Chegan as vacinas contra o melanoma: como funcionan?

*Un artigo de

Recentemente, as compañías Moderna e Merck anunciaron que poderían ter lista a súa vacina contra o melanoma en 2025. De feito, xa comezaron os seus ensaios clínicos para desenvolver a súa innovadora terapia fronte a esta enfermidade.

Publicidade

Cada ano, diagnostícanse no mundo uns 325 000 novos casos de melanoma. Esta cifra pon de relevo a necesidade de estratexias innovadoras e eficaces para combater un dos cancros de pel máis agresivos e letais que se coñecen.

Anatomía dun asasino

Cando as células da pel encargadas de producir o pigmento que nos dá cor experimentan unha transformación anormal e comezan a medrar de maneira descontrolada, forman o tumor maligno chamado melanoma, que pode expandirse e propagarse a outras partes do corpo.

Publicidade

A exposición á radiación ultravioleta (UV) da luz solar é un dos principais factores de risco, xunto coa predisposición xenética e os antecedentes de queimaduras solares graves e repetitivas ao longo da vida. Estímase que ao redor do 80% dos melanomas cutáneos orixínanse en peles aparentemente sas. Isto supón que só o 20% teñen a súa orixe nunha lesión cutánea previa, como un lunar.

Aínda que a aparición de novos lunares é habitual ata os 40 anos, é fundamental vixiar calquera alteración. Este seguimento baséase no sistema ABCDE (asimetría, bordos, cor, diámetro e evolución) para a detección precoz de posibles lesións malignas.

Cando o sistema inmunitario se volve cómplice das células tumorais

O sistema inmunitario desempeña un papel crucial no recoñecemento e a eliminación das células cancerosas, incluídas as do melanoma. Coma se fosen escuadróns militares, as células inmunitarias patrullan constantemente a nosa pel en busca de células anormais que poidan poñer en risco a nosa saúde.

A este proceso chámaselle inmunovixilancia, e está baseado no recoñecemento de antíxenos, as moléculas da superficie celular que lle sinalan ao sistema inmunitario a presenza de entidades estrañas. Son como “pequenas bandeiras” que identifican células daniñas e permiten mobilizar as células inmunitarias para erradicalas.

Con todo, hai casos nos que as células cancerosas conseguen evitar a detección inmunitaria ou empregan tácticas para suprimir a súa resposta, achandando o camiño para a progresión tumoral.

Os riscos da inmunoterapia

Na actualidade, o estudo desa capacidade das células cancerosas para evadir o sistema inmunológico converteuse nun obxectivo terapéutico de gran interese e relevancia. Se coñecemos que fan as células para “adormentar” o sistema inmunitario, poderemos desenvolver estratexias para “espertalo” e que cumpra así coa súa función defensiva.

Con todo, estes tratamentos non sempre son efectivos e, en ocasións, poden producir a hiperreactividade das células inmunitarias. É dicir, que estas, unha vez activadas, non só atacan o tumor, senón a todas as células do corpo.

Ante este dilema, expúxose a posibilidade de dirixir a actividade das células inmunes de maneira selectiva soamente cara ás células tumorais. E aquí é onde entra en xogo outra rama da inmunoterapia: o deseño das novas vacinas contra o cancro. A clave está en desenvolver ferramentas que axuden ao sistema inmunitario a recoñecer e atacar de maneira concreta o tumor.

Vacinas ao rescate

Actualmente, están a investigarse varios tipos de vacinas contra o melanoma, todas elas baseadas na capacidade que teñen as células para recoñecer os antíxenos de superficie.

Por unha banda, están as vacinas baseadas en péptidos. É dicir, selecciónanse aqueles antíxenos que adoitan portar as células de melanoma, prodúcense no laboratorio e inxéctanse a modo de antídoto. Neste caso, a estratexia é ensinarlle ao sistema inmune as “pequenas bandeiras” que ten que buscar.

Doutra banda, está a estudarse a utilización dunhas células concretas do sistema inmunitario (células dendríticas) que son capaces de recoñecer as “pequenas bandeiras”, identificar se pertencen a células sas ou enfermas e ensinarllelas ás células que deben eliminalas. Un ensaio clínico logrou unha diminución do 70% do risco de mortalidade combinando as células dendríticas propias de cada paciente cun composto estimulante do sistema inmune. Aínda que este ensaio tiña limitacións, como o número baixo de participantes, os resultados son alentadores.

E, por último, están as vacinas baseadas en ARN, como a desenvolvida por Moderna e Merck, que funciona de maneira similar á deseñada contra a covid-19.

Mentres que a vacina de Moderna contra o coronavirus levaba unha secuencia de ARN da proteína S do patóxeno, a nova —cuxo nome técnico é ARNm-4157 (V940)— incorpora información xenética para producir “pequenas bandeiras” específicas do tumor do paciente. Cando o ARN penetra nas células do corpo, estas empezan a producir unha gran cantidade de ditas bandeiras, facilitándolle ao sistema inmunitario o seu recoñecemento e, por tanto, a súa capacidade para localizar s acélulas cancerosas.

Este tratamento está a probarse en pacientes de melanoma con metástase, cuxo risco de recaída é alto. A vacina combinouse cun fármaco que estimula a activación do sistema inmune e, segundo os datos preliminares, reduciu o risco de recaída ou morte un 49% en comparación ao tratamento exclusivo co fármaco. A terapia combinada tamén produciu unha mellora na supervivencia libre de enfermidade a distancia, reducindo o risco de desenvolver metástase noutros órganos nun 62%.

Sen dúbida, os resultados son prometedores e van encamiñados a mellorar o tratamento do melanoma. Segundo o Vicepresidente Senior e Xefe de Desenvolvemento, Terapéutica e Oncoloxía de Moderna, Kyle Holen, o equipo ao completo está impaciente por poder compartir estes datos coa sociedade e lanzar esperanza para as persoas afectadas por esta enfermidade e as súas familias.


*Cristina Penas Lago é doutora en Investigación Biomédica e investigadora posdoutoral da Universidade do País Vasco / Eskal Herriko Unibertsitatea.

Cláusula de divulgación: Cristina Penas Lago non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado.

Cristina Penas Lago
Cristina Penas Lago
Doutora en investigación biomédica e investigadora posdoutoral da Universidade do País Vasco / Euskal Herriko Unibertsitatea

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Novas claves para entender por que os cerebros dos ‘superanciáns’ non envellecen

Un recente descubrimento engade novos detalles sobre a natureza excepcional dos cerebros dos superdotados sénior

Por que estudamos mutantes en bioloxía?

En bioloxía, usamos mutantes para entender como funcionan as células e que pasa cando algo falla

España continuará pescando anguías ata a súa extinción

Desde 1980 a súa poboación derrubouse. A pesar desa pésima situación, a especie é aínda obxecto de pesca comercial e véndese e consómese con normalidade

Non estamos cumprindo o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 17, e é imprescindible para lograr o resto

Os ODS, definidos no 2015 na Axenda 2030, só se poden conseguir con asociacións mundiais sólidas e cooperación para garantir que ninguén quede atrás no noso camiño cara ao desenvolvemento