O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, da Universidade de Vigo abrirá as súas portas ao público este venres, 18 de novembro, de 16.00 a 19.00 horas, para amosar á cidadanía o seu traballo diario no eido da ciencia. O público en xeral, dende nenos ata adultos, poderá coñecer de preto as instalacións e formar parte das visitas guiadas aos laboratorios do centro de excelencia de investigación desta universidade galega.
Visita guiada ao público
Trátase dunha oportunidade na que os individuos poden porse en contacto co seu persoal investigador e coñecer a forma en que inflúen no deseño das tecnoloxías do futuro a través da súa colaboración activa en proxectos desenvolvidos para empresas e institucións tanto nacionais como internacionais. Baixo o lema “Conecta con atlanTTic”, unha vintena de investigadoras e investigadores darán resposta ás dúbidas do público.
Así mesmo, máis alá dos stands con demostracións, as persoas asistentes poderán coñecer tres dos laboratorios de atlanTTic nos que traballa o persoal investigador e técnico. Desta maneira, amosarán oos asistentes o laboratorio de Seguimento de satélites, o laboratorio de Fotónica (no que se abordará a revolución dos chips fotónicos) ou o de Acústica, que agocha unha cámara semianecoica, illada das fontes sonoras externas, deseñada e recuberta para absorber as ondas sonoras e electromagnéticas e cunha sala de control “non-enviroment”.
Durante a xornada, o centro vigués ofrecerá espazos para compartir os seus proxectos máis novidosos ou mesmo os resultados das súas últimas investigacións en curso, coa fin de achegar a ciencia á cidadanía pero tamén intentando espertar vocacións entre as e os máis pequenos. Ademais, e coa fin de amenizar a cita científica, sortearase, entre os visitantes, un kit de produtos promocionais do centro.
Porén, nesta xornada amosaranse traballos como o SignaMed, para o emprego do recoñecemento automático de lingua de signos; a app talkAACtive, que axuda a persoas con Trastorno do Espectro Autista no entorno laboral; o Bot de Entretemento e Acompañamento, para persoas maiores; o proxecto rurAllure, para planificar itinerarios de rutas peregrinas europeas; Fawrensian, o software que analiza a veracidade das fotografías; Lightboard, para a educación dixital; LifeTEC, ferramentas para a loita contra os lumes; LitterDrone e BEWATS, teledetección e seguimento de lixo no mar, ou Panoramix, para a detección do deterioro cognitivo.
Centro de investigación atlanTTic
O atlanTTic é un centro de investigación destacado que está composto por máis de 170 profesionais que desenvolven coñecemento e información no campo da privacidade e da seguridade, as tecnoloxías multimedia, as redes de datos, os e-servizos, a bioenxeñaría, o radar, as comunicacións por satélite e, en xeral, as comunicacións radio e ópticas. O seu equipo investigador lidera proxectos H2020 e gañou diversos premios pola súa labor, así como tamén pertence a algunhas das academias e sociedades científicas e profesionais máis recoñecidas. A súa vez, asinan artigos en cabeceiras sobre ciencia como Science ou Nature.
Ademais, o grupo científico traballa en programas en colaboración coa Axencia Espacial Europea (ESA), en proxectos para mellorar a ciberseguridade, en aplicacións para achegar a cultura ou o Camiño de Santiago a tódalas persoas, en ferramentas para a auto-diagnose de enfermidades, ou mesmo nos últimos avances en 5G, cuántica, Intelixencia Artificial ou fotónica integrada.
As portas abertas do encontro enmárcanse no programa de actividades de Divulgando Ciencia Singular e require inscrición previa que pode realizarse a través da propia web de atlanTTic.














