Venres 19 Abril 2024

O Laboratorio Municipal, un fito de Vigo

Con máis dun século de historia, combateu entre outras as epidemias de tifo de 1914 e a gripe española de 1918

Nun soto do concello de Vigo, consérvase unha colección de artefactos que pagaría a pena expoñer nun museo. Trátase da colección histórica do Laboratorio Municipal, cos instrumentos utilizados desde a súa fundación en 1902. Mesmo para o leigo na materia, é un material interesante, con certo aire ‘steampunk’. Porque, en máis dun século de historia, o laboratorio pasou a ser unha auténtica institución na cidade olívica Entre outras batallas, combateu a epidemia de  tifo de 1914 ou a da gripe española de 1918.

Pola súa condición portuaria, Vigo tivo que desenvolver  de xeito temperá o concepto de saúde pública. Xunto a pasaxeiros e mercadorías, chegaban tamén á cidade os xermes patóxenos. No século  XVII, son comúns as epidemias de peste, que arrasan á poboación. No  XVIII, a febre amarela aparece en catro gromos sucesivos. Un informe oficial recolle que, na zona de Lavadores, “as 78 sepulturas que teñen enchéronas dúas veces desde que comezou dita febre epidémica, poñendo de cada vez dous corpos grandes e algúns pequenos sobre os grandes, e así se pode asegurar que a día de hoxe existen máis de douscentos cadáveres consumíndose alí”.

Publicidade

No  XIX, chegan os catarros  malignos, o sarampelo e as vexigas. En 1833, Vigo ten a honra de ser a primeira cidade de España en diagnosticar un caso de cólera-morbo asiático, unha  doenza que deixará centos de milleiros de mortos.

Material do Laboratorio de Vigo.

A sanidade era, por tanto, unha gran preocupación na cidade. A “Descrición topográfico-histórica de Vigo”, do doutor e cronista Nicolás Taboada Leal, fai un minucioso repaso da saúde pública local. E a inauguración, en 1842, do  lazareto de San Simón supón un fito histórico.

Pero o precedente inmediato do Laboratorio Municipal de Vigo está no que abre o Colexio Médico Farmacéutico, cuxo presidente ofrece á alcaldía o 16 de xaneiro de 1895 a creación dun servizo que analice químicamente alimentos e bebidas. O catedrático José  R. Carracido, que visita estas primeiras instalacións, desfaise en eloxios: “Todas as cidades dalgunha importancia, e que aspiran a ser consideradas como cultas, recoñeceron a necesidade, apresurándose a satisfacela, de establecer laboratorios químicos municipais como poderosos medios de defensa das mil ocultas causas que poden atentar contra a saúde pública”.

Finalmente, en 1902 é inaugurado o Laboratorio Municipal de Hixiene do  Concello de Vigo, coa fin de “vixiar a boa conservación e pureza de canto se refire á alimentación e á hixiene, a fin de que a saúde pública e a confianza xeral estean garantidas.

Antigo microscopio.

A actividade, desde o principio é frenética. O Laboratorio Municipal analiza os produtos de maior consumo a comezos do século  XX, que eran: carnes, lagosta, queixo, xeo, leite, manteiga de porco, embutidos, aceite, vinagre; mel, azucres, cacao, xaropes, sal de cociña, té, café, froitas e legumes, especias, viños, sidra, cervexa, augardentes, licores, fariñas e pan.

Desde 1913 engádense á súa xurisdición os municipios de Baiona, Gondomar, Lavadores e Nigrán. Desde a súa creación, unha actividade crave será a análise das augas, que seguen hoxe realizando nas moitas fontes de Vigo. No verán de 1914, estala unha epidemia de tifo que arrasa a cidade, deixando 994 mortos. O laboratorio advertira xa que nas fontes públicas había altas concentracións de “colibacilos”, perigosos para a saúde. De feito, os técnicos alertaron de que era moi probable un gromo infeccioso. E ditaron recomendacións como ferver o leite ou a auga, o cal freou o avance da enfermidade.

Tamén terá gran protagonismo durante a chamada Gripe Española de 1918. A noticia de milleiros de mortos en Francia chega a Vigo antes que o propio virus. E, fronte á preocupación xeral, o Laboratorio Municipal ordena a desinfección diaria de hoteis, coches de pasaxeiros e da propia correspondencia. Os tranvías non admitirán pasaxeiros enfermos con síntomas de febre. Pero a profilaxe non é suficiente, aínda que mitiga os efectos deste brote  vírico.

Ao longo dos anos, outras das súas funcións destacadas foron o control do leite que chegaba á cidade, do viño ou dos licores. De feito, durante a crise do ‘Caso  metílico‘, unha intoxicación masiva en España provocada polos adegueiros Lago de Vigo, que adulteraron licores, chegáronse a analizar máis de 5.000 mostras de bebidas no ano 1964.

En definitiva, o Laboratorio Municipal é historia viva de sanidade en Vigo e Galicia. Toda unha institución das primeiras que comprenderon no país a importancia do concepto da sanidade pública.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

A ciencia confirma que as apertas alivian a dor, a ansiedade e a depresión

Un equipo internacional analiza os beneficios do contacto físico nas persoas a partir da revisión de 212 estudos