Venres 19 Abril 2024

Un estudo desbota que Galicia fora un refuxio dos osos pardos durante as glaciacións

Durante as glaciacións do Pleistoceno, as poboacións de numerosas especies europeas sufriron contraccións e expansións do seu hábitat debido ao avance e retroceso do xeo. Nestes cambios baséase a teoría dos refuxios glaciais, que pretende explicar a relación xenética de distintas poboacións de animais e plantas do norte e do sur de Europa. Así, as penínsulas meridionais (Iberia, Italia e os Balcáns) serían o refuxio das especies menos adaptadas ao frío.

Un dos exemplos é o oso pardo (Ursus actos). Todo parecía indicar que, coa análise xenética dos osos que actualmente habitan Iberia e a súa relación cos ursos do sur de Escandinavia, existiu unha migración sur-norte que explicaría este vínculo. Para corroboralo, as investigadoras galegas Aurora Grandal e Ana García, do Instituto Universitario de Xeoloxía da Universidade da Coruña, estudaron restos dos osos post e preglaciares da Península, por medio do carbono 14 e do ADN mitocondrial.

Publicidade

Durante as glaciacións, as especies migraban segundo o avance e retroceso do xeo

“Nada parece indicar que na península Ibérica existiu un refuxio desde o que logo se expandiron cara o resto da Europa Atlántica, senón que o oso pardo debeu de extinguirse ou foi unha poboación pequena que non deixou descendencia despois do último máximo glacial nesta zona”, explica Ana García, autora principal do estudo. Non en tanto, “aínda que pertencen ao mesmo grupo que os preglaciais ibéricos, os osos postglaciais ibéricos están máis preto en canto ao seu ADN mitocondrial aos osos extintos de Inglaterra e aos actuais de Escandinavia que aos ibéricos de antes das glaciacións”, engade a investigadora galega.

No estudo, publicado en Historical Biology, relacionáronse as datacións obtidas polas científicas galegas coas realizadas noutras zonas de Europa occidental. Xunto á información obtida co ADN mitocondrial de osos actuais e fósiles, chegouse á conclusión de que os actuais osos da península Ibérica chegaron aquí despois de expandirse desde un refuxio ou refuxios centrais, como poderían ser Francia ou os Países Baixos. Así, espalláronse primeiro ás Illas Británicas, cando estas estaban conectadas co continente, hai uns 15.000 anos, e despois cara Iberia, cun retardo de aproximadamente 5.000 anos; e por último, hai uns 9.000 anos, chegaron ao sur de Escandinavia cando o xeo se retirou e a zona comezou a ser habitable.

As principais implicacións deste estudo son os avances na localización física do buscado refuxio glaciar. “Sería interesante poder secuenciar os osos pardos fósiles de Francia” para avanzar nesta nova visión, sinala Ana García. “Na actualidade só hai uns poucos datos dos últimos sete milenios que non dan luz sobre o tema, polo que sería preciso secuenciar osos pardos máis antigos”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atopan gravados neandertais con máis de 57.000 anos de antigüidade en Francia

Nunha cova do val do río Loira descobren unha serie de marcas non figurativas que foron realizadas coa man de forma deliberada

Ernest Bazin, un colosal inventor na ría de Vigo

O enxeñeiro francés patentou revolucionarios buques e aeróstatos, e presentou na ría grandes adiantos para rescatar os tesouros de Rande

Son preocupantes as infeccións asociadas ao consumo de pizzas contaminadas en Francia?

O produto, que non foi distribuído en España, contiña a bacteria 'Escherichia coli' produtora da toxina Shiga, que causou a morte de dous nenos

Como a ciencia abriu a correspondencia secreta de María Antonieta

Os raios X reescriben as cartas censuradas que a raíña francesa enviou, hai máis de dous séculos, ao seu íntimo amigo, o conde de Fersen, antes da guillotina