Sería posible falar do proceso de división celular en tan só tres minutos e de xeito ameno e entretido? A resposta, sen dúbida, é afirmativa. Ou iso defenden as divulgadoras galegas Andrea Muras e Eva Cabanelas, impulsoras de Ciencia Calidade, o primeiro concurso de monólogos científicos en galego. O certame, que xa seleccionou os seus oito participantes, celebrarase o sábado 5 de novembro no Auditorio do Vello Cárcere de Lugo. “Non imos dar unha clase maxistral, senón que falaremos de temas tan diversos como a veterinaria, a bioloxía ou a química dende unha perspectiva divertida”, explica Muras.
Aínda quedan algúns detalles por pechar pero a conta atrás xa comezou. O motivo polo que as dúas divulgadoras galegas decidiron apostar por un formato semellante debeuse á súa participación en FameLab, un concurso estatal de monólogos científicos. “Esa experiencia marcounos. Tivemos moi bo ambiente cos compañeiros e aprendemos moito con eles, non só a través dos monólogos. Dábanos pena que en Galicia non houbese unha iniciativa semellante”, recorda Muras, ao tempo que matiza que foi na canle de Twitch Ciencia e Tal, coa que colabora GCiencia, onde xurdiu a sinerxía entre as dúas investigadoras.
“Hai quen pensa que o galego só serve para falar do cotiá, pero non é certo, tamén ten un oco na ciencia”
ANDREA MURAS, divulgadora científica
Ademais de intentar motivar os científicos a perderlle ao medo ao micrófono e ao escenario, Muras e Cabanelas tiñan claro que o concurso sería exclusivamente en galego. “Quixemos apostar por el porque hai quen pensa que só serve para falar do cotiá, do que non ten importancia. Pero non é así, tamén se pode falar de ciencia en galego e por iso lle intentamos dar un oco”, continúa explicando Muras, que anima o público a asistir ao certame, que se celebrará o primeiro sábado de novembro en sesión de tarde, cunha hora aínda por determinar.
Ata o de agora, a acollida de Ciencia Calidade está a ser boa nas redes sociais, segundo valora Muras. Pero lamenta que falten perfís máis diversos. Tanto a ela como á súa compañeira gustaríalles ter participantes procedentes doutras áreas, como a física e a tecnoloxía. “Hai campos que non logramos cubrir ben. Ás veces son temas pouco agradecidos aos que hai que tentar darlle unha volta para que sexan máis atractivos”, asegura Muras. A divulgadora pon esperanzas nas próxima edición do concurso, que nace cunha clara vontade de continuidade.
Os participantes
A primeira edición de Ciencia Calidade conta con oito participantes especializados en diferentes áreas científicas. Xa hai sete nome revelados e aínda falta o que peche a lista. Un deles é Alejandro Gómez Pazo, doutor en Xeografía e investigador posdoutoral. O seu campo de investigación céntrase nos cambios do litoral para coñecer as súas dinámicas e anticiparse aos efectos do cambio global. Outro dos concursantes é José Iglesias Moure, biólogo e actualmente estudante de mestrado. Segundo el mesmo declara nas redes de Ciencia Calidade, a súa paixón é a investigación biomédica. Outro dos compañeiros é David García Dios, graduado en Veterinaria e investigador predoutoral. Nestes momentos está a desenvolver unha tese sobre as enfermidades parasitarias.
A estes nomes súmase o de Marta Trillo Domínguez, que está a estudar actualmente o Grao en Biomedicina e, nun futuro, gustaríalle dedicarse á investigación básica. Tamén está a química Ángela Arnosa Prieto, estudante de doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela (USC), que está a desenvolver a súa tese na área da ciencia de materiais. O sexto nome é o de Miriam Cebey López, licenciada en Farmacia pola USC e doutora en infeccións respiratorias pediátricas. Actualmente traballa como xestora de Transferencia e Innovación en FIDIS. A última concursante confirmada é Uxía Yáñez Ramil, tamén veterinaria e estudante de doutoramento, que traballa actualmente na mellora do benestar e rendemento das granxas de vacún.
O evento, ademais de estar organizado por Cabanelas e Muras, conta coa colaboración da Asociación Galega de Comunicación e de Cultura Científica e Tecnolóxica (Divulgacción). Tamén teñen o apoio de GCiencia, a Deputación e o Concello de Lugo, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), a empresa AllGenetics, a Editorial Xerais, Rei Zentolo, Cienytech, PuntoGal e Hablando de Ciencia.