O máis cálido e seco do século: así foi o inverno en Galicia

O tempo estable e a falta de precipitacións debéronse ao predominio de situacións anticiclónicas frecuentes e duradeiras en xaneiro e febreiro

Precipitacións
Porcentaxe de precipitación acumulada no inverno 2021-2022. Mapa de anomalías de precipitación en forma de porcentaxe respecto aos valores normais (1981-2010), sendo 100% a porcentaxe que representa a normalidade.

O informe climatolóxico do inverno 2021-2022 elaborado por MeteoGalicia —que inclúe os meses de decembro, xaneiro e febreiro— indica que a estación foi moi cálida, cunha anomalía positiva na temperatura media de +1,15ºC. En canto ás precipitacións, este inverno ten unha porcentaxe dun 37% inferior á media do período 1981-2010, o que fai que poida considerarse seco.

En palabras do climatólogo e investigador posdoutoral da Universidade de Santiago de Compostela Dominic Royé: “Podemos dicir que este inverno foi o máis seco e cálido dos últimos 70 anos”. Así o adiantaba nun tweet a finais de febreiro. Ao que Juan Taboada, coordinador de MeteoGalicia, apunta: “Se se analizan os datos por separado, este inverno non foi récord de seco, nin récord de cálido, pero o destacable é a combinación de ambos fenómenos, que no que levamos de século non se vira”.

Precipitacións

Segundo o informe climatolóxico de MeteoGalicia, as precipitacións no mes de decembro foron normais. Non ocorreu o mesmo en xaneiro, na que a porcentaxe de precipitación foi un 64% inferior ao habitual, considerándose un mes moi seco, cun número medio de días de chuvia maior ou igual a 1 L/m2 de 6,1. O inverno rematou cun febreiro no que novamente as choivas foron en xeral moi escasas, cunha porcentaxe de precipitación dun 67% inferior ao normal, menos incluso que no precedente no ano 2012.

temperatura media
Mapa de desviacións de temperatura media respecto ao valor de referencia no período 1981-2010. Foi un inverno cunha anomalía media de +1,6ºC.

A explicación a que os meses de xaneiro e febreiro tan pouco húmedos atopámola no predominio de situacións anticiclónicas frecuentes e duradeiras, que provocan tempo estable e ausencia de precipitacións, algo inusual para este período. “Os anticiclóns ao norte da Península Ibérica impediron que as borrascas atlánticas, que normalmente circulan nesa época entre Terranova e Irlanda, se achegasen a Galicia”, indica Taboada.

Aínda que a porcentaxe de precipitación é de forma predominante baixa en toda a comunidade galega, contrastan os datos entre Navia de Suarna e Negueira de Muñiz, con valores dun 93% de precipitación por riba do normal, respecto o resto de Galicia, principalmente seca. Destaca especialmente a provincia de Ourense, onde a comarca de Valdeorras acadou un valor de chuvia por debaixo do 90% respecto á norma.

Temperaturas

Respecto ás temperaturas, o inverno comezou cun mes de decembro no que as máximas e as mínimas foron elevadas, cunha temperatura media de 10,8ºC, o que representou unha anomalía de +2,1ºC, dando como resultado un mes moi cálido, como así o recolle o informe climatolóxico de MeteoGalicia para este período. Xaneiro, en cambio, presentou un gran contraste entre as temperaturas máximas, extremadamente cálidas debido ao forte predominio anticiclónico, e as mínimas, que foron moi frías debido a que esta estabilidade deixaba noites despexadas con fortes xeadas en puntos do interior. Pese a iso, o mes considerouse cálido.

O inverno rematou cun mes de febreiro no que o predominio anticiclónico tamén foi o habitual. As temperaturas mínimas acadaron valores normais para esa época do ano, e mesmo foron frías nalgunhas localidades do interior. Non obstante, as máximas foron en xeral elevadas. No conxunto da comunidade a temperatura media acadou un valor de 9,7ºC, o que representa unha anomalía de +0.9º C, e por tanto, pode considerarse un mes cálido.

Taboada: “os prognósticos estacionais en Galicia teñen unha fiabilidade bastante baixa”

“Cando os invernos son secos, as temperaturas adoitan ser normais ou tirando a baixas, porque os anticiclóns invernais adoitan ser fríos, con xeadas. Por iso é curioso que este inverno fose seco e cálido á vez”, indica Taboada. Un fenómeno no que fai fincapé Royé: “Hai anos máis cálidos e anos máis secos, pero non nos que se dea a combinación de ambas circunstancias ao mesmo tempo”.

Máis anticiclóns do normal

“Non hai unha resposta directa a por que houbo máis anticiclóns neste período, pero si que hai algunha sospeita”, comenta Taboada. Segundo o coordinador de MeteoGalicia é posible que a situación anticiclónica persistente e un pouco fóra de lugar —demasiado ao norte para esta época do ano— estea relacionada co fenómeno climático de A Nena, que se da no Pacífico ecuatorial. “Sospeitamos que este fenómeno e os anticiclóns que se producen no norte da península Ibérica teñen conexión”, indica.

Prognóstico de primavera

En canto ás predicións da temperatura e precipitacións de primavera, Taboada sinala que “os prognósticos estacionais en Galicia teñen unha fiabilidade bastante baixa, polo que o prudente é esperar aos datos semana a semana”. Ao que engade que o que si se sabe é que xa comezamos co tempo cambiante e inseguro típico da estación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.