Venres 29 Marzo 2024

Tres investigadores da USC realizarán estadías en EEUU grazas ás bolsas Fulbright

Carlos Ferrás Sexto, José Manuel Miranda López e Alberto Ruano Raviña participan nun programa de intercambio científico con máis de setenta anos de historia

Os investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Carlos Ferrás Sexto, José Manuel Miranda López e Alberto Ruano Raviña acaban de obter tres bolsas Fulbright que lles permitirán desenvolver estadías de investigación en Estados Unidos. Esta convocatoria enmárcase dentro do Programa de estadías de mobilidade de profesorado e persoal investigador español en centros estranxeiros do Ministerio de Universidades e en colaboración coa Comisión Fulbright.

De entre todas as solicitudes, a comisión de avaliación seleccionou preto de medio milleiro de candidaturas coa puntuación mínima esixida. Só 45 solicitantes obtiveron unha cualificación igual ou superior a 80 puntos no proceso de avaliación. Finalmente, as persoas seleccionadas foron convocados a unha entrevista con expertos e representantes da Comisión para aclarar aspectos relativos ao contido científico-técnico do proxecto.

Publicidade

Liñas de investigación

O profesor Carlos Ferrás desenvolverá unha estadía na Universidade de Berkeley na que profundará no eido da psicoxeografía. En concreto, o profesor Ferrás estudará a elaboración de mapas de estados de ánimo a partir das Tecnoloxías da Información e da Comunicación. Ferrás, que visitará Berkeley por terceira vez, considera que esta concesión constitúe “unha oportunidade para traballar con centros de investigación de prestixio” no marco dun proxecto que leva desenvolvendo dende o ano 2016 e co que agarda “expandir a utilidade” desta liña de investigación. Ferrás Sexto pertence á área de Xeografía Humana da USC.

Pola súa parte, a Universidade de Cornell acollerá durante tres meses ao profesor Manuel Miranda López da área de Nutrición e Bromatoloxía. O obxectivo da estadía é a aprendizaxe acerca da caracterización molecular de virus con potencial zoonótico. “Actualmente eles traballan sobre todo no estudo do virus Nipah, pero manifestáronme o seu interese por estender a súa actividade a virus con potencial de influír sobre bacterias potencialmente implicadas no desenvolvemento de enfermidades metabólicas no ser humano”, explica o profesor Miranda.

Finalmente, Alberto Ruano visitará a Universidad de Brown para “realizar investigacións sobre o radón residencial relacionadas coa Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica”. Xa en 2015, Ruano logrou a concesión doutra Fulbright que lle permitiu pasar tres meses na escola de Saúde Pública da Universidade de Brown, en Providence. Durante a súa estadía profundou nunha liña xa iniciada previamente por el na Escola de Saúde Pública de Harvard, en 2006, sobre o efecto molecular do radón residencial e como a exposición a este carcinóxeno humano pode producir cancro de pulmón. Ruano é catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública.

Pioneiro no intercambio científico

O Programa Fulbright creado en 1946, facilita na actualidade intercambios entre cidadáns de Estados Unidos e de máis de 160 países co obxectivo de incrementar o entendemento mutuo entre os Estados. Pioneiro no intercambio educativo, científico e cultural, máis de setenta anos despois segue sendo referencia internacional grazas aos máis de 390.000 participantes que o dotaron de recoñecemento a nivel internacional. Este Programa recibiu en 2014 o Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia notifica 10 mortes ao día por consumo de tabaco

A investigadora da USC Julia Rey Brandariz constata na súa tese que a comunidade galega é a duodécima que máis falecementos rexistra por esta substancia

O aire en Europa é o máis seco dos últimos 400 anos

Unha investigación demostra que, desde principios do século XXI, se está a producir un desecamento xeralizado debido á actividade humana

Identificada unha proteína esencial na regulación da obesidade

Un estudo do CSIC descobre que Dido1 ten unha función clave no desenvolvemento do tecido adiposo

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento