas en silenciar ás bacterias para previr e tratar enfermidades orais tremendamente comúns como a carie ou a enfermidade periodontal”.

Gran prevalencia mundial

O impacto desta investigación pode ser moi importante, xa que as principais enfermidades orais son, segundo apuntan as científicas da USC,”a cuarta patoloxía máis cara de tratar a nivel mundial”. “A carie está considerada pandemia nos países industrializados, onde entre o 60%-90% dos escolares e case o 100% dos adultos ten ou tivo carie dental, e a enfermidade periodontal é a principal causa de perda de pezas dentais en adultos, afectando nas súas fases máis avanzadas (periodontite grave) ao 15%-20% dos adultos de idades comprendidas entre os 35 e 44 anos”, destacan as investigadoras.

Outro dos factores que engaden valor ao traballo é que “nos últimos anos púxose de manifesto que as enfermidades orais tamén deben considerarse un factor de risco noutras patoloxías tan importantes como as enfermidades cardiovasculares, o cancro oral e de páncreas, e mesmo a enfermidade de Alzheimer“, lembran as científicas da USC. “É por tanto crucial o desenvolvemento de novas terapias non agresivas para o tratamento das enfermidades orais”, conclúen.


Referencia: Acyl homoserine lactone-mediated quorum sensing in the oral cavity: a paradigm revisited (Publicado en Scientific Reports).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ciencia en tres minutos: así será o primeiro concurso de monólogos científicos en galego

O certame celebrarase o sábado 5 de novembro no Auditorio do Vello Cárcere de Lugo e contará con oito participantes

A saliva do verme da cera contén encimas que degradan o plástico

O achado, realizado por un equipo de investigadores do CSIC, podería ter numerosas aplicacións no tratamento e reciclaxe deste tipo de residuos

Por que non deberías tomar paracetamol para pasar a resaca

O catedrático da USC Francisco Otero explica neste artigo como reacciona o noso organismo polo exceso de alcol e o uso de fármacos para combater estes efectos

María Canosa e Andrea Muras, nos faladoiros de ciencia de Afundación TV

As expertas divulgarán aspectos das materias nas que traballan en encontros virtuais que terán lugar os días 19 e 26 de outubro