Un innovador sistema galego recolle auga do orballo para loitar contra a seca

O método deseñado por científicos da UVigo en colaboración con institucións francesas baséase no xeito en que as plantas recollen pola noite o resío

Garantir o acceso universal e equitativo á auga é un dos principais retos aos que se enfronta a humanidade. Hoxe en día, 4.000 millóns de persoas sofren a súa escaseza, unha tendencia que ademais está en crecemento. Unha solución para facer fronte á seca podería estar no aire que respiramos, segundo un equipo da Universidade de Vigo (UVigo). En colaboración con científicos franceses, deseñaron un innovador sistema que permite a recolección de auga do orballo. A súa proposta, recollida nun artigo publicado na revista Advanced Materials, baséase no microtexturizado láser que permite recoller a auga do resío do mesmo modo que fan as plantas durante a noite.

Un sistema pasivo, robusto, simple e duradeiro

“O vapor de auga atmosférico, ignorado ata hai relativamente pouco, pode considerarse un recurso complementario viable de auga doce, xa que a atmosfera non só contén unha enorme cantidade deste vapor, senón que está en todas partes e pode obterse sen restricións xeográficas nin hidrolóxicas, dende os desertos máis áridos ata as cidades máis húmidas”, din os investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) da UVigo.

Publicidade

Non obstante, o aproveitamento deste recurso é complicado. Os métodos empregados ata agora para poder recollelo “requiren considerables recursos enerxéticos ou dependen de refrixerantes, o que contribúe aínda máis ao quecemento global e ao esgotamento da capa de ozono”.

Pola contra, o método presentado polos enxeñeiros do Cintecx é “pasivo, xa que non precisa enerxía eléctrica, é robusto, simple e duradeiro” e baséase no xeito no que as plantas recollen pola noite a auga do orballo. 

Publicidade

Rexistro dunha solicitude de patente

Fotografía do sistema de recolección de auga de rocío instalado n Institute de Physique du Globe de Paris para a realización de probas experimentais.

O novo sistema, para o que xa rexistraron unha solicitude de patente europea, consiste nunha superficie metálica á que lle proporcionaron unha microtextura superficial mediante un tratamento específico con láser. “Esta superficie microtexturizada consegue arrefriarse a si mesma ao exporse ao ceo nocturno grazas á súa emisividade infravermella mellorada, o que provoca unha condensación de auga similar ao orballo natural nas follas das plantas”. O microtexturizado láser promove a condensación en forma dunha lámina continua sobre a superficie en lugar de pingas dispersas, a diferenza do que sucede nas follas, e isto permite “unha recolección eficiente e autónoma da auga”.

O sistema foi probado durante máis dun ano de xeito continuado na azotea do Institute de Physique du Globe, en París, “demostrándose así a súa robustez e bo funcionamento”.

Un grupo de referencia nacional e europea

Este avance foi posible grazas ao traballo interdisciplinar dos enxeñeiros da Escola de Enxeñería Industrial da UVigo xunto cos científicos franceses, que levan dende a década de 1980 centrados no estudo da condensación de vapor de auga atmosférico e a súa posible utilización como fonte de auga potable. 

A publicación, que ocupa a portada do último número da revista Advanced Materials, está asinada por tres investigadores do Cintecx (o catedrático Juan Pou, director do grupo LaserOn; o profesor Antonio Riveiro e o investigador Pablo Pou-Álvarez) xunto con algúns dos maiores expertos en condensación de auga de orballo, como Daniel Beysens (Physique et Mécanique des Milieux Hétérogènes, CNRS, ESPCI, Francia); Tarik Bourouina (Esycom Lab, CNRS, Francia); e Anne Mongruel (Sorbonne Université, Francia).

A maior parte das tarefas de investigación do grupo LaserOn no marco deste proxecto foron financiadas pola Xunta de Galicia a través das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas – Grupos de Referencia Competitiva.


Referencia: Efficient Autonomous Dew Water Harvesting by Laser Micropatterning: Superhydrophilic and High Emissivity Robust Grooved Metallic Surfaces Enabling Filmwise Condensation and Radiative Cooling (Publicado en Advanced Materials)

Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Arden máis os espazos protexidos? Cando os datos non xustifican o relato

Os estudos dispoñibles non demostran que a protección aumente o risco de incendio nin que unha maior intervención sobre a vexetación sexa a resposta
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Máis aló da madeira: o proxecto galego que busca novos aproveitamentos do monte dende Baroña

Multi-Forest, unha iniciativa impulsada dende Feuga, aplica imaxes satelitais para diversificar os usos do territorio, dende a micoloxía ata o certificado de calidade