A teledetección, unha ferramenta eficaz e sostible para o agro e o monte

A tese de Marcos Arza García analiza as potencialidades dos sensores de datos como ferramentas esenciais na xestión agrícola e forestal

A explotación dos datos procedentes de teledetección con vehículos aéreos non tripulados (UAVs) está a converterse nunha ferramenta esencial na xestión agrícola e forestal máis moderna e, a cada paso, este novo recurso tecnolóxico consolídase como unha eficaz ferramenta que vela pola saúde e a rendibilidade do agro e do monte, dado que posibilita avaliar os procesos de produción e o uso eficiente dos recursos.

Estas afirmacións pertencen ás conclusións da tese de doutoramento cum laude desenvolvida por Marcos Arza García na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC) baixo o título Teledetección con UAVs no ámbito agroforestal e a agroindustria: aplicacións chave en biomasa, supervivencia de plantacións e eficiencia enerxética de adegas.

Publicidade

A investigación de doutoramento, dirixida polos profesores do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Juan Ortiz Sanz e Mariluz Gil Docampo, analiza como a dispoñibilidade de imaxes de distintos sensores e a utilización dun gran abano de tecnoloxías espectrais transformou completamente a forma de monitorizar e xestionar estes sectores.

Novas estratexias

A teledetección espacial e a teledetección aérea mediante aeronaves tripuladas foron consideradas, durante todos estes anos alternativas moi eficientes na análise de grandes áreas de terreo. Non obstante, tal e como apunta Arza García na súa tese, as novas estratexias relacionadas cos conceptos de agricultura e silvicultura de precisión demandan maiores niveis de resolución espacial e temporal nos datos.

Publicidade

Os vehículos aéreos non tripulados permiten satisfacer as novas necesidades de resolución

Os UAVs, que remataron coa comercialización de datos obtidos por satélites, aeronaves tripuladas e tamén por un outros medios terrestres, permiten satisfacer estas novas necesidades, segundo proba esta investigación desenvolvida na EPS de Enxeñaría da USC. A tese tamén propón fluxos metodolóxicos que achegan solucións operativas baseadas en distintos tipos de sensórica (RGB, multiespectral e/ou termografía IR) para aplicacións chave no sector agroforestal e agroindustrial.

Cambio climático

Unha das prestacións máis salientables dos UAVs é a estimación de volumes de biomasa. A cuantificación deste recurso proporciona unha estimación do material celulósico como fonte potencial de enerxía renovable, produción forraxeira para alimentación animal. Fronte aos métodos tradicionais, Arza García suxire a cuantificación de biomasa mediante cámaras convencionais (RGB) e fotogrametría aérea como alternativa de baixo custo fronte aos sensores activos como o LiDAR. O versátil método proposto baséase no cálculo do volume de materia vexetal mediante un factor de densidade que é posible definir en base a algunhas mostras recollidas na parcela.

Os avances no desenvolvemento de sensores multiespectrais posibilita teledetección de moi alta resolución (VHR) e con máis precisión que a información dos satélites. De feito, a firma espectral da vexetación pode revelar se as plantas individuais están a prosperar, se están sometidas a tensións por seca ou se teñen deficiencias de nutrientes, entre outras circunstancias. Este tipo de información dá pé a novas posibilidades no monitoreo da supervivencia de plantacións forestais nos seus primeiros estadios de desenvolvemento.

poden axudar en tarefas de avaliación de eficiencia enerxética e no control das condicións ambientais

Marcos Arza tamén explica na súa tese como os sensores de infravermello térmico (IRT) pasivos poden empregarse en ensaios non destrutivos para a detección de posibles anomalías na envolvente do edificio que poden comprometer a eficiencia enerxética: perdas de calor, fallas no illamento ou pontes térmicas.

Como plataformas de soporte, as aeronaves non tripuladas, resolven certos problemas existentes coas plataformas terrestres, dotando a este tipo de auditorías dunha maior flexibilidade. No entanto, o control das condicións ambientais (temperatura, HR, etc.) e a elección dos parámetros de calibración radiométrica revélanse como tarefas esenciais, xa que da súa correcta definición depende a precisión obtida nos rexistros termográficos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

▪️ Juan Picos: “O que está pasando cos incendios en Portugal ímolo ver en Galicia”

O enxeñeiro de montes prognostica vagas de lume extremas como as do país veciño debido á degración do solo e o cambio climático

A USC crea un modelo para predicir a resposta dos pacientes de cancro á inmunoterapia

O achado amosa unha maior eficacia que o actual método empregado nos hospitais para estudar a resposta dos pacientes ao tratamento

Un novo estudo da USC, clave para comprender o comportamento das proteínas

Os achados do científico Julián Bergueiro poderían axudar ao deseño de novas terapias aplicadas ao ámbito da saúde

Investigadores galegos estudan cal é a dose efectiva e segura dos medicamentos

O obxectivo é mellorar a absorción de antifúnxicos orais para poder reducir a cantidade administrada