Xenerais da Ulla: os cabalos do Entroido

Esta espectacular tradición une aos concellos de Boqueixón, A Estrada, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces

O Entroido galego ten o seu epicentro tradicional en Ourense, no triángulo Laza-Verín-Xinzo, cos seus peliqueiros, máscaras e cigarróns. Ten sona internacional cos seus domingos oleiros e fariñeiros. E mesmo ten algunha versión urbana como cos merdeiros de Vigo. Pero hai un Entroido tamén espectacular, cunha rica historia, moito máis ao norte, nas terras do río Ulla, dacabalo entre dúas provincias, que vai dende Santiago de Compostela a Vila de Cruces, pasando polos concellos de Boqueixón, A Estrada, Silleda, Teo, Touro e Vedra. Son os Xenerais da Ulla, unha festa cargada de cor e tradición que merece un recoñecemento por si mesma.

Trátase dunha celebración orixinal da comarca da Ulla, con referencias documentadas no século XIX, pouco despois da ‘francesada’, a ocupación de Galicia polas tropas napoleónicas e a guerra que asolou o pais no ano 1809. Tamén se fixa a súa orixe na revolución do 1846, que rematou coa batalla de Cacheiras, coas tropas de cada un dos bandos percorrendo os espazos en que hoxe se mantén vivo este entroido. Os disfraces militares tentaría ridiculizar estes feitos históricos, seguindo a antiga fórmula: ‘Traxedia+tempo= farsa’.

Publicidade

No ano 2013 esta tradición foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.

Antiga imaxe dos Xenerais da Ulla. Foto: xeneraisdaulla.com

Os personaxes máis relevantes desta celebración son os xenerais e os correos a cabalo que van disfrazados con vestimentas militares de época e outros adornos tamén nos cabalos. Acompañados de abandeirados, coros e comparsas, percorren as parroquias da zona e representan diversas escenas, coñecidos como atranques ou altos.

Publicidade

Estes atranques consisten nun enfrontamento dialéctico por parellas no que se fai burla de asuntos sociais de actualidade. As diferentes parroquias presentan incluso singularidades e manteñen os seus trazos definitorios. A espectacularidade deste Entroido tradicional galego logra atraer cada ano a numerosos visitantes á comarca do Ulla.

Os xenerais comezan unha batalla na tradicional festa.

Aínda que os días grandes dos Xenerais da Ulla son entre o sábado de Entroido e o mércores de cinza, a festa comeza moito antes. Calquera día nas semanas próximas podemos atopalos percorrendo as parroquias e lugares ao longo do día, dando “vivas” a veciños e visitantes, acompañados dun “exército” de abandeirados, coros, comparsas e parrandas e mesmo Xenerais infantís.

Aquí podes consultar o calendario para o ano 2020, que xa comezou o 1 de febreiro

Os personaxes deste Entroido fan moca dos militares tradicionais, das súas vestimentas e xeitos de conducirse. Os ‘Xenerais‘ evocan os uniformes militares decimonónicos. Na cabeza levan un rechamante “tricornio” (bicornio) rematado en plumas, frecuentemente de pavo real. Montan cabalos ricamente aparellados, destacando o espello que levan adornando a cabeza.

Os “Correos” visten camisa con gravata, guerreira e pantalón e cobren a cabeza coa “gorreta”. Van en cabalos engalanados con campaíñas.

Os xenerais van tocados con espectaculares plumas.

O “Abandeirado” adoita vestir un uniforme militar, o máis frecuente, aínda que tamén o de mariñeiro, e leva unha bandeira. “O rei e a raíña” visten capas e na cabeza levan unha coroa. Segundo a ocasión ou montan cabalos ou van nun carro. Tamén hai un “Coro principal, de bonito ou de mozos”, formado por rapaces e rapazas vestidos normalmente co traxe galego ou de montañés, xunto cun señorito e unha señorita. Interpreta cancións con letras satíricas compostas para a ocasión. E ás veces podemos ver un “Coro de vellos”, con xente de máis idade, xunto a personaxes singulares como ”o vello dos cornos”…

En resumo, os Xenerais da Ulla encarnan unha tradición que ten os seus alicerces na historia canda ao humor que caracteriza o Entroido. Todo un destino cara a unha das grandes citas da etnografía de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

O ‘cameo’ histórico de Castelao: as imaxes do rianxeiro no filme de ficción máis antigo de Galicia viaxan a Italia

O galego interpreta un pequeno papel como pastor protestante en ‘Miss Ledyia’, a película de 1916 que será proxectada no festival de cine mudo de Pordenone