Venres 19 Abril 2024

Do Paleolítico á época romana: unha viaxe en 3D pola historia da Coruña

Un traballo de recreación virtual permite navegar polos diferentes cambios acontecidos na cidade ao longo dos séculos

Abrir as portas á Coruña Eterna a través do tempo e o espazo. Isto é o que pretende Estación Visual da Coruña, un proxecto de rexeneración virtual da historia da cidade desde hai 350.000 anos. Na fase actual na que se atopa a recreación, abrangue ata o século V, permitindo ao espectador explorar así a evolución da península coruñesa desde o período Paleolítico inferior ata o final do Imperio Romano.

A pioneira proposta, desenvolvida por un equipo multidisciplinar con ampla experiencia en recreacións arqueolóxicas, pretende transmitir o valor histórico desta cidade mediante unha viaxe ao longo dos séculos pola sociedade, cultura, economía e arquitectura da Coruña en formato 3D. Desta forma, o usuario pode moverse nun entorno web a través da urbe, mesmo miles de anos antes da súa propia orixe, cando o mar dominaba a península. Ademais, permite visualizar a emblemática Torre de Hércules antes e despois da súa construción.

Publicidade

A presentación deste proxecto tivo lugar este mércores, protagonizada polo equipo impulsor de Estación Visual da Coruña e polo profesor da Universidade da Coruña (UDC) Juan Ramón Vidal Romaní, asesor do proxecto e autor do prólogo do volume onde se compilarán algunhas das imaxes máis impactantes da ferramenta.

Un proxecto visual de gran valor histórico

Enrique Cabarcos, enxeñeiro de camiños e un dos membros do equipo, explicou que se decidiu que o proxecto arrincara hai 300.000 anos tendo en conta os datos de representación do territorio existentes e coñecidos ata o momento polos xeólogos.

“A medida que se avanza na ciencia e no coñecemento sobre o territorio, poderemos ampliar máis a información dispoñible e mellorar esta reconstrución virtual”, explica o experto. “Baseámonos no rigor e na seriedade, ningún dos elementos introducidos na representación da cidade é inventado. Partimos do que se coñece, o que non se sabe non aparecerá na simulación”, engade. Neste sentido, os límites da reconstrución virtual ven dada polo coñecemento real que se teña sobre o terreo.

Os resultados visuais da historia da Coruña, obtidos desde os diversos Puntos de Observación e establecidos sobre o territorio virtual, foron recollidos nun mesmo entorno web. Mentres o usuario avanza a través do percorrido temporal e espacial do proxecto, poderá observar non solo os diversos cambios arquitectónicos que tiveron lugar no territorio da península, tras a aparición das primeiras poboacións, senón tamén fenómenos como os cambios do nivel do mar, da vexetación e en xeral, da paisaxe, ao longo das distintas fases históricas.

  • Perspectiva do nivel do mar máis alto recollido polas investigacións, 60 metros por encima do nivel actual. Fonte: Estación Visual A Coruña
  • Imaxe do século II na que se contempla a Torre de Hércules dende o Monte de San Pedro. Fonte: Estación Visual A Coruña
  • Imaxe de varias lapas repartidas por toda a cidade de hai 2.200 anos. Fonte: Estación Visual A Coruña

O traballo está profundamente documentado e asesorado por especialistas dos diferentes ámbitos e disciplinas que abarca, como a arqueoloxía, a xeoloxía e a historia. “A orixe do proxecto xurdiu do campo visual, das artes e da linguaxe visual, aínda que os que traballamos nel pertencemos a diferentes disciplinas”, explica Cabarcos. Este feito, indica o enxeñeiro, dota ao traballo dun valor engadido. “Moitas veces as reconstrucións céntranse só no obxecto arqueolóxico, no seu entorno xeográfico, pero ao partir dun concepto visual, representado a escala espacial e temporal, permite ao espectador facer outro tipo de interpretacións, baseadas no coñecemento e nas súas propias conclusións”, engade.

