Hai uns días, co gallo da celebración das probas de acceso á universidade, atopou oco nos titulares un debate que deu moito que falar entre os estudantes: a suposta desvantaxe das mozas e mozos galegos ao ter que examinarse dunha materia máis (lingua galega) para acceder á universidade. A mensaxe, atizada por algúns medios e formacións políticas que aludían a unha suposta discriminación dependendo da comunidade autónoma, atopou resposta en dúas publicación a través da rede social Twitter que acadaron un notable impacto, aludindo á pouca presenza do galego no ensino superior.
Tres anos de medicina, en galego o que está pintado https://t.co/GqPanou6cZ pic.twitter.com/xbP8ZSiFss
— Oniria (@miss_xesta) 18 de junio de 2019
USC, Facultades de Dereito – RRLL , 2019 . Rematado o curso toca facer balance, e cos apuntes podemos ver moi clariño a suposta “imposición” da lingua galega. En todo o curso tan só UNHA asignatura na nosa lingua, agradecer a @albadetoba por ser a excepción. #defendeogalego pic.twitter.com/TVZ7G22y32
— Andrés Seoane Pena (@dreso18) 17 de junio de 2019
Exemplos da desigualdade
Andrés e Lucía son os dous estudantes da Universidade de Santiago que fixeron públicas estas mensaxes. Coas imaxes amosan algo que constata calquera estudante que acode ás aulas das universidades galegas: o castelán é a lingua vehicular do ensino universitario na maior parte das titulacións, coas únicas excepcións dunha parte dos graos de Humanidades e Ciencias Sociais. Nesta rama da ciencia foi, precisamente, onde se concentran as titulacións incluídas no acordo da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística (Comunicación Audiovisual, Educación Infantil e Educación Primaria da Universidade de Vigo; Xornalismo e o Grao en Educación Social da Universidade de Santiago e o Grao en Educación Social na Universidade da Coruña).
Lucía estuda Medicina, unha titulación na que, do mesmo xeito que noutras da área sanitaria ou tecnolóxica, o galego é case a excepción nas aulas. “En catro cursos, con aproximadamente 12 materias por curso, só tivemos dúas en galego“, resume a estudante. “Nunha materia de primeiro de carreira había un grupo no que o profesor era o único que falaba galego, e dicía que era necesario para os que viñan de fóra. E en segundo de carreira, a metade dunha asignatura dábaa un profesor galego, e creo recordar que o exame tamén, aínda que a xente traducía os apuntamentos ao castelán”.
Pero ademais, dentro deste espazo minoritario, a docencia na lingua propia de Galicia atopaba con outros obstáculos: “O problema que temos nos é que elaboramos os apuntamentos cada curso nunha comisión, e debido a grandes debates que tivemos decidiuse coller as anotacións no idioma que empregue o profesor, e aínda así a xente, aínda que este fale en galego, transcríbeos ao castelán”.
Nalgúns casos, os argumentos contra o uso do galego na universidade aluden á necesidade de facilitar as cousas aos estudantes non galegofalantes. Pero a experiencia de alumnos como Andrés Seoane, de Silleda, alumno de 4º curso no dobre grao de Dereito e Relacións Laborais, diferente: “Moita xente respondía ao meu tuit dicindo que o uso do galego era un obstáculo para os estudantes que viñan de fóra, como os Erasmus ou os Séneca; pois ben, na única clase que tivemos en galego este ano había moitos estudantes que non tiveron ningún problema en comprender a materia nin en recibir a formación; é máis, aprenderon moitas cousas sobre a nosa cultura e sobre a nosa comunidade”, conclúe.
Só o 1,23% das horas lectivas en Medicina se imparten en galego, segundo datos da propia USC
Segundo os propios datos da USC referentes ao curso 2018-2019, Medicina é, despois de Lingua e Literatura Inglesa (por cuestións obvias) e Relacións Laborais, a titulación de grao da universidade compostelá na que menos porcentaxe de horas de docencia se imparten en galego. Os futuros médicos formados en Santiago reciben apenas un 1,23% da súa docencia neste idioma. E a media dos graos está nun 21,06%, que só sobe ao 22,57% no conxunto das titulacións. A situación mellorou respecto ao primeiro ano do que hai datos, no curso 2003-2004, cando a relación entre castelán e galego era do 82,4% fronte ao 17,6%.
