A afección pola micoloxía nunca desapareceu en Galicia, pero está collendo novo pulo nos últimos anos, con moitas actividades de saída e recolección de exemplares, así como charlas divulgativas sobre os diferentes tipos de fungos e, especialmente, de cogomelos comestibles que se poden atopar nos montes. E con esta situación, cómpre tamén dotar á cidadanía do coñecemento preciso para garantir unha xestión micolóxica sostible, detrás do cal hai un interesante océano de coñecemento. Este é un dos obxectivos de MycoGalicia Plantae, unha empresa de base tecnolóxica nacida ao abeiro da Universidade de Vigo que está especializada en formación, asesoramento, divulgación e xestión sobre os recursos micolóxicos dos montes galegos.
A empresa, nacida en 2017, leva desde entón achegando a micoloxía a diversos sectores da sociedade. Un deles é o eido educativo, e neste sentido lanzaron o ano pasado A miña primeira guía micolóxica: macrofungos micorrícicos, é dicir, aqueles que nacen asociados á raíz dunha planta. É a primeira entrega dunha serie de publicacións, adaptadas para colorear, que afondarán en diversos grupos e especies de fungos que se poden atopar nos montes galegos.
Despois do éxito do primeiro número, lanzan unha campaña de mecenado para os tres seguintes
E para sacala diante, MycoGalicia puxo en marcha a través da plataforma Verkami unha campaña de micromecenado coa que quere facer realidade tres novas guías sobre fungos saprotróficos, domesticados e parasitos, segundo explica Andrés Cordeiro, un dos investigadores da compañía.
A idea xurdiu, explica Andrés, “vendo a boa acollida que tiñan algunhas láminas divulgativas que estabamos entregando nos colexios durante as charlas. Aos rapaces gustáballes moito, viamos que gozaban e ao mesmo tempo aprendían, así que decidimos poñer en marcha as guías, máis amplas e con contidos máis traballados”.
Así, a primeira delas, sobre as micorrizas, verase ampliada con tres novos tomos. Para facelo posible, MycoGalicia mantén aberta na plataforma Verkami unha campaña de micromecenado, con distintos niveis e recompensas para os mecenas, que estará aberta ata o 15 de xuño. O equipo quere chegar ao obxectivo de 3.500 euros cos que se cubrirían os gastos da primeira edición, en tamaño DIN A5, con papel reciclado, acabado en textura suave e aveludada na portada. Os novos libros serán os seguintes:
Macrofungos saprotróficos
Neste número da guía micolóxica explícase o papel principal dos fungos na natureza: a reciclaxe da materia orgánica. Ademais, descríbense peculiaridades dos fungos saprotróficos presentes en Galicia e a súa afinidade polos diferentes substratos, diferenciando especies lignícolas (que degradan restos de madeira) fronte ás humícolas (que empregan humus). Algunhas das especies descritas neste libro son Agaricus campestris, Clathrus archeri, Macrolepiota procera ou Sparassis crsipa.
Macrofungos domesticados
Nesta guía afondarase no que se entende por domesticación de fungos e o procedemento xeral para conseguir unha produción de cogomelos, indicando cales son as condicións necesarias para obter a frutificación dalgunhas especies saprotróficas no noso fogar. Así, distinguirase o uso gastronómico fronte ao uso medicinal e outros usos domésticos. Algunhas das especies incluídas neste número presentan morfoloxías diferentes no campo e no cultivo, o que se verá representado tanto nos debuxos como nas descricións. Algunhas das especies descritas neste libro son Pleurotus ostreatus, Pleurotus eryngii, Flammulina velutipes, Ganoderma lucidum ou Tuber melanosporum.
Macrofungos parasitos
Neste caso, explicarase que é un fungo parasito e farase referencia aos diferentes organismos que parasita e aos seus reinos (Plantae, Animalia ou Fungi). Ademais, descríbese cal é a principal función que cumpren nun ecosistema, xa que xunto ás especies saprotróficas axudan a manter a saúde das formacións forestais. Algunhas das especies descritas son Fistulina hepatica, Cordyceps militaris, Fomitopsis betulina ou Claviceps purpurea.
Cada libro inclúe unha breve introdución común na que se explica que é un reino, que é un fungo, que é un cogomelo e aspectos básicos sobre a súa morfoloxía e ecoloxía, así como a importante relación que teñen co medio.
O resto do contido aproveitarase para comentar as peculiaridades de cada grupo. Así, por exemplo, mentres que no último libro (macrofungos parasitos) farase referencia aos diferentes reinos (Plantae, Animalia ou Fungi) no primeiro libro (macrofungos micorrícicos) aproveitouse para indicar aspectos relevantes sobres os ecosistemas nos que habitan os fungos. Cada libro inclúe -descricións de polo menos 15 especies de fungos diferentes.
Nelas resáltanse as cores que posúen os cogomelos dunha maneira sinxela. Ademais, inclúense aspectos relativos á súa morfoloxía, ecoloxía e usos tradicionais para cada unha das especies. As descricións apóianse con ilustracións dos cogomelos para que os nenos aprendan coloreando cales son os cogomelos dos montes de Galicia. Como apoio para coñecer mellor os cogomelos, na parte final do libro inclúense a todo cor as ilustracións das especies descritas.
Podes consultar máis información sobre o proxecto A miña primeira guía micolóxica nesta ligazón.