Antes e despois da simbólica Torre de Hércules

A Coruña é unha cidade ligada ao mar, debido a súa morfoloxía e a súa tradición histórica. Por este motivo, un dos símbolos da cidade é a Torre de Hércules, o faro romano máis antigo do mundo que aínda segue en funcionamento, cuxa luz serviu e serve de punto referencia para moitos navegantes ao longo do tempo. A Torre de Hércules foi declarada Ben de Interese Cultural en 1931 e Patrimonio da Humanidade en 2009 e se atopa na costa norte da península coruñesa, a uns 50 metros de altitude. O faro foi construído na segunda metade do século I polo arquitecto de Coimbra Gaio Sevio Lupo.

Enrique Cabarcos, explicou que a idea deste traballo de reconstrución visual partira das observacións obtidas, por parte do director do estudo, nas escavacións da Torre de Hércules, hai cerca de 25 anos. “A partir da información sacada desa escavación, elaboráronse unha serie de imaxes fixas e aéreas chamadas Fotos no túnel, que aínda hoxe son referenciais na representación do pasado da Coruña e no resto de representacións da Torre de Hércules na actualidade”, indica o investigador.

Ata agora críase que a Torre de Hércules fora erixida a finais do século I d. C. ou comezos do II. Fonte: Daniel Csörföly / CC BY-SA 3.0.
A Torre de Hércules, antes e agora.

“Co paso dos anos, cando as limitacións técnicas xa non eran as mesmas, vimos que poderíamos achegarnos a ese nivel de calidade visual, a través dun traballo que abarcase moita máis información sobre este territorio. De este punto naceu o proxecto, no que levamos traballando case 10 anos”, engade Cabarcos. Desta forma, abriuse a posibilidade de que o espectador puidese explorar moito máis aló, na historia da cidade.

Ademais, estas imaxes formaron parte de diversos libros e publicacións especializadas e a referencia foi incluída na documentación da candidatura presentada por A Coruña ante a UNESCO, para a consideración da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade. “A Torre marca un dos eixos narrativos máis importantes da iniciativa, como non podería ser doutro xeito, e fai que o proxecto teña aínda máis atractivo”, indicou Enrique Cabarcos.

A reconstrución 3D, en aberto

Os investigadores indican que pretenden ampliar o traballo ata chegar ao momento histórico no que xurdiu a fotografía. “Despois xa non nos interesa competir, a nivel visual…”, admite Cabarcos. O proxecto se atopa no final da primeira fase, momento no que os autores dan a coñecer os resultados ao público xeral, á vez que buscan financiación para poder seguir avanzando na recreación da cidade.

“Hai moita xente que non vai acceder ao proxecto se está nunha biblioteca, se non llo amosas”

ENRIQUE CABARCOS, membro do proxecto de recreación visual.

“Queremos dar a coñecer o noso traballo, achegalo á cidade, de forma comprensible para todos os públicos, pero tamén ás institucións, entidades ou empresas para que poidan participar”, engade o membro do equipo. Para iso, neste momento, os resultados do proxecto mostraranse en aberto, para todo o público, na páxina web do crowdfunding Verkami, onde se recrearán os cambios xeolóxicos da península coruñesa a través do tempo e as súas edificacións en 3D en diferentes épocas. “Hai moita xente que non vai acceder ao proxecto se está nunha biblioteca, se non llo amosas. Por iso queremos achegalo a todo o mundo”

Con todo, o proxecto non se limita unicamente á propia recreación virtual e a visualización do pasado da Coruña, senón que incluirá a publicación de libros, exposicións, itinerarios didácticos de realidade aumentada, colaboración con publicacións académicas, vídeos didácticos… “Ademais, para os colaboradores, propuxemos unha serie de recompensas que nos pareceron interesantes, como un libro que recolle todo o proxecto, con imaxes inéditas, como se alguén se trouxese do tempo pasado unha reportaxe fotográfica única do que alí quedou”, explica Enrique Cabarcos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

As covas do Monte Pindo, o refuxio dos disidentes durante a represión franquista

Un proxecto galego recupera a memoria dos fuxitivos da Guerra Civil na Costa da Morte a través de 12 pezas documentais

Un xigantesco mapa 3D dá a medida máis precisa da expansión do universo

O instrumento DESI cartografa galaxias e cuásares e mide a velocidade de crecemento do cosmos hai entre 8.000 e 11.000 millóns de anos