A “detective acuática” que investiga o mar na busca de salmóns desaparecidos

A estudante de doutoramento Elisa Barreiro foi escollida para representar á UVigo en #Hilotesis, un concurso que promove a divulgación científica

“A escena do crime é o río e a miña misión: saber quen estivo, sen que eles se decaten”. Así explica Elisa Barreiro, investigadora predoutoral, nun fío de BlueSky o seu traballo no proxecto ATRAE OLDSALMO. A experta no Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) fala de “CSI acuático” cando se refire ao seu traballo no laboratorio. O seu obxectivo: entender a orixe, diversidade e a cantidade de salmóns que quedan nas zonas que investiga.

“Se tivese que interrogar a cada salmón, sería un caos”, explica Barreiro. Por iso, e para molestar o menos posible á fauna local, o equipo de ATRAE OLDSALMO utiliza ADN ambiental: revisan os restos que deixan na auga. Desta forma, non teñen que capturar nin estresar a ningún exemplar: só coller tubos de auga e analizalos “coma se fosen os ordenadores do CSI”, afirma Barreiro.

Publicidade

A investigadora describe os datos recollidos como unha especie de álbum familiar: de que ríos veñen, como evolucionaron… A intención, poder responder a preguntas de especial relevancia para a supervivencia da especie. Por exemplo, entendendo que poboacións están en perigo, cales resisten mellor e onde habería que actuar con maior urxencia.

Promover a divulgación científica

A explicación deste proxecto de forma atractiva provocou que fose escollida para representar á Universidade de Vigo na final de #HiloTesis. A iniciativa, impulsada pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), busca fomentar a divulgación científica e o desenvolvemento de habilidades de comunicación nos investigadores. Barreiro, que está a estudar o primeiro ano de doutoramento en Metodoloxías e aplicacións en ciencias da vida, traballa xunto con Sofía Consuegra e María Saura en facer un censo xenético e unha avaliación dos cambios xenómicos das poboacións de salmón atlántico.

Publicidade

Barreiro cre que, ás veces, explicar a que se dedican non é sinxelo. “Este concurso deume a escusa perfecta para aprender a contalo ben”, asegura. A doutoranda considera a divulgación como unha parte esencial do seu traballo. No caso da súa tese, explica que lle gustaría que se entendese que estudar a xenética das poboacións non é só unha curiosidade académica, senón que é esencial para a conservación da biodiversidade, para a pesca sustentable e mesmo para a economía local en lugares como Galicia. “Se unha especie desaparece por falta de diversidade, pérdese algo moito máis amplo que só un animal”, advirte. 

54 finalistas

O ano pasado presentáronse ao concurso 362 teses de 49 universidades asociadas á CRUE. Este ano pasaron á final 54 fíos, que agora deben ser avaliados polo xurado. O de Elisa Barreiro foi seleccionado entre 14 presentados na fase local na UVigo. Coñeceranse os gañadores finais na primeira quincena deste mes de xullo.  

Barreiro estudou o grao en Biotecnoloxía na Universidade de Santiago e posteriormente realizou un proxecto de investigación no Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía (INL), en Braga. Despois cursou o Mestrado en Bioinformática na Universidade Internacional de Valencia e, durante este período, obtivo unha bolsa JAE Intro ICU para facer o TFM no grupo de Biotecnoloxía Acuática do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC). Concretamente, en como as mutacións nos receptores de melanocortina afectan á pigmentación nos peixes cebra. Actualmente, mentres realiza a tese na UVigo está contratada como investigadora predoutoral no IIM-CSIC. 


Podes ler o artigo completo do DUVI aquí.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O proxecto Sensoxenoma evidencia que a música deixa pegadas medibles nos xenes e proteínas

A investigación da USC e do IDIS cumpre cinco anos con máis de 20.000 mostras e detecta respostas biolóxicas tras a exposición sonora, tamén en persoas con TEA

O polbo galego estase a mudar ao Reino Unido?

Os pescadores do suroeste de Inglaterra viviron en 2025 o maior 'boom' de 'Octopus vulgaris' nos últimos 75 anos

Atopados os restos óseos de tres individuos na foxa común de Serantes 

A cata arqueolóxica coordinada por Histagra confirma a presenza dun enterramento irregular que podería acoller preto de 200 vítimas da violencia golpista

Galicia rexistra o verán máis cálido dende 1961, cunha temperatura media de 21,4 graos

O informe climatolóxico de Meteogalicia informa de que foi unha estación seca, cunha precipitación media acumulada dun 22% menos do habitual