Sábado 27 Abril 2024

O enxeñeiro Fernando Aguado participa este martes en “Vigo Científico”

O coordinador da Agrupación Aeroespacial da UVigo participa nos encontros organizados polo Consorcio da Zona Franca e GCiencia

Despois do primeiro encontro do ciclo “Vigo Científico”, no que tomou parte a catedrática de Inmunoloxía África González o pasado 9 de marzo, este martes 23 será a quenda de Fernando Aguado Agelet, un dos investigadores de referencia en Galicia na enxeñaría das telecomunicacións e aeroespacial. O coloquio comezará ás 19.30 horas e poderá seguirse a través de gciencia.gal e as súas canles en Facebook e Youtube, e será introducido polo delegado do Estado na Zona Franca, David Regades.

Fernando Aguado é doutor e enxeñeiro en Telecomunicacións pola Universidade de Vigo. Actualmente é profesor titular do departamento de Teoría do Sinal e de Comunicacións na mesma universidade. A súa investigación céntrase na Enxeñaría de Sistemas para nanosatélites, as comunicacións espaciais e as constelacións de pequenos satélites.

Publicidade

Desde comezos de século converteuse nun dos principais artífices da posta en marcha da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo e do Centro Galego de Innovación Aeroespacial (CINAE), que involucrou a equipos de investigación e empresas para emprender a carreira espacial desde a cidade.

No eido empresarial, Aguado é asesor da spin-off Alén Space, compañía nacida na Universidade de Vigo e pioneira na filosofía do ‘new space’, a gran ventana de oportunidade que se abre ao ser posible o envío ao espazo de sistemas pequenos, baratos e rápidos accesible para un número moito maior de organizacións.

Desde o nacemento destas entidades, estes equipos conseguiron completar misións como a do Xatcobeo (2012), primeiro nanosatélite español, e en anos posteriores as do Humsat-D, o Serpens, o DustCube ou o Lume 1. Este mesmo luns, a través de Alén Space, lanzouse o primeiro satélite da constelación Sateliot, co que se dará un importante paso para achegar á cidadanía o internet das cousas (IoT) mediante a cobertura 5G. Ademais, un consorcio do que forman parte a UVigo e Alén Space foi seleccionado pola Axencia Espacial Europea para os plans de exploración das covas da Lúa.

Entre outros recoñecementos, o profesor Aguado é membro da Academia Internacional de Astronáutica, e foi elixido como pontevedrés do ano 2012 e recibiu, en nome do satélite Lume-1, o Premio da Crítica de Galicia 2019 na categoría de Investigación.

Vigo Científico terá as súas seguintes citas os días 13 e 20 de abril. Participarán, respectivamente, Begoña Vila, astrofísica viguesa que actualmente traballa na NASA, onde forma parte do equipo encargado da posta a punto do telescopio James Webb, o ‘sucesor’ do Hubble, e Manuel E. Garci, biólogo mariño, autor de numerosos documentais galardoados como O mar da fin do mundo ou O reino dos cefalópodos, que leva máis de 30 anos investigando e percorrendo os fondos mariños da ría de Vigo e divulgando o seu gran valor natural.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os pioneiros (vigueses) do Novo Espazo

Alén Space quere facer accesible o firmamento a todos os proxectos que melloren as nosas vidas con satélites que non superan os dez quilos

Un equipo galego lanza un satélite para impulsar a dixitalización do sector naval

As empresas Alén Space e Egatel validarán en órbita unha tecnoloxía que permitirá mellorar e actualizar as comunicacións mariñas

Hermes Smart Control, loxística innovadora para o sector industrial

A aceleradora BFAuto (Business Factory Auto), promovida pola Xunta a través...

Tecnoloxía viguesa desde Cabo Cañaveral: a misión Alfa Crux está lista para o seu lanzamento

A empresa Alén Space participou no desenvolvemento dun satélite da Universidade de Brasília, que viaxará este venres ao espazo