Alianza galega e portuguesa para identificar contaminantes nas augas

O proxecto Nor-Water busca implantar medidas de xestión ambiental para mitigar a presenza destes compostos e mellorar a eficiencia das depuradoras

A mellora e deseño de novos métodos de identificación dos contaminantes emerxentes presentes nas augas superficiais costeiras e fluviais de Galicia e do Norte de Portugal é un dos principais avances acadados polo proxecto europeo Nor-Water, no que intervén a Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O obxectivo é que os resultados do proxecto permitan implantar medidas de xestión ambiental para mitigar a presenza destes contaminantes e mellorar a eficiencia das estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) de Galicia e do norte de Portugal.

Publicidade

Os responsables da investigación veñen de presentar os principais resultados do seu traballo nunha conferencia celebrada na sede do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar despois de tres anos desenvolvendo novos métodos analíticos e ferramentas de predición e modelado.

Recollida de datos

As zonas obxecto de estudo no marco de Nor-Water foron as costas e ribeiras fluviais do sur de Galicia e do norte de Portugal, concretamente a ría de Vigo, os ríos Miño e Limia nas súas vertentes galega e lusa, e os ríos Ave e Cávado. Ao mesmo tempo foron seleccionadas seis estacións depuradoras de augas residuais para o seu estudo.

Publicidade

Despois da recollida de datos sobre os usos e presións humanas presentes nas zonas sinaladas e da elaboración dunha base de datos de máis de 3.500 elementos a investigar, leváronse a cabo campañas de identificación de compostos nesas augas que levaron á selección de 52 residuos para a súa monitorización tendo en conta criterios de persistencia no medio, mobilidade e frecuencia de aparición, entre outros aspectos. O obxectivo foi coñecer con detalle a súa eliminación nos sistemas de depuración das augas e avaliar potenciais riscos para futuros desenvolvementos da Directiva Marco da Auga.

Os expertos desenvolveron tres prototipos de fotoreactores para a degradación de máis do 80% dos contaminantes

Os expertos de Nor-Water realizaron así tres campañas de mostraxe en 2021 cun total de 100 mostras nas que constataron a presenza de distintos contaminantes emerxentes. De feito, xunto aos diferentes estudos para a transformación dos compostos detectados e para a mellora dos sistemas de tratamento de augas residuais, desenvolvéronse tres prototipos de fotoreactores para a degradación de contaminantes emerxentes mediante procesos de oxidación avanzados, ozonización e filtración por membranas para o tratamento terciario de augas residuais urbanas.

As tecnoloxías desenvolvidas permitirán unha remoción superior a 80% de 15 dos 19 contaminantes de interese emerxente seleccionados, obtendo augas tratadas que poderían ser empregadas con fins de irrigación. Neste sentido, un dos fotoreactores (FluHelik) está sendo testado a escala preindustrial na EDAR do río Ave co apoio da empresa Efacec.

Educación ambiental

Ademais das actividades de estudo o consorcio Nor-Water levou a cabo accións de educación ambiental e de sensibilización, con formacións en centros escolares do sur de Galicia e das localidades portuguesas de Vila Nova de Cerveira e Viana do Castelo.

Neste ámbito, os profesionais desta iniciativa elaboraron un caderno de contaminación fluvial e publicacións sobre os valores naturais do río Miño e os contaminantes emerxentes no ambiente, ademais dun vídeo divulgativo sobre esta temática, exposicións itinerantes e 26 publicacións científicas cos resultados da investigación.

A Rede Nor-Water aglutina 13 entidades portuguesas e 28 españolas

Finalmente, constituíuse a Rede Nor-Water como un foro de colaboración multidisciplinar público-privada no ámbito dos contaminantes emerxentes, con capacidade operativa e proactiva para facilitar a cooperación entre usuarios e actuar como impulsor de iniciativas nesta temática, unha rede que manterá a súa actividade mais aló da vida do proxecto, que remata no mes de abril.

Esta rede aglutina a 41 entidades —13 de Portugal e 28 de España— tales como organismos de investigación especializados na contaminación e calidade das augas, empresas de depuración e desenvolvemento de tecnoloxías de control e seguimento, administracións responsables da xestión de augas e asociacións e organizacións non gobernamentais que desenvolven actividades de educación ambiental e sensibilización.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia

Atopados os restos óseos dun individuo durante a escavación da foxa de Beira, en Carral

Un equipo da USC busca espazos de violencia franquista na parroquia coruñesa, onde foron enterradas entre agosto e setembro de 1936 un mínimo de 18 vítimas na contorna da igrexa