Venres 23 Febreiro 2024

A UVigo analizará os sedimentos do Atlántico norte para obter datos sobre o cambio climático

A segunda fase do proxecto Bocasts2 estudará a fractura Bight e Charlie-Gibbs, lugares clave para a circulación oceánica global

Tras unha campaña inicial na que se está a estudar a temperatura, acidificación e falta de osíxeno no Atlántico norte, o proxecto Bocasts2 (Observación bienal del carbono, acidificación, transporte y sedimentación en el Atlántico norte) terá unha segunda fase que se iniciará en agosto e na que participarán expertos e expertas en oceanografía xeolóxica do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM-UVigo. O obxectivo de seis investigadores e investigadoras do CIM, xunto con especialistas  do Instituto de Ciencias do Mar de Barcelona (ICM-CSIC), Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CSIC) e da Royal Holloway University of London, é realizar unha análise dos sedimentos da zona de fractura de Charlie-Gibbs. Concretamente , preténdese obter varias sondaxes profundas aliñadas ao longo da zona que permitan interpretar as condicións paleoceanográficas e paleoclimáticas do Atlántico norte durante as últimas decenas de miles de anos.

O proxecto Bocats2 consta de dous subproxectos: un liderado por especialistas do IIM-CSIC e orientado ao estudo da columna de auga; e outro, liderado polo CIM, e dirixido á análise dos sedimentos. O investigador Guillermo Francés, coordinador desta segunda fase, explica que “o obxectivo conxunto consiste en avaliar a variabilidade da circulación profunda do Atlántico norte, mellorando a resolución espazo-temporal das correntes actuais e a escala submilenaria mediante datos paleoceanográficos obtidos en rexistros sedimentarios procedentes de lugares claves para a circulación oceánica global como son as zonas da fractura Bight e Charlie-Gibbs”. A obtención e análise destes datos, a través do buque oceanográfico Sarmiento de Gamboa, ten importancia porque “o seguimento presente e pasado da circulación e a acidificación oceánicas no Atlántico norte é esencial para avanzar na detección precisa do impacto antropoxénico e mellorar as proxeccións dos modelos climáticos que sustentan os informes do IPCC (Grupo Intergubernamental de Expertos sobre el Cambio Climático) para a rexión europea”, aclara Francés.

A importancia do Atlántico norte no clima da península ibérica

O investigador comenta que “o coñecemento das flutuacións oceanográficas e climáticas do pasado recente que responde a causas naturais é particularmente interesante nun contexto de cambio global asociado ás actividades humanas”. Debemos lembrar que o exceso de dióxido de carbono atmosférico xerado polas mesmas e o quecemento global asociado son mitigados, en boa parte, polos océanos, que absorben aproximadamente un terzo do CO2 emitido e acumulan máis do 90% do exceso de calor. Segundo Guillermo Francés, “este proceso está particularmente amplificado no Atlántico norte, onde a captación de CO2 supera nun 50% o valor medio oceánico, o que causa acidificación e que pode poñer en perigo o futuro dos ecosistemas bentónicos”.
 
Ademais, como consecuencia do quecemento oceánico estanse producindo outros dous fenómenos de importancia: a diminución do osíxeno disolto e a ralentización da circulación oceánica. Segundo o experto en oceanografía xeolóxica, “a cantidade de osíxeno disolto xa diminuíu aproximadamente un 2% con respecto ao período comprendido entre 1960 e 2010 e prevese que poida facelo ata un 7% adicional a finais de século. Pola súa parte, a circulación do Atlántico norte, que constitúe un elemento esencial na regulación do clima europeo e da península ibérica en particular, xa experimentou unha debilitación recente e as previsións do IPCC apuntan a que sexa máis acusada nas vindeiras décadas”. O que destaca o investigador é que “o propio IPCC resalta a falta de observación para poder cuantificar a magnitude desta redución”, de aí a importancia de proxectos coma estes. 

Onde?

A zona de fractura de Charlie-Gibbs, onde se realizará a campaña, é una gran falla transformante, que corta a dorsal centroatlántica, producindo unha pasaxe oceánica profunda que alcanza os 4000 m de profundidade e que constitúe a principal vía de comunicación para as augas intermedias e profundas entre as concas do norte oriental e occidental. A campaña comezará o 13 de agosto en Reikiavik e finalizará o 30 de agosto en Vigo e está financiada con 124.630 euros do Programa estatal de Xeración do coñecemento do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Primeira fase: oceanografía química

Bocats2 forma parte dun amplo proxecto que comezou en 2002 e que se pon en marcha cada dous anos. Os datos que recollen están abertos ao público en bases de datos internacionais e é a maior base de datos de dióxido de carbono que se obtén ao longo de toda a columna de auga do Atlántico norte. 

Na primeira fase do proxecto, na que participou o investigador do CIM, Marcos Fontenla, o equipo está a tomar datos entre tres e catro veces ao día en máis de 100 puntos do Atlántico norte para realizar perfís verticais de hidrografía da columna de auga para caracterizar a súa química. Con este datos poden ver os efectos do cambio climático nas masas de auga.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A primeira doutora en Aeroespacial da UVigo: “Espero que sirva para romper as barreiras de xénero”

Uxía García Luis, investigadora de atlanTTic, centrou a súa tese na fiabilidade das análises termo-elásticas dos telescopios espaciais

Un equipo da UVigo demostra a viabilidade de ir a Marte con propulsión solar

Investigadores do campus de Ourense presentan o deseño preliminar dun satélite e proban a superiorade deste novo sistema

Os osos polares, en risco de morrer de fame polo desxeo do Ártico

Un estudo demostra que as estratexias alimenticias destes animais para sobrevivir nunha contorna de terra non evitan que perdan peso

A UVigo adica febreiro a accións divulgativas polo Día da Muller e a Nena na Ciencia

O programa da Universidade de Vigo polo 11F inclúe obradoiros, feiras divulgativas, charlas e certames