Unha profunda borrasca impide un episodio de calor intenso en Galicia ás portas de Semana Santa

Os meteorólogos advirten da situación de incerteza durante os festivos de abril e aseguran que "non se pode descartar ningún escenario"

A mediados deste semana, Galicia experimentará un cambio de tempo: pasará dos ceos despexados ás precipitacións. A responsable será unha borrasca situada ao suroeste de Irlanda, que traerá chuvias a partir deste mércores. Unha situación de inestabilidade que contrasta frontalmente co escenario que se vivirá no resto de España. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), producirase unha “situación realmente anómala en canto a temperaturas, con máis de 30 graos en puntos do este e sur peninsular, así como en Canarias”. De feito, distintos portais meteorolóxicos aseguran que se rexistrarán temperaturas máis propias de xuño que de marzo. “Ambiente practicamente de verán”, insisten dende a AEMET. Con todo, Galicia non baterá récord de temperaturas pola influencia da borrasca atlántica.

Segundo explican dende Meteogalicia, a inestabilidade chegará este mércores debido á retirada do anticiclón e a chegada dunha fronte a partir do mediodía. As temperaturas irán ascendendo e, de feito, agárdanse máximas de 26 graos en Ourense. O escenario continuará o xoves sen grandes cambios, coa influencia da borrasca atlántica a precipitacións máis frecuentes e xeneralizadas conforme avance a xornada. No que respecta ás temperaturas, estas si descenderán e agardaranse máximas de tan só 16 graos en Santiago. E Ourense, por exemplo, non superarán os 21 graos. Unha situación que se estenderá durante e fin de semana, cun venres co 90% de probabilidades de chuvias. “Tempo moi cambiante, con venres e sábado de alta probabilidade de precipitación debido á entrada das frontes atlánticas e un predominio anticiclónico a partir de domingo”, matizan dende Meteogalicia.

Publicidade

Unha situación anómala

Galicia, por tanto, escapará dunha situación anómala en canto a temperaturas da que xa están advertindo distintos portais meteorolóxicos. Entre eles, a AEMET, que recoñece que se rexistrarán “valores impropios de finais de marzo”. De feito, agárdanse temperaturas diurnas entre 10 e 15 graos superiores ao promedio normal e en amplas zonas do país, tanto o mércores 29 como o xoves 30. “As única chuvias significativas espéranse en Galicia, Cantábrico e Pirineos”, engaden dende o servizo, confirmando o prognóstico que baralla Meteogalicia para mediados de semana.

As temperaturas ascenderán inusualmente en boa parte de España, agás en Galicia, debido a unha “potente dorsal anticiclónica” que chegará á península ibérica a comezos desta semana. “Ademais, os sistemas de baixas presións que discorrerán ao norte das Azores facilitarán un fluxo de ventos do suroeste en boa parte de Europa que, no caso da península, arrastrarán unha masa de aire de procedencia subtropical en niveis medios e baixos”, explican dende Meteored. Segundo continúan indicando na súa páxina, a masa de aire descenderá e seguirase quentando, producindo un episodio de temperaturas moi altas para esta época do ano. De feito, en Meteored cualifícanos como “valores extremadamente altos” para marzo, con cidades como Valencia, Sevilla ou Córdoba que superarán os 30 graos.

Publicidade

Previsión para Semana Santa

A tan só uns días de que comece a Semana Santa, a pregunta máis recorrente é: Que tempo irá? Non é doado atopar prognósticos e os que ofrecen os servizos meteorolóxicos están cargados de incerteza. Así o advirten eles mesmos, como é o caso de Meteored: “Non se pode descartar ningún escenario”. De momento, os modelos apuntan a que o domingo 2 producirase “unha baixada xeneralizada das temperaturas de oeste a este”. Tamén se esperan precipitacións no terzo norte, pero prevese que serán de carácter disperso.

Seguindo a información publicada por Meteored, as temperaturas iranse recuperando progresivamente a comezos da semana que vén pero, de momento, non se sabe se o escenario se manterá durante os festivos. “As previsións mostran un panorama máis complexo para eses días, xa que o chorro polar presentará importantes ondulacións e os centros de acción mostraranse máis dinámicos”, conclúen dende o portal meteorolóxico.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do formigón de Ourense aos parques de Santiago: un estudo contrasta os dous modelos de zonas verdes

A cidade do sur galego é unha das tres con peor cobertura, con 4,6 metros cadrados por habitante, moi por debaixo da media de 14,15

Unha igrexa e un curtidoiro elevan a 93 os bens galegos na Lista Vermella

A Coruña concentra o maior número de monumentos en risco, con 34, seguida de Lugo, Pontevedra e Ourense

Aire acondicionado fronte ao cambio climático: indispensable ou incompatible?

A OMS presenta unha nova guía de plan de acción sobre saúde e calor na que recoñece os seus efectos negativos á vez que insiste na necesidade de acceso

A Xunta activa a alerta vermella por calor extrema no interior de Pontevedra

As temperaturas superarán os 35 graos en 16 concellos pontevedreses durante a xornada pola chegada dunha masa de aire africano