Un equipo da UDC estuda o uso de adhesivos para substituír as soldaduras nos barcos

Os investigadores cren que este material "podería revolucionar" o futuro da industria naval, ao ofrecer solucións máis lixeiras, duradeiras e económicas

Un equipo da Universidade da Coruña (UDC) vén de publicar un estudo na revista Ocean Engineering que analiza a durabilidade dalgunhas unións adhesivas que poderían substituír as soldaduras na fabricación de barcos. Segundo explican os investigadores, o uso de adhesivos é común en industrias como a automotriz e a aeronáutica. Con todo, na construción naval aínda predominan as soldaduras. O estudo demostra que estes materiais se poden converter nunha alternativa viable, ao ofreceren non só maior durabilidade, senón tamén unha oportunidade para construír buques máis lixeiros, mellorar a súa eficiencia e reducir custos de mantemento.

Simulando décadas no mar

A investigación predí a vida útil mediante unha metodoloxía propia. Para avaliar a durabilidade dos adhesivos en condicións marítimas extremas, o equipo de investigación utilizou un método baseado no principio de superposición de tempo-temperatura (TTS). Este método permite facer probas en condicións controladas de laboratorio, aplicando temperaturas elevadas que simulan, en pouco tempo, os efectos de anos de uso real no mar. Así logrou estimar canto tempo poderían resistir os adhesivos antes de fallar.

Publicidade

Nos ensaios probáronse tres tipos de adhesivos: metacrilato de metilo (MMA), metacrilato e epoxi. Os resultados indican que o MMA ten unha vida útil de ata 35 anos, o metacrilato alcanza aproximadamente 28 anos e o epoxi ten unha duración de 20 anos. Dado que a vida útil media dun barco é de 25 anos, o MMA e o metacrilato superan esta expectativa e posiciónanse como unha alternativa real ás soldaduras para certos elementos da construción naval.

O estudo tamén incorporou modelos de intelixencia artificial para analizar os datos obtidos, o que permitiu mellorar a precisión das predicións. Grazas á colaboración co grupo MODES do CITIC, e ao desenvolvemento de modelos estatísticos propios, o persoal investigador puido avaliar de forma máis precisa a durabilidade dos adhesivos en distintas condicións.

Publicidade

Unha nova era para a construción naval

Os adhesivos poderían revolucionar o futuro da industria naval ao ofrecer solucións máis lixeiras, duradeiras e económicas. Esta investigación, que forma parte da tese de Francisco Javier Rodríguez, investigador do CITENI, suxire que o MMA é un adhesivo especialmente prometedor para substituír as soldaduras na fabricación de embarcacións.

Ao utilizar estes compostos poliméricos, pódense lograr unións máis lixeiras, o que mellora a eficiencia das embarcacións, elimina o traballo en quente asociado ás soldaduras e aumenta así a seguridade laboral. Ademais, esta innovación podería traducirse nun aforro considerable nos custos de mantemento e nun impulso cara á sustentabilidade das futuras embarcacións.

O equipo detrás desta investigación está formado por Francisco Javier Rodríguez e Ana Álvarez, do Grupo de Investigación Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais (PROTERM) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol; Javier Tarrío e Salvador Naya, do grupo de Modelización, Optimización e Inferencia Estatística (MODES) do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC); e o investigador da Universidade Nacional de Chimborazo (Ecuador) Antonio Meneses.


Referencia: Predicting lifetime of adhesive bonds for naval steel by time-temperature superposition (Publicado en Ocean Engineering)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O avance do piñeiro ameaza a caramiña, unha das xoias naturais das dunas galegas

Unha investigación constata que os piñeirais reduciron un 61,5% o ecosistema da Praia de Trece dende 1956 e dificultan a supervivencia da especie

A propulsión nuclear, a exame como alternativa para descarbonizar o transporte marítimo

Unha investigación do CITENI analiza os riscos dos reactores de sales fundidas para a súa posible aplicación nos buques do futuro

Os mapas da xentrificación en Galicia: estes son os barrios máis afectados

Un novo estudo identifica as áreas máis vulnerables en Vigo, A Coruña e Santiago e describe a reconfiguración das tres urbes nun período de seis anos

A UDC mide por primeira vez como cristalizan en décimas de segundo os polímeros semicondutores

O traballo desenvolve unha metodoloxía que permite calcular nun único experimento un proceso clave para fabricar materiais destinados á electrónica orgánica e ás células solares