A alternativa aos antibióticos contra a placa dental idéase en Galicia

Científicos da USC investigan desde hai anos o uso dunha encima para "incomunicar" ás bacterias causantes de doenzas bucodentais

Ana Parga, Ana Otero e Andrea Muras, científicas do grupo Aquabiotech da USC que investigan a comunicación da placa bacteriana. Foto cedida por Andrea Muras.
Ana Parga, Ana Otero e Andrea Muras, científicas do grupo Aquabiotech da USC que investigan a comunicación da placa bacteriana. Foto cedida por Andrea Muras.

Cada ano no mundo pérdense millóns de pezas dentais debido á periodontite ou piorrea, a doenza bucodental máis común no mundo. A principal forma de atallala é a prevención na aparición da placa, pero en moitos casos xa é demasiado tarde para frear o deterioro na enxiva e os dentes. E ás veces, o problema non fica na boca, xa que estas bacterias poden trasladarse a través do sangue a outras partes do corpo, provocando serias patoloxías cardíacas ou dixestivas.

“A placa dental é un medio idóneo para que as bacterias se multipliquen e actúen. Se non se fai nada, esta película comeza a calcificarse formando o sarrio, e iso non é posible retiralo co cepillado, senón que require unha limpeza profesional. Ademais, as bacterias destrúen pouco a pouco a enxiva e o óso que soporta ao propio dente, chegando nos casos máis avanzados a producir a perda dos dentes”,  explica Simón Pardiñas, director da Clínica Médico Dental Pardiñas da Coruña.

Os remedios máis comúns requiren, alén da limpeza, o uso de antibióticos para evitar a reaparición destas bacterias daniñas, pero cando se prolongan estes tratamentos poden xurdir problemas que dificultan a cura: a resistencia das bacterias, que acaban adaptándose para sobrevivir a quen as combate, e a alteración dos microbios orais poden xerar complicacións na saúde dos pacientes. No marco dun problema crecente co fortalecemento dalgunhas bacterias, investigadores de todo o mundo buscan solucións. Un deses grupos traballa desde Santiago de Compostela desde hai unha década, e ten recibido, entre outros recoñecementos, dous premios da Real Academia Galega de Ciencias.

A orixe, na acuicultura

Ana Otero é profesora e investigadora na Universidade de Santiago de Compostela e dirixe o grupo de investigación en Acuicultura e Biotecnoloxía (Aquabiotech). Un equipo que mantén liñas de estudo sobre a prevención de enfermidades nas especies que se usan na acuicultura, de especial relevancia en Galicia. Foi aquí, precisamente, onde atoparon a encima que da pé a esta historia. “Coñeciamos un composto que era efectivo nas infeccións bacterianas que podían xurdir na acuicultura, e comezamos a investigar como podería funcionar en saúde bucodental. A acuicultura e a saúde humana teñen unha cousa en común: os antibióticos non se poden usar de forma prolongada porque ás veces aparecen resistencias”, explica Otero. Así, uniron as súas forzas a científicos da área de Estomatoloxía, tamén da USC, para seguir avanzando nun grupo multidisciplinar.

Esta liña, que comezou hai máis de 15 anos, deu un paso importante no 2010, cando foi galardoada polo seu traballo de investigación básica. En 2013 patentaron a encima que estaban estudando e, en 2016, a Academia de Ciencias premiounos de novo polo seu proxecto en colaboración coa empresa catalá Dentaid, coa que se conseguiu aplicar unha estratexia alternativa aos antibióticos e antisépticos, actuando sobre os procesos de comunicación da placa dental.

Cortar a comunicación das bacterias

Naquel momento, a científica Andrea Muras estaba xa afondando no coñecemento da comunicación entre bacterias no grupo Aquabiotech, tema sobre o que xirou a súa tese de doutoramento. “Unha das moitas virtudes das bacterias é que poden comunicarse e coordinarse entre elas, e son capaces de detectar cando son máis e levan as de gañar: poden producir luz, atacar ou defenderse. Unha destas formas de defenderse é a capacidade que teñen para formar biopelículas, como o verdello que vemos nalgunhas rochas, ou a placa que se forma nos nosos dentes. Unha vez que se forma, os antibióticos e o resto de tratamentos teñen máis difícil entrar e combatelas”, explica Muras.

E aquí é onde intentou actuar o grupo de científicos da USC. “Esta encima que atopamos e patentamos consegue cortar esa comunicación e impide que as bacterias formen a biopelícula da placa bacteriana. Non as matamos, senón que evitamos que as bacterias se peguen ás enxivas e fagan progresar a enfermidade”, engade Ana Otero.

Na imaxe, diferenza entre a biopelícula que se adoita formar en presenza de placa bacteriana e a biopelícula formada cando se incorpora a encima desenvolvida polo grupo Aquabiotec. Foto cedida por Andrea Muras.
Na imaxe, diferenza entre a biopelícula que se adoita formar en presenza de placa bacteriana e a biopelícula formada cando se incorpora a encima desenvolvida polo grupo Aquabiotec. Foto cedida por Andrea Muras.

É, por tanto, un enfoque máis preventivo que de curación, que podería aplicarse antes de que xurda o desgaste irreversible nos dentes e as enxivas. “A idea é introducilo como colutorio ou en forma de dentífrico. Non ten toxicidade, nin efectos adversos na saúde, polo que promete ser unha alternativa moi interesante”, apunta a líder do grupo Aquabiotec.

Un camiño con moito futuro

Os investigadores seguen traballando para perfeccionar a fórmula. Algúns dos ensaios in vitro falan dunha redución de máis do 80% na formación de placa dental en pacientes sans, e de arredor do 50% en pacientes con patoloxías bucodentais. “Temos que saber mellor cales son as bacterias que saen prexudicadas e cales se benefician para evitar unha alteración na microbiota, pero os resultados son bastante esperanzadores”, adianta Otero.

Desde a Clínica Médico Dental Pardiñas da Coruña, o seu equipo de odontólogos leva anos afondando nas liñas de investigación como as que desenvolve o grupo da USC. Simón Pardiñas colabora, no marco da súa tese de doutoramento, co grupo de Terapia Celular e Medicina Rexenerativa do Inibic, despois de realizar un máster de cirurxía oral e periodoncia pola Universidade de Nova York. “Nos últimos anos estamos detectando un aumento de novas resistencias a antibióticos nos tratamentos bucodentais, polo que hai que intentar reducir na medida do posible o seu uso”, explica o odontólogo.

Así, expón que “investigacións coma estas marcan un bo camiño; nós xa estamos recomendando enxaugaduras con aceites esenciais como coadxuvante en certos tratamentos bucodentais que funcionan dun xeito semellante, e hai traballos que xa demostran a capacidade antibacteriana destas terapias”.

Con todo, Pardiñas aclara que cada caso é distinto: “O primordial é a prevención. Recoméndase que antes de optar por un ou outro tratamento se consulte co odontólogo, e se fagan revisións periódicas, porque a microbiota bucodental e o efecto que producen esas bacterias en cada persoa varía, e en función disto, os tratamentos tamén son diferentes”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.