Hermes Smart Control, loxística innovadora para o sector industrial

A start-up viguesa deseña produtos para facilitar a monitorización de maquinaria e o seguimento de contedores

A aceleradora BFAuto (Business Factory Auto), promovida pola Xunta a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) xunto ao Cluster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA), Stellantis, o Consorcio Zona Franca de Vigo e a sociedade de capital risco Vigo Activo, foi un factor decisivo para a posta en marcha de Hermes Smart Control, unha start-up viguesa que durante a súa curta existencia (naceu no 2018) xa foi quen de desenvolver e comercializar produtos innovadores con solucións para a monitorización de maquinaria e mellora da loxística nas empresas, especialmente no sector do automóbil.

Xabier Barra, un dos socios fundadores da empresa, explica que a pandemia da Covid-19 fixo máis difícil o camiño de consolidación da empresa pero aos poucos van avanzando cos produtos que están a desenvolver. O principal deles é o Whimcom (Where is My Container) unha solución enfocada para a loxística do sector do automóbil e que permite coñecer en todo momento a localización e o estado dos contedores.

Publicidade

“É unha solución que ten un impacto moi importante para os clientes. Temos finalizada a fase de desenvolvemento do proxecto e agora estamos a iniciar a proba piloto. Agardamos tamén que o sector poida recuperarse pouco a pouco da crise vivida e que poidamos comercializar o produto con varios clientes que están xa moi interesados”, indica Barra.

A solución desenvolvida por Hermes baséase na implantación dun chip no contedor que permite en todo momento coñecer a súa localización.  O sistema utiliza a xeolocalización con coordenadas GPS sobre redes comerciais, o que fai que a súa cobertura poda ser mundial e os custes sexan moi baixos. A duración da batería é outro dos elementos resoltos por Whimcom, o que a converte nunha solución de plataforma aberta, robusta e adaptable a cada cliente. “É un produto que mistura hardware e software  e conta ademais cunha plataforma na nube, o que fai que o cliente non teña que instalar unha aplicación”, sinala Barra.

Publicidade

Outro dos produtos que xa está a comercializar a start-up viguesa é o Qair, un medidor de CO2 de gran calidade que pode usarse tanto en áreas públicas e privadas coma restauración, vivendas, oficinas ou bibliotecas. O dispositivo desenvolveuse durante a pandemia da Covid-19 xusto nun momento no que este tipo de produtos comezaron a ter  unha demanda moi elevada.

Mobocen é outra das solucións desenvolvidas por Hermes e neste caso trátase dun dispositivo que permite controlar o funcionamento da maquinaria. Permite monitorizar as vibracións e a temperatura das máquinas, de xeito que os clientes poden anticipar fallos nos diversos elementos dos aparatos. Con isto conséguese evitar fallos non previstos e reducir os custos de parada de liña, así como planificar mellor o mantemento da maquinaria.

OPORTO MELLOR CA MADRID

Barra sinala que a empresa actualmente se atopa nas instalacións do viveiro de empresas de Zona Franca de Vigo de Porto de Molle e tanto a aceleradora BFAuto como CEAGA seguen a prestar unha importante colaboración en diversos aspectos do seu desenvolvemento, como é a formación e tamén a captación de clientes.

A internacionalización é un proceso natural para Hermes, xa que a proximidade a Portugal fai que sexa un mercado natural para a empresa. “Polo de agora non nos plantexamos ir máis ala porque estamos a traballar cos círculos de proximidade e Oporto está moito máis preto que Madrid para nós”, apunta Barra.

Cara ao futuro, Barra sinala que a monitorización vai ser unha actividade moi importante e a súa empresa traballa nun sector que é o primeiro paso antes de poñer en marcha a intelixencia artificial. “Os datos son fundamentais para avanzar neste tipo de procesos e nós somos como as abellas que constrúen o panal para que despois alguén poda sacar o mel de aí”, indica o directivo de Hermes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un fármaco para recuperarse tras un ictus e unha tecnoloxía de selado de latas, Premios á Transferencia

Os galardóns que outorgan a Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galega de Innovación premian un grupo do IDIS e outro da UVigo

Galicia avanza cara un composto innovador con eficacia contra as células nai do cancro

O proxecto MEDICS do CIQUS, inicialmente apoiado polo programa Ignicia da Xunta de Galicia, desenvolve terapias innovadoras de baixa toxicidade para tratar tumores como os de colon ou páncreas

Do bicho da fariña ao envase sostible: a tese galega que transforma insectos en biofilms

Un proxecto da Universidade de Vigo e Cifga, apoiado polo programa Doutoramentos Industriais da Xunta de Galicia, explora o uso do escaravello ‘Tenebrio molitor’ para desenvolver materiais biodegradables de baixo impacto ambiental

Unha nova esperanza para deter a metástase no cancro dende A Coruña

O proxecto Canther do INIBIC, co apoio do programa Ignicia da Xunta de Galicia, impulsa un fármaco pioneiro que podería frear a propagación tumoral en cancro de colon, gástrico e de pulmón