Un novo estudo sobre o nematodo do piñeiro (Bursaphelunchus xilophilus), un verme que xa foi detectado nos últimos anos en Galicia e que pode matar estas árbores en só unhas semanas, pon unha vez máis de manifesto o risco que os bosques destas coníferas corren ante o avance deste becho, cos conseguintes danos para sectores como o forestal. A maioría da península Ibérica posúe unhas condicións climáticas axeitadas para a súa propagación. En Portugal levan anos loitando contra el, desde a súa introdución en 1999, detectada preto de Lisboa.
A nova investigación, realizada por Begoña de la Fuente, da Universidad Politécnica de Madrid, e Pieter Beck, do Joint Research Center (JRC) da Comisión Europea, avalía algunhas das consecuencias que esta especie pode causar, ou está xa causando, nos espazos protexidos da Rede Natura 2000 na península Ibérica. O estudo está centrado no caso de Portugal, aínda que tamén afonda nos posibles danos no resto da Península.

Entre outros aspectos, o traballo avalía en que medida a expansión desta praga podería provocar unha perda de conectividade entre os espazos forestais protexidos. É dicir, limitar o fluxo de especies autóctonas e dos xenes, sementes e pole que portan, duns espazos a outros. Esa perda “tería un efecto pernicioso sobre a saúde e persistencia dos nosos ecosistemas, especialmente nun contexto cambiante (polo cambio climático e outros factores) no que as especies necesitan reaxustar as súas áreas de distribución, movéndose a través do territorio, para adaptarse a estas dinámicas”, explica De la Fuente, segundo recolle a Axencia Sinc.
Así, a investigación identifica e caracteriza os corredores ecolóxicos prioritarios para o movemento das especies forestais entre os espazos protexidos da Rede Natura 2000 en Portugal. Estes corredores prioritarios, ou grandes vías de comunicación para a natureza, “son os que contribúen en maior medida a que os espazos protexidos non só queden reducidos a illas no territorio, senón que formen parte dunha rede conectada e efectiva capaz de garantir a longo prazo a viabilidade dos hábitats e especies que motivaron a declaración destes espazos”, engade Begoña de la Fuente.
Porcentaxes afectadas pola praga
Os resultados do estudo mostran que, segundo datos de outubro de 2016, case a metade (49%) dos bosques de coníferas da Rede Natura 2000 en Portugal, e máis de dous terzos (68%) dos situados nos corredores prioritarios entre espazos forestais protexidos están xa dentro da zona infectada polo nematodo.
Son cifras que poderían estar xa aumentando no país luso, e estenderse aos espazos protexidos de Galicia e España, dadas as taxas e zonas de expansión previstas para o nematodo do piñeiro na Península, como se cuantificaron recentemente mediante un modelo predictivo desenvolvido e validado tamén pola Universidade Politécnica de Madrid e o Joint Research Centre da Comisión Europea.

A ameaza do nematodo é especialmente seria nos aza desta praga invasora nos “hábitats prioritarios de dunas costeiras onde determinadas especies de piñeiros (como Pinus pinaster, moi presente en Galicia), altamente vulnerables desempeñan un papel fundamental dentro do ecosistema”, detalla a investigadora, quen agrega que o impacto da morte destas árbores podería comprometer severamente a persistencia a medio prazo destes hábitats prioritarios.
Ademais, o estudo identifica as zonas máis críticas e fráxiles dentro dos corredores prioritarios, os chamados pescozos de botella, onde a estreiteza do corredor e a degradación das condicións do territorio nas zonas adxacentes ao mesmo (no sentido de ser pouco adecuadas para o movemento das especies forestais) fan que a funcionalidade do corredor estea en maior risco de verse interrompida pola acción da praga se esta provoca a morte do escaso arboledo que o sustenta.
Os resultados mostran que as zonas infectadas polo nematodo cobren xa a maioría destas áreas críticas (60%), “o que alerta do risco de enfraquecemento do conxunto da rede ecolóxica e de incrementar o illamento de hábitats e espazos como os que proporcionan protección ás dunas costeiras”, asegura a experta. Así, o estudo pon de manifesto o importante impacto que o nematodo do piñeiro está a ter xa dentro dos espazos protexidos, “e aínda en maior medida fóra dos mesmos, pola infección de áreas boscosas que desempeñan un papel fundamental como corredores facilitadores do movemento das especies autóctonas entre os espazos forestais protexidos, e que carecen de protección ou medidas de xestión específicas para asegurar a longo prazo a continuidade desa función conectora”.
Que é o nematodo do piñeiro?
O verme Bursaphelunchus xilophilus é un organismo orixinario de Norteamérica, que nas últimas décadas se espallou por Asia e Europa causando graves danos no ecosistema. Afecta ás especies do xénero Pinus e outras coníferas, causando o decaemento das árbores, murchando o tronco e as follas.
O seu único vector, e principal responsable da súa dispersión, é o insecto coleóptero Monochamus galloprovincialis, facilitando ademais a súa supervivencia debido á estreita asociación do ciclo biolóxico de ambos.
No 1999, o nematodo foi detectado en Europa, preto de Lisboa. En 2010 detectouse por primeira vez en Galicia, no concello das Neves, e en 2016 apareceu de novo en Salvaterra do Miño, coas conseguintes restricións no comercio de madeira e dificultades para o sector forestal.
Recentes estudos, realizados na Universidade de Vigo, constataron o alto risco que corre Galicia na expansión da praga.