O 14 de marzo, quedou proclamado pola UNESCO, na súa Conferencia Xeral en 2019, o Día Internacional das Matemáticas a proposta da Unión Matemática Internacional (IMU). Nesta data celébrase o Día de Pi pola forma en que se escribe coa notación empregada nos Estados Unidos, 3/14, a cal coincide con este número irracional que é unha das constantes matemáticas máis importantes.
Co gallo desta efeméride, a USC súmase á iniciativa ‘Marzo, mes das matemáticas’, unha proposta da rede de Divulgación Matemáticas DiMa, nutrida con múltiples actividades que se desenvolverán en dez comunidades autónomas ao longo de todo o mes e un programa singular para o propio Día de Pi.
Baixo o lema ‘Matemáticas para un mundo mellor’, esta iniciativa coordinada dende a USC pola profesora María Elena Vázquez Abal, responsable do nodo Galicia, promove un programa de accións que serán presentadas o luns 15, a partir das 17.00 horas, nun acto que poderá seguirse a través de Teams, e ao que lle seguirá o relatorio ‘A aplicación da bicicleta é rodar (O plano hiperbólico!)’. A conferencia correrá a cargo de Luis Hernández Lamoneda do Centro de Investigación en Matemáticas de Guanajuato, en México. Nesta charla explorarase a xeometría detrás do movemento dunha bicicleta sobre o plano. Máis precisamente, a relación que gardan as curvas trazadas por ambas as rodas, coa intención de introducir ou lembrar algunhas nocións básicas da xeometría do plano hiperbólico.
Alén deste relatorio, máis de 100 matemáticas e matemáticos ofrecerán un centenar de actividades lúdicas en diferentes cidades do territorio español e, sempre, accesibles de maneira virtual a través da web do proxecto. “O resultado é un esforzo de divulgación matemática sen precedentes, en extensión e duración, que busca ser a primeira edición dun evento que se repita cada ano”, explican dende a organización.
“Este formato de rede ten como obxectivo compartir as experiencias de cada territorio ideando actividades comúns, e así poder xerar un armazón que favorecerá o desenvolvemento da divulgación das matemáticas de maneira ordenada e colaborativa”, explican dende a organización. Ademais, xeraranse materiais divulgativos (imprimibles, descargables ou dixitais) con fichas didácticas correspondentes, que quedarán dispoñibles na web do proxecto. Todos estes contidos serán deseñados atendendo a perspectivas de inclusión da ciencia, tendo presente a perspectiva de xénero, os temas de exclusión social, as altas capacidades ou a diversidade funcional.
Alén da profesora Vázquez Abal, colaboran no Nodo Galicia, Laura Calaza Díaz, Mercedes Conde Amboage, Dolores Gómez Pedreira, Julio Rodríguez Taboada, María Elena Vázquez Cendón e Cristina Vilas Taboada. Asemade, para a realización de materiais contouse coa implicación de Sandra Camiña Codesido, Maite Castro Bustelo, Pila García Agra, Teresa Otero Suárez, Trinidad Pérez López e Lucía Rey Lorenzo. Os materiais estarán en todas as linguas do estado e para as versións en galego contouse coa colaboración de Sandra Gavino Fernández, Rosana Rodríguez López e Xabier Valle Regueiro e co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.