Loitando contra a invasión do nematodo do piñeiro

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán batalla contra este invasor que chegou a Galicia co século XXI e que ataca os nosos piñeirais

Europa libra unha batalla fronte ao nematodo do piñeiro (Bursaphelenchus xylophilus), organismo procedente de América do Norte, que ten castigado intensamente Portugal e tamén con incidencia no sur de Galicia. E no Centro de Investigación Forestal de Lourizán traballan para combater este parasito invasor, como explican neste vídeo divulgativo realizado polos investigadores do propio centro.

O  nematodo da madeira do piñeiro é a maior ameaza que sofren os nosos piñeirais actualmente. Trátase dunha especie invasora de tamaño microscópico con forma de verme que, fóra da súa área natural de distribución, causa a morte das árbores que infecta en cuestión de semanas cando se dan as condicións climatolóxicas adecuadas (elevadas temperaturas e baixas precipitacións que  estresan ao arboredo), que xa se dan na maior parte da península ibérica.

En 1999, detectouse por primeira vez en Europa, concretamente no distrito de Setúbal, en Portugal, preto de Lisboa. Sospéitase que chegou alí en barco, nun cargamento de madeira infectada. Tras esa introdución accidental a súa expansión foi constante e imparable, chegando na actualidade para infectar gran parte do territorio portugués.

En España detectáronse xa varios focos illados en zonas próximas á fronteira con Portugal en Extremadura, Galicia e Castilla y León. Algúns destes focos son seguramente consecuencia do transporte de madeira infectada desde Portugal que se puidese producir a pesar das restricións impostas para evitar a expansión da enfermidade.

A praga que mata os piñeiros ameaza a Rede Natura en Galicia

Outros focos poderían deberse a saltos por medios naturais desde as zonas infectadas, cada vez máis próximas á nosa fronteira. Varios destes focos puideron xa ser erradicados polos servizos de sanidade forestal, mentres que noutros se continúa traballando para conseguilo, sendo o sur de Galicia a zona máis crítica atendendo ao maior número de focos activos existentes na actualidade.

Voar sen ás

Unha particularidade do  nematodo é que, en por si, non ten capacidade de desprazarse dunha árbore a outra. Para facelo necesita da axuda dun insecto que o transporte. O aliado necesario en Europa atopouno nun escaravello da nosa fauna autóctona, o chamado  Monochamus galloprovincialis, un insecto de longas antenas común nos nosos bosques que se alimenta das pólas e perfora a codia das árbores para facer as súas postas.

Individualmente, este escaravello é unha praga secundaria debido a que, por si, non provoca a morte do arboredo. Pero desde a entrada do nematodo na península ibérica, este escaravello cambiou o seu status de insecto inofensivo a converterse no único vector do nematodo do piñeiro en Europa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.