Xoves 23 Maio 2024

Unha tese da USC, a mellor de España en Ciencias da Vida e da Saúde

O traballo de Óscar Rapado González centrouse na identificación de novos marcadores xenéticos e epixenéticos en pacientes con cancro

Unha investigación da Universidade de Santiago (USC) centrada na identificación de novos marcadores xenéticos e epixenéticos en pacientes con cancro colorrectal e de cabeza e colo, empregando mostras non invasivas, acaba de ser distinguida pola Real Academia de Doutores de España (RADE) co premio á mellor tese de doutoramento no campo das Ciencias da Vida e da Saúde. Este avance cara a oncoloxía de precisión é froito do traballo desenvolvido polo investigador Óscar Rapado González.

No cancro colorrectal, a investigación permitiu identificar un panel formado por cinco microARNs que teñen potencial diagnóstico para detectar esta enfermidade a través da saliva, representando unha novidosa estratexia no descubrimento desta patoloxía tumoral sen provocar ningún malestar ao paciente durante a toma da mostra. No caso do cancro de cabeza e colo, o científico logrou evidenciar o potencial de diferentes biomarcadores tumorais como a análise de mutacións no ADN na saliva e no sangue, marcadores de metilación —mecanismo que pode actuar para reprimir a transcrición xénica— do ADN na saliva e a análise de tamaño dos fragmentos de ADN fóra das células na saliva, para o manexo clínico deste tumor.

Publicidade

O estudo céntrase na análise de cancro de colon e cabeza e colo a través de mostras non invasivas

A investigación do ADN libre circulante no sangue permitiu demostrar a capacidade deste biomarcador para reflectir o perfil de mutacións presentes no tumor en pacientes con cancro de cabeza e colo avanzado, o cal supón una evidencia máis do potencial de detectar e controlar mutacións clinicamente relevantes durante a evolución da enfermidade de forma pouco invasiva.

Cancro oral

Outra das achegas recollidas nesta tese atinxe á caracterización por primeira vez do ADN libre de células da saliva nos pacientes con cancro oral e individuos sans. “Esta caracterización pon de manifesto o potencial valor do estudo da integridade do ADN como biomarcador de cancro oral”, sinala Rapado González. Ademais, a análise de marcadores de metilación na saliva demostrou ter un gran potencial para detectar e predicir o risco de desenvolver cancro de cabeza e colo, principalmente cancro oral e de orofarinxe. Concretamente, no carcinoma de células escamosas de lingua identificáronse no cuspe seis xenes metilados con alto valor como biomarcadores de diagnóstico, constituíndo unha novidosa ferramenta para a detección temperá da enfermidade.

Os resultados obtidos en todas as liñas de investigación abordadas na tese depararon contribucións significativas que permiten avanzar no coñecemento de novos biomarcadores no campo da oncoloxía de precisión.

Caracteriza por primeira vez o ADN libre de células da saliva nos pacientes con cancro oral e individuos sans

A tese realizada por compendio de máis de dez publicacións foi dirixida polos doutores María Mercedes Suárez Cunqueiro, profesora na área de Estomatoloxía da USC; Laura Muinelo Romay, responsable da Unidade de Análise de Biopsia Líquida do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS); e Rafael López López, xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela (CHUS) e profesor da USC.

Este traballo recibiu financiamento da Fundación Eugenio Rodríguez Pascual, da Xunta de Galicia e do Instituto de Salud Carlos III, así como da campaña de micromecenado para o estudo da biopsia líquida promovida por ONCOMET. Para a realización desta tese de doutoramento, contouse tamén coa colaboración altruísta dos profesionais dos Servizos de Dixestivo e Oncoloxía Médica do CHUS, e do Servizo de Cirurxía Oral e Maxilofacial do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña. O doutor Óscar Rapado González realizou a súa tese no programa de doutoramento de Ciencias Odontolóxicas da USC e a fase experimental da tese foi levada a cabo no IDIS, no seo do grupo de Oncoloxía Médica Traslacional (ONCOMET). Ademais, contou coa colaboración do Vall d’Hebron Instituto de Investigación (VHIR) onde o doutor tivo a oportunidade de realizar unha estadía formativa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha vacina de ARNm reprograma o sistema inmune para atacar o cancro cerebral máis letal

O avance dun grupo de investigadores da Universidade de Florida probarase nun ensaio clínico pediátrico contra o glioblastoma

Estamos máis preto da detección precoz do alzhéimer?

A través dos biomarcadores podémonos adiantar á aparición das enfermidades vinculadas á vellez

Un proxecto da UVigo sérvese da IA para mellorar a detección de cancro colorrectal

A rede AI4PolypNet está formada por oito grupos de investigación de Galicia, Estremadura, País Vasco e Cataluña

Os casos de cancro de próstata duplicaranse en 2040

Un informe publicado na revista 'The Lancet' estima que en menos de dúas décadas haberá 2,9 millóns de pacientes con este tumor