Tratamento da hipertensión e coronavirus: que sabemos ata agora?

A hipertensión é unha comorbilidade que pode complicar a evolución da Covid-19.
A hipertensión é unha comorbilidade que pode complicar a evolución da Covid-19.

A hipertensión, a diabetes ou a enfermidade renal son comorbilidades nos pacientes da COVID-19. O 90% dos pacientes da Covid-19 que requeriron hospitalización presentaban comorbilidades. Moitos destes enfermos seguían un tratamento previo cos bloqueadores dos receptores da Anxiotensina (ARBs; losartan, telmisartan, candesartan,…). Os medicamentos que reducen a presión arterial alta (ARBs), non só se usan para tratar a hipertensión, tamén teñen moitos outros efectos beneficiosos no tratamento da diabetes, das enfermidades renais, ou das enfermidades cardiovasculares.

Estiven varios anos no laboratorio do Dr. Juan Saavedra no NIH en Maryland, estudando o efecto protector dos ARBs, e publicamos varios traballos, entre eles unha revisión no American Journal of Hypertension (ver ligazón). Na actualidade estamos a investigar o papel dos ARBs nas enfermidades neurodexenerativas. No ano 2015, descubrimos os efectos beneficiosos dos ARBs na recuperación de traumatismos cerebrais, traballo publicado na revista Brain de Oxford Academic. Outros traballos científicos demostran que os ARBs protexen os pulmóns das lesións graves asociadas a pneumonía, sepsis e gripe.

O doutor Saavedra, eu mesma e un grupo de expertos no sistema renina-anxiotensina levamos unhas semanas discutindo sobre o efecto dos medicamentos que reducen a presión arterial alta nos pacientes da Covid-19. O SARS-CoV-2 usa o receptor ACE2 para infectar as células do seu hóspede. Existe unha hipótese (publicada en Journal Travel Medicine) que di que se os ARBs aumentan a expresión de ACE2, o receptor para SARS-CoV-2, deste xeito podería potenciarse a captación viral e aumentaría a infección nos enfermos da COVID-19. O aumento destes niveis de receptores ACE2 nas células do pulmón e do corazón podería dar ao virus máis puntos de entrada celular ao obxectivo e potenciar os síntomas da enfermidade. Aínda así, non hai evidencias científicas que apoien a substitución dos ARBs en persoas que padecen comorbididades da COVID-19.

En resposta, varias asociacións médicas, incluída a American College of Cardiology, a American Heart Association, a Heart Failure Society of America e a European Society of Cardiology – publicaron directrices decindo que os pacientes non deben deixar de tomar os medicamentos antihipertensivos porque non hai probas para apoiar a afirmación de que causan infeccións por SARS-CoV-2 máis graves.

Eliminar os ARBs do seu arsenal terapéutico potenciará a actividade do receptor Ang II / AT1R e empeorará potencialmente a inflamación pulmonar e as comorbilidades asociadas despois da infección por SARS-CoV-2. Se as ARB aumentan a expresión ACE2, iso pode contrarestar os efectos da infección. O Dr. Saavedra acaba de publicar esta nota na revista Pharmacological Research onde o explica.

Datos de China de 564 pacientes hipertensos tratados con inhibidores de ACE2 e con ARB, indican que este tratamento da hipertensión foi protector contra a pneumonía grave en Covid-19. Os resultados mostraron que os pacientes maiores de 65 anos que tomaban ARB tiñan un risco menor de desenvolver danos pulmonares graves que os pacientes que non correspondían á idade que non tomasen os medicamentos. Outro traballo publicado o pasado venres 17 de abril en Emerging Microbes and Infections, demostrouse coma os ARBs reduciron a carga viral e a inflamación sistémica nun estudio de 417 pacientes admitidos no hospital de Shenzhen Third ata o 23 de febreiro do 2020.

De feito hai ensaios clínicos en fase II onde se tratan os pacientes con Covid-19 con Losartán, un dos ARBs máis empregados nas terapias para a hipertensión.

Conclusión: Deben interromper os pacientes hipertensos o tratamento se enferman de Covid-19?
En principio, non, todo o contrario, o tratamento para a hipertensión (ARBs) pode reducir a infección causada polo coronavirus.


Podes ler o artigo orixinal nesta ligazón.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.