Nos últimos anos, as novas tecnoloxías avanzan sen parar. Actualmente vivimos nun mundo hiperconectado, rodeados de dispositivos intelixentes que están compartindo os nosos datos a través de internet sen descanso. A revolución tecnolóxica achegounos a unha vida máis cómoda e sinxela pero cunha gran perda de privacidade, e a cuestión é: realmente merece a pena?
O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, non dubida e ten claro que internet e as novas tecnoloxías “merecen moitísimo a pena”. “Se os poñemos nunha balanza son moitos máis os beneficios que os riscos”, sinala. “Son o maior avance da humanidade, xa que nos dan acceso a todo o coñecemento humano, e iso é imbatible”, asegura. Algunhas das principais vantaxes puidemos aproveitalas nun momento delicado como foi a pandemia da covid-19, onde grazas a vivir nunha sociedade hiperconectada tivemos acceso para traballar ou para relacionarnos a pesar das restricións ao movemento. “As novas tecnoloxías permitíronnos manter un nivel de traballo, de educación e de relacións persoais, iso é indubidable”, recalca. Malia que os beneficios están moi por riba das contras, Suárez sinala que tamén existen certos riscos na rede como poden ser a aparición de modelos de delincuencia, abusos ou estafas e por iso, para contar coa maior seguridade. “É necesaria unha formación para usar as tecnoloxías e facelo con sentidiño”.
“Se os poñemos nunha balanza son moitos máis os beneficios que os riscos”
Pola súa banda, Fernando Pérez-González, catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigador en Atlanttic, o centro de investigación en tecnoloxías de telecomunicación impulsado pola Universidade de Vigo, considera que vivir nunha sociedade hiperconectada ten multitude de pros como son o acceso á información, as comodidades que ofrece poder controlar dispositivos de maneira remota ou poder combinar toda esa información. Pero, a pesar disto, insiste: “Moitas veces non somos conscientes dos perigos que entrañan estes dispositivos para a privacidade”. E por este motivo é necesario “atopar un compromiso entre os beneficios que obtemos e a privacidade que perdemos”. “Ás veces véndesenos a idea de que é necesario ceder certos datos para obter un mellor servizo e non sempre é así”, asegura. Neste senso, o investigador de Atlanttic fai un chamamento á reflexión e sinala que “ceder toda a información de maneira inconsciente non é unha boa práctica; todos nós deberiamos de maneira consciente limitar o que poidamos o uso destes datos”.
Está Alexa a escoitarnos en todo momento?
Na actualidade, a conectividade está ao noso redor en todos os ámbitos da nosa vida, tanto públicos como privados, dende a nosa casa, coche, oficina e incluso comercios, o que provoca que a nosa privacidade estea cada vez máis exposta. Dispositivos como Alexa ou Siri chegaron para facilitarnos dende tarefas do día a día como acender ou apagar as luces ou os electrodomésticos, ata resolver o prognóstico do tempo da nosa cidade ou calquera dúbida que nos poida xurdir en calquera momento. Hoxe en día é practicamente imposible imaxinar pasar un día enteiro sen ningún tipo de contacto con internet, e isto pode xerar certa inquietude ou medo a estar vixilados constantemente.
“Ás veces véndesenos a idea de que é necesario ceder certos datos, e non sempre é así”
Neste senso, Fernando Pérez-González opina que o medo, no caso de Alexa ou dispositivos semellantes, “é un tanto infundando, xa que non está gravando constantemente por defecto, senón que se activa cando pronunciamos o seu nome polo que, nese sentido, a xente debería estar tranquila”. Doutra banda, apunta que está nas nosas mans apagar ou desconectar estes dispositivos ou mesmo colocalos en lugares máis afastados, “non temos por que estar expostos continuamente a eles”. Ademais, no que fai fincapé o presidente do CPEIG é na importancia de impulsar a ética no desenvolvemento de todos estes servizos e aplicacións. “Entre todos debemos constituír unha sociedade máis xusta que pasa polo uso da tecnoloxía e por usala dun xeito correcto”.
