Inaugurado o edificio do Campus da Auga en Ourense

Este mércores o campus de Ourense acolleu a inauguración dun novo edificio, o edificio do seu proxecto de especialización como Campus da Auga. A nova infraestrutura, financiada con case 4,5 millóns de euros pola Xunta de Galicia con Fondos Feder, albergará 16 laboratorios de investigación e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e centralizará os servizos administrativos deste campus. Del, Salustiano Mato, reitor en funcións da Universidade de Vigo, destacou como supón “un enorme salto cualitativo para Ourense e para o noso campus, un salto cualitativo que significa fabricar futuro”, e Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, apuntou como “o que inauguramos hoxe é unha mensaxe de futuro para a provincia de Ourense”.

A inauguración foi o último acto oficial como reitor de Salustiano Mato

Ademais da participación de Salustiano Mato e Alberto Núñez Feijóo, a inauguración do edificio contou coa asistencia de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Virxilio Rodríguez, vicerreitor en funcións do campus de Ourense; Jesús Vázquez, alcalde de Ourense; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, e Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, entre outras moitas autoridades. Tamén estiveron numerosos membros da comunidade universitaria, como as e os responsables das diferentes facultades e escolas do campus de Ourense e vicerreitores e vicerreitoras do equipo de goberno en funcións.

Publicidade

“Para min, como reitor da Universidade de Vigo, é un auténtico honor e unha sorte que o meu último acto de singradura como reitor sexa a posta de largo do Campus da Auga en Ourense”, comezou destacando Salustiano Mato durante o seu discurso nun acto que pechou os seus oito anos de mandato á fronte da Universidade de Vigo. O reitor en funcións explicou como “esta infraestrutura dalgunha maneira visibiliza todo o traballo que fixemos neste campus entre todos e todas”, agradecendo tamén á Xunta de Galicia o traballo a prol da especialización dos campus como “unha maneira de facer o Sistema Universitario de Galicia máis eficiente”.

Recalcando como a especialización do campus de Ourense é “unha mostra da cooperación que existe no SUG e no ecosistema de innovación”, Mato salientou a boa saúde actual do campus de Ourense a pesar “das ameazas da crise económica e da realidade demográfica”, citando cifras como un ocupación superior ao 101%, e máis da metade do seu alumnado de fóra da provincia.

Publicidade

Feijoo subliñou que o edifició será a referencia do noroeste peninsular nas investigacións sobre a auga

Durante a súa intervención, Alberto Núñez Feijóo destacou como o novo edificio será “o centro de referencia de todo o noroeste peninsular para o coñecemento vinculado á auga”. O presidente da Xunta de Galicia lembrou como o campus de Ourense foi o primeiro periférico en apostar pola especialización, que iniciou no ano 2013. “Se alguén busca unha referencia para unha especialización tena aquí, no Campus da Auga de Ourense”, afirmou. O titular da Xunta fixo fincapé na súa intervención en como “o que inauguramos hoxe non é só un edificio central fermoso, o que inauguramos hoxe é un proxecto académico, e é un proxecto social, e é un proxecto económico e é un proxecto industrial”.

Estamos, subliñou Feijóo, ante “unha gran oportunidade” non só para a comunidade universitaria senón tamén para a Xunta de Galicia, para a Universidade de Vigo e “para Ourense, para as empresas de Ourense, para os traballadores de Ourense e por suposto para o alumnado de Ourense”. Estas oportunidades, afirmou Alberto Núñez Feijóo, son froito da cooperación existente entre a Xunta de Galicia e as universidades galegas e a súa aposta pola excelencia.

Pola súa banda, Jesús Vázquez, alcalde de Ourense, subliñou como “a cidade de Ourense recibe con moitísimo entusiasmo este novo edificio”. Estamos, afirmou o alcalde, “ante un novo aliado no proxecto do futuro que deseñamos desde a cooperación institucional”, lembrando a súa participación na posta en marcha do proxecto de especilización do campus de Ourense como Campus da Auga cando el era conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O Campus da Auga, recalcou Vázquez, é “unha especialización que vai xerar de seguro un valor engadido e estratéxico para toda a cidade, a provincia e mesmo para Galicia”, facendo fincapé no potencial termal ourensán.

Visita das autoridades ao interior do edificio do campus da Auga. Foto: Duvi.
Visita das autoridades ao interior do edificio do campus da Auga. Foto: Duvi.

O deseño do edificio foi de Oikos Estudio e estivo asinado por Alfredo Freixedo, Pedro Diéguez, Mª del Carmen Rodríguez, Raquel González, Francisco Javier López e Daniel Carvajal. A construción correu a cargo de Obras e Servizos Gómez Crespo e desenvolveuse desde o verán de 2016 ata finais de 2017. O novo edificio, de tres plantas e máis de 3.500 metros cadrados, contará con doce laboratorios de investigación e catro laboratorios da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e no seu deseño fíxose fincapé na súa sustentabilidade.

Na primeira planta situaranse laboratorios singulares de contaminación de augas e solos; tecnoloxía e diagnose de medios acuáticos; compostos bioactivos e antioxidantes; avaliación toxicolóxica de augas e alimentos; biotecnoloxía; tecnoloxía dos alimentos e nutrición e bromatoloxía. Na segunda planta estarán laboratorios singulares de arqueoloxía e territorio; análise de concas hidrográficas e informática aplicada. Esta segunda planta completarase coa ubicación do Laboratorio Espacial da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, dunha aula de informática e dun espazo para o Programa de Doutoramento do Campus da Auga.

Polo que respecta á nave coñecida como laboratorio de hidráulica, o principal uso será para a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, que terá nela un laboratorio de aerodinámica, outro de propulsión e motores e outro de materiais e resistencia de materiais. Nesta nave haberá tamén un espazo de investigación en hidroloxía e outro en arqueoloxía, territorio e auga. Por último, o novo edificio tamén está previsto que albergue os servizos administrativos do campus de Ourense, ata o de agora dispersos en diferentes edificios, e que dea soporte á Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus da Auga. Segundo explicou o reitor en funcións, a previsión é que este verán comece a mudanza ao novo edificio para que estea operativo para o curso académico 2018/2019. “Xa están os usos definidos, xa están todos os espazos adxudicados, xa está todo o mundo pendente de que cheguen os equipamentos específicos para os laboratorios”, afirmou Salustiano Mato.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

GCiencia lanza a décima edición dos premios Galicia Spin-Off

Os galardóns recoñerán un ano máis a empresas innovadoras xurdidas das universidades e a un grupo de investigación

A contaminación atmosférica podería estar detrás do aumento das crises de xaqueca

Un estudo internacional sinala que o número de visitas ao hospital de persoas con síntomas aumenta durante os días nos que hai maiores niveis de polución
01:04:45

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Obstáculos da carreira investigadora

A enxeñeira Soledad Torres, a bióloga Iria Gómez Touriño e a enfermeira Ainara Díaz Geada participan na última sesión do ciclo de GCiencia e da Deputación de Pontevedra