GCiencia amplía a súa oferta co lanzamento da canle de Twitch Ciencia e Tal

O portal da ciencia galega actualízase con novas seccións, cambios de deseño e produtos audiovisuais

Ciencia e Tal
Imaxe dun directo de Ciencia e Tal.

GCiencia estrea este mércores a súa primeira canle de Twitch. Trátase de Ciencia e Tal, o proxecto lanzado por Iván Varela e Paula Otero, que se ten convertido no seu primeiro ano e medio de existencia nunha referencia dentro da divulgación científica en Galicia. O de Ciencia e Tal será a primeira dunha serie de plataformas que promoverá GCiencia nos próximos meses, para ampliar a súa oferta con contidos en novos formatos como o audiovisual ou o podcast.

Ciencia e Tal forma parte dun fenómeno en constante crecemento dende a pandemia e o confinamento, coa explosión de plataformas de streaming en directo que abriron a boa parte da sociedade unha xanela á creación e difusión de contidos. No eido da divulgación científica, canles como a liderada por Otero e Varela tratan de conxugar o fomento do coñecemento e o método científico cunha perspectiva máis recreativa. “Falamos do que nos apetece falar, con temas desenfadados, que teñan saída tamén nun público cun perfil non científico. É algo así como tomar unha cervexa ou un café virtual, pero coa idea de compartir a necesidade de ter en conta a ciencia para tomar decisións informadas”, resumen Paula e Iván.

O sinal de identidade de Ciencia e Tal é a aposta por figuras que están empezando a súa carreira investigadora

O sinal de identidade de Ciencia e Tal é a aposta por figuras que están empezando a súa carreira investigadora. “Decidimos centrarnos en xente nova, que están desenvolvendo proxectos moi interesantes e que teñen moito que contar e moitas veces non aparecen tanto nas noticias”, conta Otero, investigadora do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermedades Crónicas (CiMUS), da USC. Varela é doutor en Ciencia e Tecnoloxía Química pola universidade compostelá e profesor de Física e Química, e antes de emprender o seu actual proxecto divulgativo impulsou A Camisola, que tamén abordaba a divulgación científica con entrevistas en directo a través de Twitch.

Paula Otero e Iván Varela.
Paula Otero e Iván Varela.

Polos directos de Ciencia e Tal pasaron investigadores diversos e en etapas profesionais moi diferentes, desde predoutorais a catedráticos, con especial fincapé na xente nova e nas mulleres. Entre os invitados dos últimos programas figuran Alicia Bruzos, investigadora predoutoral no CiMUS; Juan Calderón, investigador posdoutoral Marie Curie no IGFAE; David Fernández e Damián Padín, investigadores posdoutorais traballando en laboratorios Premios Nobel; Tamara Dacoba, investigadora posdoutoral en nanotecnoloxía no MIT; Paula Rodríguez, investigadora en veterinaria e premio Talento Mozo da Xunta; Tomás Mato, Lead Data Scientist en La Roche; Uxía Vázquez, da ONG Cemma Cetáceos, ou Roberto Barcala, unha das personalidades máis relevantes a nivel nacional no ámbito do socorrismo e a actividade física, entre outros.

Os directos de Ciencia e Tal manteránse os mércores ás 21,00 horas e quedarán accesibles durante un tempo na propia páxina da plataforma e de maneira indefinida na súa canle de YouTube. GCiencia ofrecerá ligazóns aos directos e informará puntualmente dos mesmos desde a súa web e redes sociais.

Outras novidades en GCiencia

O lanzamento de Ciencia e Tal coma canle de GCiencia coincide con outras novidades no portal da ciencia galega, que estrea este venres novas seccións, reformula outras e lanza a súa canle de Telegram, entre outros cambios. No campo audiovisual, GCiencia desenvolve actualmente o proxecto Desmontando Mitos, unha sección impulsada co apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt) —do Ministerio de Ciencia e Innovación— e da Universidade de Santiago de Compostela, consistente na creación de 10 proxectos audiovisuais sobre falsos mitos relacionados coa alimentación, o cambio climático, a ecoloxía ou a saúde. Nos próximos días, comezará outra serie de capítulos do Dicionario da Ciencia, realizado co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

GCiencia afronta o seu noveno ano de existencia como medio líder entre os dixitais galegos en seguidores en redes sociais

GCiencia afronta o seu noveno ano de existencia como medio líder entre os dixitais galegos en seguidores en redes sociais e como un dos xornais de maior tráfico en Galicia. O xornal ten sido distinguido nos últimos anos cun Premio Prismas —o Goya da divulgación científica en España— ao mellor novo medio de 2019, así como co Premio da Crítica de Galicia, que na súa edición de 2020 lle concedeu o galardón na categoría de iniciativas culturais e científicas. O xurado salientou a aposta “polo fomento e transmisión de contidos científicos e tecnolóxicos en lingua galega e dirixidos a un público xeralista”. Ademais do seguimento de GCiencia, valorouse “a relevante achega que supón este portal para normalizar o uso do noso idioma tanto na ciencia como na rede, alén de promocionar os valores humanistas da propia ciencia”.

No pasado decembro, o xornal da ciencia foi merecedor dunha meción especial Periodismo e Divulgación Científica, concedida pola XII Reunión de Mozos Investigadores no Estranxeiro. GCiencia tamén gañou outros premios como o Rosalía de Castro 2019, concedido pola Deputación da Coruña pola contribución ao uso do idioma galego; o Mil Primaveras de 2019, otorgado pola pola Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística tamén polo uso do galego, e o Premio de Xornalismo Dixital do Foro da Comunicación de Galicia, entre outros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.