Un equipo de Vigo crea un método para identificar con precisión raias e quimeras

A ferramenta permitirá comprender a bioxeografía das especies e contribuirá a mellorar a xestión sostible dos recursos pesqueiros

Un equipo da sede viguesa do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) desenvolveu unha metodoloxía baseada en ferramentas xenéticas e xenómicas para identificar con precisión as diferentes especies de raias e quimeras. O traballo, centrado en áreas de grande importancia pesqueira —Grandes Bancos de Terranova e Flemish Cap, e de Porcupine e do Gran Sol—, permite establecer límites entre poboacións. Isto evita a identificación errónea de especies mixtas, fundamental para a xestión sostible das pesqueiras.

“Unha particularidade das grandes raias é o seu conservadorismo morfolóxico entre especies e a alta variabilidade morfolóxica e morfométrica que presentan durante o seu crecemento. Á súa vez, as quimeras tamén presentan unha morfoloxía similar entre especies pertencentes ao mesmo xénero”, apunta Nair Vilas Arrondo, investigadora do IEO de Vigo e autora da tese doutoral que recolle estes traballos. “Estas peculiaridades de raias e quimeras causan que a súa identificación sexa difícil, o que provoca erros. Ao non poder recoñecer correctamente as especies, as capturas totais e descartes declarados polas embarcacións que traballan nestas áreas non se axustan á realidade”, explica a científica.

Publicidade

Para a identificación de ambos os grupos leváronse a cabo análises de ADN e morfométricos para desenvolver un modelo de rede neuronal capaz de asignar a especie a cada morfotipo cun número adecuado de exemplares. No caso das quimeras, ademais, complementouse a taxonomía molecular coa ensamblaxe do xenoma mitocondrial, conseguindo así aumentar a robustez dos resultados.

Unha ardua tarefa

“A identificación morfolóxica precisa de diversas especies de raias foi unha tarefa desafiante”, sinala Vilas. “Esta exactitude é crucial non só para comprender a bioxeografía, senón tamén para xestionar adecuadamente as poboacións, dada a importancia da súa conservación, xa que moitas das especies do estudo atópanse en estado de conservación vulnerable ou en perigo crítico segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN). As análises xenéticas e filoxenéticas proporcionaron unha comprensión detallada da diversidade e das relacións evolutivas entre as especies de raias e quimeras estudadas, subliñando a importancia dos códigos de barras xenéticos na identificación taxonómica e o estudo da biodiversidade mariña”, explica.

Publicidade

A tese foi dirixida por Montse Pérez, profesora de investigación do IEO, e defendida na Universidade de Vigo en novembro de 2024. O traballo realizouse no Programa de Doutoramento en Ciencia, Tecnoloxía e Xestión do Mar “DOMAR”.

As análises realizadas baseáronse en información procedente das campañas de prospección pesqueira Platuxa, Flemish Cap, Fletán Negro 3L e Porcupine cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA) dentro do Programa Nacional de Recompilación, Xestión e Uso de datos do sector pesqueiro e o apoio ao asesoramento científico en relación coa política pesqueira común. Tamén se usaron datos de campañas en buques pesqueiros no Gran Sol baixo o proxecto RAPANSEL.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Aumentar a actividade física cinco minutos diarios reduciría un 10% as mortes na poboación

Un estudo con participación galega e publicado en ‘The Lancet’ revela o grande impacto na saúde global de pequenos cambios realistas e alcanzables

Que son os ‘serious games’? Así se adestra a pilotos e cirurxiáns

O doutor da Universidade de Vigo Ramón Méndez explica que as simulacións dixitais permiten aos profesionais practicar tarefas complexas de forma segura antes de aplicalas na realidade

A investigadora do grupo GeoTech Patricia González gaña a Gargallada Científica da UVigo

O vindeiro xoves participará nunha gala final con Quico Cadaval e máis divulgadoras

Arnelas e testas de ourizo: o dicionario da UVigo que aposta pola ciencia en galego

A segunda edición da 'Escolma de textos científicos' conta coa participación de docentes dos tres campus para elaborar termos do mundo da informática, a xestión pública e a bioloxía mariña