Divulgare ficha polo galego

Teñen gañado prestixio en medio mundo. Máis de 600.000 descargas, 14 premios internacionais e visitas dende 142 países avalan a calidade dos vídeos científicos elaborados polo grupo Divulgare, do Laboratorio de evolución e ecoloxía da Universidade de Vigo. A súa aposta pola divulgación da ciencia para poñela ao alcance de todos os públicos únese agora coa defensa do galego como vehículo para facer e para transmitir a ciencia. Desta unión xorde a iniciativa de ofrecer a versión en galego de todos os vídeos do grupo, un traballo realizado en colaboración coa Área de Normalización Lingüística ao abeiro do convenio que a Universidade de Vigo asina anualmente coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en materia de política lingüística para amosar que “en galego tamén se pode facer ciencia”. Este venres tivo lugar a presentación pública das pezas audiovisuais, un total de 20, nun acto que contou coa presenza do reitor da Universidade, Salustiano Mato; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García e os profesores Luís Navarro e José María Sánchez.

Salustiano Mato: “Levamos anos pelexando pola ciencia en galego”

Salustiano Mato explicou que coa presentación “deste novo produto tratamos de seguir impulsando a idea que temos incrustada e pola que levamos anos pelexando, que é a ciencia en galego, porque en galego tamén se fai ciencia”. Estes vídeos achegarán os contidos científicos e innovadores non só á comunidade universitaria, senón especialmente ao estudantado de secundaria, e en galego, creando e divulgando terminoloxía e vocabulario entre os futuros universitarios e incidindo nunha franxa de idade na que o uso da lingua propia se está a perder.
Unha vez feitas as traducións, agora dende Divulgare están a traballar un portal web que dea acubillo a estes e aos futuros vídeos para poñelos a disposición non só da comunidade universitaria senón da sociedade en xeral. José María Sánchez explicou que esta canle terá unha liña argumental baseada co cambio global, “un tema que xa está no currículo de secundaria e sobre o que xa temos feito varios vídeos e no que seguiremos a traballar”. Neste sentido, o secretario xeral de Política Lingüística salientou a utilidade destes recursos porque cumpren con tres aspectos estratéxicos. Por unha banda, achegar a lingua galega ao campo das TIC e do audiovisual para que se vexa “que non é un idioma secular, é unha lingua viva e actual”. Por outra banda, apostando polo galego nun eido como é o da ciencia, no que a lingua predominante é o inglés e, finalmente, ten un importante labor docente xa que achega a estudantes de diversas idades coñecementos científicos e de sostenibilidade en galego, “nunha franxa de idade especialmente importante na difusión da lingua, xa que están a formar a súa personalidade”.

O reitor Mato, o secretario de Política Lingüística, Valentín García, e membros de Divulgare.
O reitor Mato, o secretario de Política Lingüística, Valentín García, e membros de Divulgare.

A tradución deste vídeos, nun casos dobrados e noutros subtitulados, foi realizada polas técnicas da Área de Normalización Lingüística da Universidade. Recoñecen Eva María Castro e Cristina Rodríguez que foi unha experiencia nova e enriquecedora, “porque estamos afeitas a traballar con papel e, desta volva, achegámonos ao formato audiovisual”. Pero o verdadeiro reto foi a terminoloxía, porque o eido científico require ás veces “crear idioma”, fornecelo de palabras para adaptar os anglicismos, como explicaba tamén o reitor. Neste sentido tanto Mato como o director da ANL, Paulo Cabral, lembraron o esforzo de moitos docentes do sistema universitario galego por facer realidade a docencia e a ciencia en galego, e referíronse á campaña das tres universidades En galego tamén se fai ciencia. Cabral destacou que ferramentas como estes vídeos ou os do proxecto Funilaxudan a familiarizar ao estudantado con termos científicos en galego e “son unha excelente maneira de darlle visibilidade ao traballo que se realiza na Universidade ao achegar o labor feito nos laboratorios á sociedade”.
Ao finalizar o acto proxectouse unha das pezas audiovisuais creadas polos investigadores de Divulgare e traducida pola ANL, o documental A saúde dos nosos océanos, encadrado no proxecto internacional Arcopol Platform.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego demostra os efectos negativos do eucalipto nos ecosistemas fluviais

O estudo da UVigo constata que a diversidade de especies nos regatos diminúe naqueles lugares rodeados das árbores oriúndas de Australia

Ter un peso adecuado pode ser máis importante que facer exercicio para evitar o risco de cancro

Un estudo da UVigo apunta a que a actividade física sería insuficiente para contrarrestar os efectos negativos de ter sobrepeso ou obesidade

O investigador Jordi Borràs gaña o Premio atlanTTic á mellor tese de doutoramento

O experto da Universitat Politècnica de Catalunya propón un esquema innovador para reducir as interferencias nas comunicacións sen fíos

A virxe ao servizo da física (ou como reconstruír a historia do clima con procesións)

As rogativas católicas para pedir a intervención divina na meteoroloxía complementan as ferramentas científicas das que dispón a paleoclimatoloxía