Domingo 28 Abril 2024

GCiencia emprende un proxecto de divulgación do Parque Nacional Illas Atlánticas

Unha serie de reportaxes e audiovisuais e unha guía turística permitirán coñecer mellor os segredos científicos das illas galegas

GCiencia emprende este martes un proxecto divulgativo para dar a coñecer os mellores segredos científicos do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, consistente nunha serie de contidos escritos e audiovisuais. Durante as próximas catro semanas, o portal de divulgación de referencia en Galicia publicará tanto reportaxes como pezas documentais gravadas na zona, así como unha guía turística por entregas que se poderá descargar de forma gratuíta en formato pdf en gciencia.gal.

Os parques nacionais son espazos onde os procesos naturais se achan excepcionalmente ben conservados, representando auténticos laboratorios ao servizo do avance da ciencia, sempre respectuosa coa súa conservación. O plan director da Rede de Parques Nacionais establece precisamente como un dos principais obxectivos destes espazos a xeración dun marco para a investigación científica. Trátase dunha investigación con capacidade de contribuír á protección dos propios parques, coa particularidade de que tanto os retos que afronta como as súas posibles solucións son pouco coñecidos e atópanse en constante evolución.

Publicidade

A conservación do parque merece unha especial atención en razón dos seus excepcionais valores naturais

O Parque Nacional Illas Atlánticas é un espazo de alto valor natural e cultural, pouco alterado pola actividade humana. A súa conservación merece unha especial atención en razón dos seus excepcionais valores naturais, do seu carácter representativo, a singularidade da súa flora, da súa fauna ou das súas formacións xeomorfológicas. É ademais unha protección necesariamente compatible coa actividade económica. As súas illas son visitadas cada ano por centos de miles de persoas ávidas de coñecer a súa natureza, pero que deben entender que están a visitar lugares excepcionais, pola súa riqueza e fraxilidade.

A través de contidos especializados divulgativos, GCiencia quere contribuír a dar e achegar esta natureza a todos os públicos, e tamén o seu patrimonio cultural asociado, para que se poida comprender e gozar sen perder de vista o respecto polos valores e o coidado dos seus ecosistemas.

Informar do esforzo investigador

Así, GCiencia informará do esforzo investigador realizado no parque para o estudo dos seus diferentes valores, dos traballos relativos ao seguimento dos recursos naturais tanto da flora como da fauna e das interaccións entre os diferentes compoñentes do medio, moi especialmente do mariño. 

Desde este martes, GCiencia comezará a publicar por entregas a guía turística creada en colaboración con Observer, orixinalmente o primeiro distintivo de calidade en Turismo Científico, que, a través da implementación da súa metodoloxía, converte espazos, lugares, paraxes ou monumentos, en destinos de turismo científico. Está considerada a certificación de referencia en turismo científico a nivel nacional.

A guía turística é fruto dunha colaboración con Observer, primeiro distintivo de calidade en turismo científico

En España, Observer conta con máis de 350 destinos certificados, e está presente ademais, en varios países de América latina. Tamén formou a máis de 200 guías turísticos especializados en turismo científico, e como selo de calidade especializado foi apuntado en numerosas publicacións, algunhas delas en National Geographic ou El Viajero (El País).

Desde GCiencia contribuirase á difusión de contidos relacionados cos valores do Parque Nacional relacionados coa gastronomía, que se publicarán en Boísimo, o portal de divulgación gastronómica que forma parte da oferta informativa de GCiencia.

O proxecto conta co apoio das axudas da Xunta na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Illas Atlánticas, con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2022-2023.


DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As raias femias do Parque Nacional Illas Atlánticas, claves para a saúde das súas poboacións

Investigadores galegos publican un artigo na revista 'Marine Ecology Progress Series’ que afonda no coñecemento dos hábitats dos elasmobranquios

O Parque Nacional das Illas Atlánticas ofrece visitas virtuais dos seus fondos mariños

A exposición 'O mar en 360º' ten como obxectivo mergullar os visitantes nunha experiencia única para descubrir a súa fauna e flora

O Parque Nacional das Illas Atlánticas repite este verán como destino turístico ‘Starlight’

A programación inclúe intervencións diúrnas e nocturnas que buscan introducir aos visitantes na exploración de estrelas, meteoritos e outros corpos celestes

A aldea, unha vida de subsistencia

Os habitantes da illa de Cortegada adicábanse á pesca, o marisqueo, a agricultura e a gandería