Nos confíns do Sistema Solar móvense catro planetas ananos, entre os que destaca Haumea pola súa forma extremadamente achatada e rápida rotación. Agora, mediante unha ocultación estelar, investigadores do Instituto de Astrofísica de Andalucía lograron determinar as características principais deste corpo e descubriron a sorprendente presenza dun anel ao seu ao redor.
Máis aló da órbita de Neptuno existe un cinto de obxectos formados por xeo e rocas entre os que destacan catro planetas ananos: Plutón, Eris, Makemake e Haumea. Este último, o máis descoñecido de todos, foi obxecto dunha campaña internacional de observación que permitiu determinar as súas características físicas principais.
Os resultados do estudo, encabezado por astrónomos do Instituto de Astrofísica de Andalucía (IAA-CSIC) e publicado esta semana na revista Nature, depararon unha sorpresa: Humea ten un anel, localizado a 2287 quilómetros respecto ao centro do corpo principal e máis escuro que a propia superficie do planeta anano.
“Un dos achados máis interesantes e inesperados foi o descubrimento deste anel ao redor de Haumea”, subliña Pablo Santos-Sanz, membro do equipo do IAA-CSIC e coautor do traballo, que contextualiza o achado: “Ata hai uns anos só coñeciamos a existencia de aneis arredor dos planetas xigantes (como Saturno) e, fai moi pouco tempo, o noso equipo tamén descubriu que dous pequenos corpos (Cariclo e Quirón) situados entre Xúpiter e Neptuno, pertencentes á familia de obxectos denominados centauros, teñen aneis densos, o que foi unha gran sorpresa”.
“Pero agora, ademais, descubrimos que corpos aínda máis afastados que os centauros, máis grandes e con características xerais moi distintas, tamén poden ter aneis”, destaca o investigador. De feito, trátase do primeiro achado dun anel ao redor dun obxecto transneptuniano, e mostra que a presenza destes xigantescos ‘aros’ podería ser moito máis común do que se cría, tanto no noso sistema solar como noutros sistemas planetarios.
Investigadores andaluces publican os detalles sobre o planeta anano Haumea
“Hai varias explicacións posibles para a formación do anel, por exemplo puido orixinarse tras unha colisión con outro obxecto, ou pola liberación de parte do material superficial debido á rápida rotación de Haumea”, apunta José Luis Ortiz, o investigador do IAA-CSIC que encabeza esta investigación, realizada coa axuda dunha estrela.
Os obxectos transneptunianos resultan moi difíciles de estudar debido ao seu reducido tamaño, ao seu baixo brillo e ás enormes distancias que nos separan deles. Un método moi eficaz pero complexo reside en estudar as ocultacións estelares, que consisten na observación do paso destes obxectos por diante das estrelas de fondo (unha especie de pequena eclipse). Este método permite determinar as súas características físicas principais (tamaño, forma, densidade) e foi tamén empregado cos planetas ananos Eris e Makemake con excelentes resultados.
Haumea é o quinto planeta anano (contando ao próximo Ceres) e é un obxecto curioso: xira ao redor do Sol nunha órbita elíptica que tarda 248 anos en completar (na actualidade áchase a unhas cincuenta veces a distancia entre a Terra e o Sol de nós), e a súa velocidade de rotación é de 3,9 horas, moito máis rápido que calquera outro corpo de máis de cen quilómetros de todo o sistema solar.
Esta velocidade provoca que Haumea se deforme, adquirindo unha forma elipsoidal similar a un balón de rugby. Grazas aos datos recentemente publicados, coñécese que Haumea mide uns 2.320 quilómetros no seu lado máis longo, case igual que Plutón, pero que carece dunha atmosfera global similar á desoutro planeta anano.