Só maioría en Humanidades e Ciencias Sociais
Os graos nos que se rexistra unha porcentaxe de horas en galego superior ao 50% están cinguidos a titulacións da área de Humanidades e Ciencias Sociais. Son os graos de Paisaxe, Educación Infantil e Primaria (tanto por separado como no dobre grao), Xeografía e Ordenación do Territorio, Filosofía, Pedagoxía, Comunicación Audiovisual, Xornalismo e Educación Social. No caso destas dúas últimas, as únicas titulacións incluídas no acordo anunciado en maio, a porcentaxe de horas xa é superior na actualidade ao 80% acordado pola Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística.
Con todo, a situación nas Ciencias Sociais non é homoxénea. Andrés Seoane salienta que “de máis de 40 materias, houbo arredor de catro en galego”. A isto, Andrés engade que o contexto da titulación dificulta que os alumnos poidan usar o galego de forma habitual nos diferentes espazos de traballo. “Considérase que unha clase en galego é a excepción, e de feito, cando un profesor chega o primeiro día e fala galego hai un certo ambiente de sorpresa”.
Andrés comenta máis exemplos: “Os exames podes facelos na lingua que queiras, por iso non hai ningún problema, e o mesmo na clase. No meu caso, eu sempre interveño en galego e fago as exposicións en galego porque me expreso con maior facilidade. Pero si que recoñezo que os exames escritos fágoos moitas veces en castelán porque ao estudar tantas horas e ao ler as preguntas en castelán a inercia sempre che acaba levando”.
Universidade de Vigo
A situación que ofrecen os datos da USC esténdese ás outras universidades galegas. A institución viguesa publicou o ano pasado un estudo sociolingüístico sobre o uso do galego na comunidade universitaria. O informe afonda en diversos aspectos arredor da docencia e alumnado que corroboran a situación de desigualdade fronte ao castelán. Así, entre outros datos, o castelán é a lingua habitual nun 63,4% do alumnado fronte a un 19,4% do galego e un 16,9% que comparte as dúas. Entre o profesorado, o galego era o máis habitual nun 26,6% dos participantes na enquisa, fronte a un 38,4% do castelán e un 33,5% que usa as dúas.
Na Universidade de Vigo, os profesores ofrecen un 41% dos apuntamentos en galego, pero só un 20,3% dos estudantes os redactan nesta lingua
Igualmente, tanto na comunicación entre alumnado e profesorado dentro da aula como nos apuntamentos e nos exames, o castelán é maioritario en todos os casos. Hai porcentaxes salientables. Por exemplo: un 54,4% dos docentes declara redactar o material docente (programas e apuntamentos) total ou maioritariamente en castelán e un 41% total ou maioritariamente en galego. Porén, á hora da redacción dos alumnos, as diferenzas amplíanse: un 77,8% escribe total ou maioritariamente en castelán fronte a un 20,3% en galego.
Universidade da Coruña
Os datos máis recentes da institución coruñesa achégaos o servizo de Normalización Lingüística da institución, que cifra en arredor dun 20% o porcentaxe de horas de docencia impartidas en galego.
Hai máis datos sobre a UDC, que corresponden a un informe do catedrático de Socioloxía Antón Álvarez Sousa, nun texto correspondente ás actas das XI Xornadas sobre Lingua e Usos, celebradas en 2015. Nesta análise, baseada en arredor de 3.000 entrevistas realizadas a alumnado, PDI e PAS da Universidade da Coruña, así como entrevistas cualitativas a un grupo de docentes.
Os datos expoñen de novo a desigualdade: nas titulacións de grao, un 78% das materias impártense só en castelán, fronte ao 13% en galego, e a diferenza sobre ao 83% e 13% respectivamente no caso do mestrado. E hai outros detalles a subliñar: “Soamente unha porcentaxe inferior ao 50% das persoas que empregan o galego na fala o mantén na escrita. No caso do alumnado, do 21,3% que o emprega na fala, só un 8,5% segue a mantelo na escrita”.
Así, nas súas conclusións, Sousa engade: “A porcentaxe de alumnado, PAS e PDI da Universidade da Coruña que entende, sabe falar e sabe ler en galego é moi elevada, porén a porcentaxe dos que o falan ou o escriben é moi baixa“.
Máis información:
– Estudo Sociolingüístico sobre o uso do galego na Universidade de Vigo (en PDF).
– O galego na docencia: datos da USC.
– Coñecemento e uso do galego na Universidade da Coruña. A influencia da globalización”, texto correspondente ás actas das XI Xornadas sobre Lingua e Usos. Lingua e Universidade de Antón Álvarez Sousa (ano 2015).