Un equipo galego abre o camiño a novos métodos de síntese química

Investigadores da UDC participan na creación dun proceso que podería empregarse para fabricar medicamentos intelixentes e materiais activos

Unha “ensamblaxe” molecular que podería axudar a crear medicamentos intelixentes. Así se podería resumir o avance realizado polos investigadores do grupo de Enxeñaría Supramolecular (SUPREN) do Centro Interdisciplinario de Química e Bioloxía (CICA), Iago Neira, Marcos García e Carlos Peinador. Os expertos da Universidade da Coruña participaron nun estudo liderado polo profesor Alberto Credi, da Universidade de Bolonia (Italia), que acaba de ser publicado na revista científica Chem.

A investigación do grupo SUPREN diríxese cara á xeración de sistemas autoensamblados que respondan a estímulos como a luz. As súas principais liñas de investigación son o estudo de sistemas host-guest con resposta a estímulos externos e procesos de autoensamblaxe para a súa implementación en máquinas moleculares, catalizadores intelixentes e sistemas de liberación controlada de fármacos.

Publicidade

Reacción fotoquímica e autoensamblaxe

Aproveitando unha combinación de reaccións fotoquímicas (inducidas por luz) e procesos de autoensamblaxe, lograron inserir unha molécula lineal na cavidade dunha molécula en forma de anel, adoptando unha xeometría de alta enerxía que non é posible no equilibrio termodinámico. Noutras palabras, a luz permite crear unha “ensamblaxe” molecular que, doutro modo, sería inaccesible.

A autoensamblaxe de compoñentes moleculares para obter sistemas e materiais con estruturas a escala nanométrica (1 nanómetro = 1 milmillonésima de metro) é un dos procesos básicos da nanotecnoloxía.

Publicidade

Medicamentos intelixentes

Este mecanismo de autoensamblaxe acoplado a una reacción fotoquímica permite aproveitar a enerxía da luz para acumular produtos inestables, abrindo o camiño a novas metodoloxías de síntese química e ao desenvolvemento de materiais moleculares dinámicos e dispositivos (por exemplo, nanomotores) que operen en condicións fóra de equilibrio, de maneira semellante aos seres vivos.

Con este método innovador poderíanse crear novas substancias capaces de responder a estímulos e interactuar coa contorna. Poderían empregarse para xerar medicamentos intelixentes e materiais activos.

Este proxecto é o resultado dunha colaboración entre os Departamentos de Química Industrial “Toso Montanari”, Química “Ciamician” e Ciencia e Tecnoloxía Agraria e dos Alimentos de Alma Mater, A Universidade da Coruña e o Instituto Isof-Cnr en Bolonia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UDC mide por primeira vez como cristalizan en décimas de segundo os polímeros semicondutores

O traballo desenvolve unha metodoloxía que permite calcular nun único experimento un proceso clave para fabricar materiais destinados á electrónica orgánica e ás células solares

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía