Publicidade

O Colexio de Enxeñaría Informática de Galicia anuncia os seus premios anuais

O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) anunciou esta semana os seus premios anuais, nove distincións que corresponden a diversas categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. Os premios serán entregados na X edición da “Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”, que terá lugar o 15 de xuño no Hotel San Francisco de Santiago de Compostela.

Os premiados

Categoría e-Inclusión: Digitalizadas

O CPEIG premio o proxecto “polos valores que fomenta ao desenvolver competencias tecnolóxicas que permiten a mulleres, especialmente da contorna rural, aumentar a súa influencia persoal e profesional en Internet”. Os obxectivos de Digitalizadas son reducir a fenda de xénero, promover a inserción social e laboral das mulleres, protexer os seus dereitos e seguridade no eido dixital, e xerar unha rede de dixitalizadoras, é dicir,  unha comunidade de mulleres con maior interese no uso da tecnoloxía para fomentar o emprendemento e o autoemprego, que aportan experiencias e referentes empresariais locais femininos.

Publicidade

O programa está impulsado pola Fundación Cibervoluntarios, Fundación Mujeres e Google.org, coa colaboración do Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad.

Iniciativa emprendedora: ViaGalicia

A distinción recaeu na aceleradora ViaGalicia, por dar soporte e asistencia na súa fase inicial a emprendedores e empresas, aportando capital semente, formación, infraestruturas e asesoramento intensivo. ViaGalicia é un ecosistema para emprendedores, situado en Nigrán e promovido pola Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia.

Publicidade

Esta aceleradora busca emprendedores con proxectos innovadores, acelerables, investibles e relevantes. Ata a data, Vía Galicia avaliou máis de 1.000 ideas de negocio, conta con 68 empresas aceleradas e 157 proxectos impulsados, cunha xeración de 338 postos de traballo.

 Iniciativa empresarial: ISMS Forum

ISMS (acrónimo de Asociación Española para el Fomento de la Seguridad de la Información) foi recoñecida “por incentivar o fomento da seguridade da información a través da promoción do desenvolvemento, coñecemento e cultura da Seguridade da Información en España e actuar en beneficio de toda a comunidade implicada no sector”. ISMS Forum é unha organización sen ánimo de lucro fundada en 2007 e creada cunha vocación plural e aberta, que se configura como un foro especializado de debate para empresas, organizacións públicas e privadas, investigadores e profesionais onde colaborar, compartir experiencias e coñecer os últimos avances e desenvolvementos en materia de seguridade da información. ISMS Forum Spain ten xa a máis de 160 empresas asociadas e máis de 900 profesionais asociados polo que é a maior rede activa de organizacións e expertos comprometidos coa seguridade da información en España.

 Premio Ada Byron: Miriam Pena

O premio Ada Byron, dirixido a mulleres enxeñeiras en informática, recaeu este ano en Miriam Pena. O CPEIG valorou a súa meteórica progresión profesional, seleccionada pola plataforma Women 2.0 como unha das doce enxeñeiras máis importantes en Silicon Valley en 2018. A enxeñeira, natural de Bueu, traballa actualmente na compañía de software publicitario AdRoll en San Francisco (EEUU), onde desempeña a función de staff engineer, un dos postos máis relevantes dentro dunha compañía tecnolóxica onde se encarga de deseñar e implementar partes críticas da infraestrutura de ofertas en tempo real.

AdRoll desenvolve solucións que conseguen que as persoas volvan a unha páxina de Internet publicando anuncios personalizados nos dispositivos, a web e as redes sociais. Titulada por la Facultade de Informática de la Universidade da Coruña, Miriam Pena conta con máis de 10 anos de experiencia en sistemas escalables, de alto rendemento e concorrencia (execución de múltiples tarefas interactivas). Antes de traballar en AdRoll prestou consultoría especializada en Erlang –unha linguaxe de programación deseñado por Ericsson– en Suecia, España, Exipto e Estados Unidos para proxectos que van desde automóbiles ata redes sociais e telecomunicacións, polo que  esta enxeñeira é considerada unha das maiores autoridades mundiais en Erlang.

 Inciativa da Administración: INCIBE 

Nesta categoría, o CPEIG distinguiu a unha entidade de referencia para o desenvolvemento da ciberseguridade e da confianza dixital dos cidadáns, con especial interese nos menores, e tamén nas empresas, sobre todo en sectores estratéxicos. Esta sociedade estatal, dependente do Ministerio de Energía, Turismo y Agenda Digital a través da Secretaría de Estado de Sociedad de la Información y la Agenda Digital, desenvolve ademais unha parte importante do seu traballo en colaboración coas Fuerzas y Cuerpos de Seguridad del Estado.

 O CPEIG recoñece a misión de INCIBE, destinada a reforzar a ciberseguridade, a confianza e a protección da información e a privacidade nos servizos da sociedade da información, aportando valor a cidadáns, empresas, Administracións, rede académica e de investigación española, sector das tecnoloxías da información e as comunicacións e sectores estratéxicos en xeral.

Traxectoria profesional: Lucía Ardao 

A premiada, Lucía Ardao, é licenciada en Informática e Máster en Telemática pola Universidade da Coruña, programa de Alta Dirección AMP da IE Business School e programa Executiva da Xunta de Galicia.

 Desde o inicio da súa carreira profesional en 1996, a súa traxectoria está vinculada a empresas do sector das Tecnoloxías da Información e as Telecomunicacións, desde spin-offs a empresas de software e consultoras, ocupando distintos postos de dirección rexional e corporativa de unidades de negocio e operacións en empresas como Denodo Technologies, Softgal ou Tecnocom. Actualmente é responsable do Negocio de TI de Indra en Galicia.

Colexiado de honra: Juan Pablo Peñarrubia 

O colexio quixo recoñecer ao presidente do Consejo General de Colegios Profesionales de Ingeniería en Informática (CCII), Juan Pablo Peñarrubia. Anteriormente presidente do colexio valenciano, compaxina o seu labor colexial coa xefatura do departamento de Innovación na Deputación de Valencia. O Colexio galego ofrécese esta gran distinción por se un “traballador infatigable en busca da regulación da enxeñaría en informática e a defensa da profesión en todo o seu alcance”.

Premio Proxecto Fin de Carreira e Máster

O galardón, que ten unha dotación económica de 1.000 euros para o traballo gañador –mentres que o resto de distincións recibirán unha estatuíña–, quere ser un estímulo para os estudantes e recentemente titulados en Enxeñaría en Informática ou Máster en Enxeñaría Informática. O premio recaeu en José Joaquim de Moura Ramos polo seu proxecto “Reconstrución 3D da árbore arterio-venosa da retina a partir de imaxes OCT” como traballo fin de máster na Universidade da Coruña. Ademais, os tres finalistas beneficiaranse dun ano de colexiación gratuíta. Mediante a organización deste premio, o ente colexial busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes.

Alén disto, nesta décima edición dos premio, o CPEIG creou unha nova categoría, o premio 10º Aniversario de A Noite, distinción de agradecemento a empresas pola súa constancia no apoio ao longo destes dez anos de A Noite: Telefónica, Plexus, HP, Bahía e Xunta de Galicia.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Guía para o Black Friday en Galicia: como evitar que te estafen

As principais ciberaemazas son a chegada de mensaxes de texto ou correos electrónicos con ligazóns a unha páxina falsa

“Chat GPT fascíname como investigadora, como usuaria dáme medo”

A informática Verónica Bolón recibe o Premio Ada Byron polo seu estudo dos algoritmos verdes e o fomento das vocacións STEM

Roubo de contrasinais e mensaxes fraudulentas: estas son as estafas máis comúns do Black Friday

O Coñexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia alerta dos enganos máis habituais nestes días de ofertas e compras en liña

Así é The Waylanders, un videoxogo de fantasía na Galicia celta e medieval

O ambicioso proxecto de Gato Salvaje Studio, impulsado por micromecenado, gaña o premio dos enxeñeiros informáricos galegos