Recompilación de datos
Hai moitas dúbidas e incertezas entre a poboación á hora de saber que tipo de datos recompilan os dispositivos intelixentes. Máis dunha vez sorprendémonos cando estamos a falar dalgún tema en concreto e cando collemos o móbil bombardéannos con publicidade relacionada co asunto: trátase dunha simple casualidade? Pérez-González considera que si, na maioría dos casos é simple coincidencia pero, por outro lado recalca que “en certas ocasións poderiamos chegar a ter algunha aplicación instalada no noso telefóno que nos está escoitando e por iso é moi importante que a xente se conciencie de que é necesario revisar nos permisos que aplicacións están accedendo a que tipo de información”. Pérez-González fai especial fincapé na privacidade da localización, a xeolocalización: “Penso que ás veces non se lle dá a suficiente importancia pero moitas veces deberiamos pensar se realmente a aplicación ten necesidade ou non de coñecer o lugar no que te atopas para poder funcionar con normalidade”.
“É necesario revisar os permisos das aplicacións para saber a que tipo de información acceden”
En canto a quen ten acceso aos datos recompilados, Suárez explica que son as empresas fabricantes destes dispositivos as que poden acceder a esta información e que “en principio só se deberían almacenar aqueles datos que nós mesmos cedemos ao conectarnos”. Porén, tamén apunta que hai outros datos implícitos como poden ser as conversas ou o lugar onde nos atopamos, “que moitas veces utilizan para facer melloras internas”. Estes avances tamén nos axudan a recibir un servizo máis personalizado e acorde ás nosas preferencias. Oo presidente do CPEIG incide na utilidade de tecnoloxías como o recoñecemento de voz, “non só para a poboación en xeral, senón tamén para xente que ten problemas de desprazamento ou incluso para poder relacionarse coa tecnoloxía dun xeito máis amigable”.
“Os nosos datos teñen un valor económico e a proba é que se transacciona con eles, nós ao mellor non somos conscientes pero os datos procesados de modo que se atopen interrelacións entre eles son algo moi valioso para alguén que despois quere prestarche servizos”, explica Pérez-González. En relación co almacenamento de información, o investigador de Atlanttic volve insistir na importancia de revisar minuciosamente os permisos, “porque nalgunhas ocasións cando facemos clic en aceptar estamos aceptando que os nosos datos se poidan transferir a outras empresas, a terceiros, aí entramos no problema de que a privacidade require unha limitación do uso da información que se captura”.
“Os nosos datos teñen un valor económico e a proba é que se transacciona con eles”
Malia isto, é tranquilizador en canto á nosa privacidade e sinala que a lei está a avanzar a grandes pasos para ofrecernos máis protección e garantías do uso correcto dos datos recompilados. O Regulamento Europeo de Protección de Datos, con independencia de que sexa unha norma a nivel europeo, ten aplicabilidade a nivel mundial. Isto quere dicir que calquera cidadán europeo está protexido dun uso incorrecto dos seus datos por máis que estes estean almacenados, por exemplo, en Estados Unidos, se o fabricante é estadounidense. Pérez-González coincide en que se trata dun “marco realmente potente e forte que é bastante garantista cos dereitos das persoas, aínda que contén algúns detalles de difícil implementación” e incide en que “en Europa hai unha concienciación respecto da privacidade moi grande, probablemente debido á historia de rexímenes totalitarios”.
Está claro que internet é unha das grandes revolucións dos últimos tempos e que os dispositivos intelixentes chegaron para quedar. Segundo datos de Strategy Analytics no ano 2018 había cerca de 22.000 millóns de dispositivos conectados a Internet e este número medra de maneira exponencial de modo que se espera que se engadan outros 17.000 millóns de dispositivos máis de cara ao ano 2025. Estes datos amosan a importancia de coñecer que hai detrás do consumo das novas tecnoloxías para poder facer un uso o máis seguro e responsable posible.