O proxecto BioproInsect, posto en marcha en abril 2021, acaba de chegar á súa fin. O seu obxectivo era obter novos produtos de alto valor engadido a través do bioprocesamento de insectos mediante tecnoloxías de baixo impacto ambiental. Nel participan o grupo BiotecnIA da Universidade de Vigo, Feuga e a granxa Galinsect. No seu balance destacaron o desenvolvemento dun innovador proceso encimático que permite extraer do escaravello Tenebrio molitor (coñecido como verme da fariña) catro produtos diferentes con potencial para ser comercializados, como son hidrolizado de proteína, encimas, quitina e abono fermentado.
Novos produtos e tecnoloxías
Nos últimos anos, explican desde o grupo BiotecnIA, incrementouse a demanda por parte dos consumidores de alimentos cun alto valor nutritivo, como os alimentos enriquecidos en proteína. Neste contexto, en xaneiro de 2021, a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) publicou a súa primeira avaliación completa dun insecto como alimento para humanos, concluíndo que a larva do verme da fariña non supón problemas de seguridade. Cinco meses despois, a Comisión Europea autorizou a comercialización de larvas de T. molitor desecadas como novo alimento.
“O uso de insectos como fonte de proteína para animais e seres humanos é unha alternativa prometedora para obtelos. Con todo, os insectos, sobre todo na súa fase adulta, presentan un alto contido en quitina que limita a dixestibilidade da proteína, polo que estes insectos na súa fase adulta non se poden usar como alimento”, explica o investigador José Manuel Salgado. Tendo en conta esta limitación, o proxecto BioproInsect desenvolveu unha tecnoloxía mediante un tratamento con encimas (proteasas) que permite separar a proteína da quitina en escaravellos e recuperar un 70% da súa proteína.
Porén, a principal limitación desta tecnoloxía encimática é o elevado custo dos encimas. “Por este motivo, no proxecto tamén desenvolvemos unha tecnoloxía de fermentación en estado sólido do abono de insecto para producir estes encimas. Desta maneira aproveitamos outro subproduto da granxa de insectos, axudando neste caso á empresa Galinsect a desenvolver unha economía circular nos seus procesos”, detallan desde o grupo BiotecnIA. Estas dúas tecnoloxías desenvolvidas polo grupo de investigación do campus de Ourense, detallan os seus responsables, “foron probadas con éxito nas propias instalacións da granxa”.
“Os insectos presentan un alto contido en quitina cando son adultos, polo que nesta fase non se poden usar como alimento”
JOSÉ MANUEL SALGADO, investigador de BioproInsect
Alén destas tecnoloxías, con BioproInsect obtivéronse catro produtos diferentes con potencial para ser comercializados como son o hidrolizado de proteína, encimas, quitina e abono fermentado. “Estes produtos poderán ter aplicacións en diferentes sectores industriais como suplementos alimentarios tanto para animais como humanos, elaboración de biopesticidas, fertilizantes, produción de embalaxes para alimentos, elaboración de medicamentos e tratamento de augas residuais”, detallan os investigadores de BiotecnIA, que continuarán esta liña de investigación con novos proxectos.
Entre outros aspectos positivos de BioproInsect, desde a súa organización tamén destacan que nos procesos desenvolvidos non só se reutilizan subprodutos senón que non se xeraron novos residuos, no marco da súa aposta polos conceptos de biorrefinería e economía circular. Igualmente, do proxecto recalcan a aposta, a través da innovación, por reforzar “a posición da industria agroalimentaria de Galicia como produtora de alimentos funcionais á vez que, co coñecemento xerado, promóvese a diversificación do medio rural”.
Podes ler a noticia completa do DUVI na seguinte ligazón.














