Sábado 20 Abril 2024

Un traballo da USC, mellor artigo de xeografía en revistas estranxeiras

O investigador Horacio García é o primeiro asinante da publicación, recoñecida co VIII Premio "Roser Majoral Moliné" da Asociación Española de Xeografía

A xeomorfoloxía aplicada e o seu papel para mellorar a ecoloxía fluvial e o deseño da políticas de restauración conforma o eixo sobre o que se asenta o traballo titulado Promoting fluvial geomorphology to “live with rivers” in the Anthropocene Era, cuxo primeiro asinante é o investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Horacio García. O traballo acaba de recibir o VIII Premio Roser Majoral Moliné ao mellor artigo de xeografía publicado en revistas científicas estranxeiras na súa edición de 2022. O xurado destacou “a orixinalidade no enfoque do traballo, o que probablemente o converterá nun artigo de referencia” no seu ámbito, tanto dende o punto de vista teórico e de reflexión sobre a disciplina, como para as administracións e profesionais competentes na xestión fluvial. O galardón é outorgado pola Asociación Española de Xeografía.

A xeomorfoloxía fluvial é a ciencia encargada dos procesos e formas presentes nun río: o caudal líquido —auga— e o caudal sólido —sedimentos, areas, gravas, cantos e madeira—. A función básica dun río consiste, precisamente, nese transporte de caudais das terras do interior cara ao mar, viaxe sobre a cal se artella a súa biodiversidade. O estudo desenvolvido polo investigador da Facultade de Xeografía e Historia céntrase no momento actual de cambio global dentro do evento xeolóxico denominado Antropoceno. A investigación conta con achegas de especialistas da USC e das Universidades de Zaragoza e do País Vasco, xunto con persoal investigador de Francia e Nova Zelandia.

Publicidade

24 entrevistas

O traballo contén máis dunha vintena de entrevistas a especialistas do eido da bioloxía, ecoloxía, xeografía, enxeñaría, xestión fluvial e planificación de diferentes países. “A pesar da importancia da xeomorfoloxía na comprensión da dinámica e funcionamento dun río, o artigo amosa que aínda queda un amplo camiño por percorrer, a pesar de que a Directiva Marco da Auga (200/60/CE) xa pon de manifesto tal importancia”, explica Horacio García. “Na nosa investigación detectamos tres barreiras —académicas, de xestión e sociais— que impiden que a xeomorfoloxía se implique máis na xestión dos nosos ríos”, engade.

En concreto, propuxéronse tres principios para convivir cos ríos, considerando a xeomorfoloxía como un dos factores clave no contexto de cambio global: traballar a través das fronteiras disciplinares, promover enfoques integrados e mellorar a educación fluvial. “As nosas conclusións consideran os ríos como sistemas naturais e dinámicos onde o coñecemento xeomorfolóxico pode axudar a mellorar a visión de ‘canle’ que se ten dos ríos e adoptar un enfoque transdisciplinar onde se deseñen obxectivos de xestión máis holísticos”, continúa o investigador da USC.

Un dos puntos máis salientables é o papel das enchentes dos ríos, “verdadeiro motor da súa dinámica e unha necesidade vital para preservar a ecoloxía dos sistemas fluviais”, matiza Horacio García. Con todo, o investigador subliña que as ametencias son tamén “un factor de risco que como sociedade fomentamos durante séculos e máis intensamente nas últimas décadas” ao ocupar o espazo do río e tratar de domesticar as súas canles. Alfredo Ollero, Askoa Ibisate, Ian C. Fuller, Russell G. Death e Hervé Piégay completan a listaxe de asinantes do artigo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Este mecanismo dana a capa dos nervios en doenzas como a esclerose múltiple

O estudo realizado por un equipo de investigación do CiMUS publícase este venres na prestixiosa revista ‘Science Advances'