Como conservar a arte urbana? Un software galego predicirá a deterioración dos murais

A ferramenta da UVigo poderá indicar os cambios que pode sufrir unha pintura en función da composición, localización e orientación

O muralismo urbano estase a converter nun emblema de Galicia e é preciso atopar un método para conservalos. Baixo esta premisa desenvólvese o proxecto dirixido polos investigadores Iago Pozo e Raquel Pérez. O seu traballo resultou un dos gañadores do Challenge’24 impulsado polo Centro de Investigacións en Tecnoloxía, Enerxía e Procesos Industrais (Cintecx). O obxectivo é crear unha ferramenta de software que prediga os cambios que pode sufrir unha pintura, tendo en conta as condicións meteorolóxicas, a composición dos pigmentos e a orientación do lugar.

As grandes obras de arte que se plasman en edificios galegos levan anos acumulando recoñecementos ou transformándose en símbolos das localidades onde se atopan. Graffitis destacados como o ‘Julio Cesar’ ante a muralla lucense ou a ‘Gaiteira Real’ de Ourense, ou festivais como ‘Vigo cidade de cor‘ ou ‘DesOrdes Creativas‘ en Ordes impulsan este novo xeito de decorar as áreas urbanas. “En torno aos anos 2015 e 2016 a xente comeza a decatarse do potencial do muralismo contemporáneo, que a día de hoxe mesmo inflúe en certos grupos de persoas apaixonadas por este eido á hora de coller vacacións”, explica o coordinador do grupo de investigación de Xestión Segura e Sostible de Recursos Minerais (XESSMin) do Cintecx, Iago Pozo.

Publicidade

Diferentes pinturas e localizacións

Raquel Pérez e Iago Pazo traballando coas mostras. Foto: Cedida.
Raquel Pérez e Iago Pazo traballando coas mostras. Foto: Cedida.

Así, xunto ao Grupo de Tecnoloxía Enerxética (GTE), puxeron en marcha este traballo. O obxectivo é “desenvolver un modelo de aprendizaxe automático que, empregando unicamente variables meteorolóxicas, sexa capaz de predicir a predisposición ou non de diferentes tipos de pinturas a degradarse en función da súa localización“, en palabras da coordinadora do GTE Raquel Pérez. O proxecto comezou con un estudo de sete meses para establecer como se comportan as cores en tres localizacións de Pontevedra. “Escolléronse catro tipos de pinturas, dúas rosas e dúas verdes, e con diferente composición: alquídica e vinílica”, indica Pozo.

Durante sete meses expuxéronse mostras en tres localizacións con diferentes condicións ambientais. Por unha banda, no porto de Vigo as pinturas foron orientadas cara ao leste nunha contorna marítima e urbana. Con respecto á Cañiza, o obxectivo era observar a deterioración nun contexto rural e a moita máis altura sobre o mar, concretamente, 400 metros. Ademais, fíxose unha proba na sede do Cintecx —no campus vigués da UVigo— onde se xuntaba unha maior altura coa exposición algo máis directa ao mar.

Publicidade

As mostras do porto, mellor resultado

Unha das mostras do proxecto localizada no porto de Vigo. Foto: Cedida.
Unha das mostras do proxecto localizada no porto de Vigo. Foto: Cedida.

“Durante ese tempo monitorizamos case de xeito continuo os cambios de temperatura superficial nas pinturas e, cada 40 días, realizabamos unha medición da cor. A través destes datos puidemos comprobar que a composición e a súa orientación son clave na súa deterioración“, relata Pozo. Ademais, a proximidade do mar tamén inflúe neste aspecto. Segundo indica o investigador, as mostras do Cintecx tiveron un maior desgaste que as da Cañiza, pese a estar ambas orientadas na mesma dirección.

Pola contra, sorprendeulles que as mostras no porto de Vigo foran as que presentaran unha mellor estabilidade. “A pesar de estar orientadas ao oeste e atoparse nunha contorna mariña e urbana, foron as que obtiveron mellores resultados”, detalla.

Futuro europeo

Após este estudo, o equipo do Cintecx analizou a relación estatística entre a deterioración das cores e as temperaturas rexistradas. “Agora o que queremos facer é desenvolver o software que en función da localización, a orientación do lugar onde se van realizar as obras e a pintura empregada, poida adiantarnos cales van ser os cambios de cor que poidan sufrir”. Esta ferramenta “será moi útil, xa que ademais poderá establecer como se vai comportar a pintura se ten algún tipo de protector, xa sexa contra graffitis ou o sol”, detalla Pozo.

Grazas á exposición deste proxecto realizada nun congreso en Malta —no cal acadaron un premio á mellor presentación— o equipo galego coñeceu unha serie de investigadores europeos que veñen de incluílos nun proxecto. “A iniciativa é realizar teses doutorais con temáticas como a deste estudo, polo que agardamos poder conseguir entrar nel e, se todo sae ben, de cara ao próximo o ano o software xa estaría desenvolto“, conclúe.

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla