O uso de caucho reciclado: unha tese da USC sinala os riscos para a saúde e o medio ambiente

A investigación demostra que o contido químico dos pneumáticos triturados e reutilizados poden contaminar a auga e o aire

Representan as superficies de caucho reciclado unha fonte de contaminación ambiental? Esta é a pregunta á que tentou responder o químico Daniel Armada Álvarez ante a proliferación do uso de pneumáticos triturados que pasan a reutilizarse, en forma de granulado de caucho, para construír diferentes tipos de superficies como poden ser os campos de fútbol artificiais ou os parques infantís, entre outras. Armada Álvarez enfocou a súa tese de doutoramento na caracterización de parte do contido químico do caucho reciclado de pneumáticos, na difusión de parte destes compostos cara ao aire e auga, así como as implicacións toxicolóxicas pola inxestión oral deste material.

O investigador detectou que algunhas das mostras de caucho reciclado analizadas excedían os límites legais marcados pola Unión Europea. En concreto, para o granulado de caucho empregado en campos de fútbol de céspede artificial e en lousetas de parques, existe un límite legal no que se restrinxe a concentración de oito hidrocarburos policíclicos aromáticos (PAHs), e outro límite para materiais plastificados, entre os que se inclúe o caucho, nos que se acouta a concentración de catro plastificantes (ftalatos) que poden ocasionar riscos para a saúde e o medio ambiente. Dúas superficies do total das 58 analizadas da Unión Europea superaron os límites legais establecidos, unha no relativo aos PAHs en Suecia e outra que superou o límite para plastificantes en Italia. O resto de irregularidades detectadas situábanse fóra do marco comunitario e, polo tanto, non están suxeitas á súa lexislación. Do total de mostras analizadas, un 4% superou o límite para PAHs e outro 4% excedeu o límite para plastificantes. En total estudáronse 78 mostras de granulado de caucho recollido en 17 países.

Publicidade

Contaminación das augas

Daniel Armada no seu laboratorio.

O estudo tamén abordou a posible contaminación das augas e aire lindeiro con estes materiais. “Obsérvase unha transferencia continuada cara a auga. Tanto as mostras simuladas en laboratorio como as recollidas en campos de fútbol teñen concentracións baixas e non superaron os niveis legais para os compostos estudados en augas”, apunta Daniel Armada. No caso do aire acontece algo similar, “detéctanse unha serie de compostos que en ningún caso superaron os límites legais establecidos”, apunta. A relación demostrouse comparando os perfís de concentración dos compostos detectados no aire e na auga cos detectados nas mostras de caucho reciclado. A maiores analizáronse lugares próximos para comprobar se o perfil de concentracións variaba ou era o mesmo que no aire enriba do caucho reciclado, demostrándose que a contaminación do aire proviña destes materiais.

Finalmente, o estudo de bioaccesibilidade revelou a presenza de varios PAHs en fluídos gastrointestinais humanos sintetizados no laboratorio, ademais de compostos químicos que se relacionan coa morte prematura de diferentes especies acuáticas. “Os niveis non supoñen un risco elevado para a saúde, pero non implica que non exista”, matiza o investigador en relación coa detección de compostos considerados canceríxenos por Axencia Europea de Substancias e Mesturas Químicas (ECHA). “A maiores, nas mesmas mostras de fluídos determináronse unha serie de contaminantes emerxentes, onde hai que destacar a presenza da 6PPDquinona en todos os fluídos estudados. Este composto relacionouse recentemente coa morte dunha especie de salmón en Norteamérica e de máis especies acuáticas”, engade Daniel Armada. “A importancia de detectalos é que son bioaccesibles nos fluídos dixestivos a pesar de que os seus efectos nos seres humanos aínda son descoñecidos”, explica. Na tese fíxose un estudo de risco no que se constatou que non se supera o límite de referencia de inxesta oral diaria.

Publicidade

Os resultados desta tese, dirixida polas profesoras María Llompart Vizoso e María Celeiro Montero, deron lugar a seis publicacións en diferentes revistas de alto impacto de química analítica e medio ambiente (ChemosphereJournal of Chromatography AJournal of Separation Science e Science of the Total Environment). Os resultados acadados durante a tese foron presentados e divulgados en diferentes congresos científicos estatais e internacionais, nun dos cales, foi premiada como a contribución en formato póster da aplicación de análise ambiental máis innovadora. O tribunal da tese de doutoramento acordou por unanimidade concederlle a cualificación de sobresaliente cum laude.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Toda a poboación galega respira aire nocivo para a saúde, segundo a normativa da OMS

O Observatorio Galego da Acción Climática publica un informe que constata unha insuficiente redución de emisións á atmosfera

Millóns de toneladas de plástico no mar, nos océanos e nos ríos

O mundo produce o dobre destes residuos que hai dúas décadas. A maior parte deles incinérase ou contamina o medio ambiente

Alianza galega e portuguesa para identificar contaminantes nas augas

O proxecto Nor-Water busca implantar medidas de xestión ambiental para mitigar a presenza destes compostos e mellorar a eficiencia das depuradoras