Os positivos repuntan en Galicia, con 6.534 persoas afectadas pola Covid-19

O Sergas rebaixa o número de PCR feitas en Galicia que foran difundidas onte debido a un "erro de transmisión"

A Xunta de Galicia informou este mércores dos últimos datos sobre a epidemia da Covid-19 no país: son 6.534 as persoas afectadas polo coronavirus SARS-CoV-2, no que respecta ao cumio da pirámide de persoas afectadas (aquelas ás que se lle realizou a proba para confirmar a doenza). É o segundo maior incremento nos últimos 10 días tanto no número de casos activos (118 máis) como no de confirmación de novos positivos (166, segundo informa o Ministerio de Sanidad).

Un dos matices dos datos facilitados este mércores pola Dirección Xeral de Saúde Pública foi a referente ao número de probas PCR realizadas. Debido a “un erro na transmisión”, corrixíronse os datos dos últimos dous días. Así, mentres que onte se informaba de 74.419 PCR realizadas (6.780 máis có luns), o dato rebaixouse ata as 69.064 (1.425 máis) e este mércores é de 72.858, 3.794 máis có martes. Aínda que durante a xornada do martes o Sergas foi preguntado sobre este rápido incremento de probas, non deu resposta ata este mércores, cando se informou do erro do reconto.

Publicidade

A táboa de PCR realizadas e novos positivos queda por tanto deste xeito:

A cifra non se corresponde co número de persoas analizadas, xa que é habitual que se lle realicen dúas (ás veces máis) PCR a un mesmo paciente para comprobar a evolución da doenza. Con todo, nos últimos días vese que a relación de novos casos respecto ao total de probas é cada vez menor. Pode explicarse, ademais da remisión da epidemia, coa realización de análises a persoas xa estudadas previamente nas que agora se confirma a desaparición do virus.

Publicidade

Casos activos

Porén, o aumento de casos non se reflicte nas cifras de hospitalización, que seguen afastando o risco de saturación nos hospitais. Hai 23 persoas menos ingresadas có martes; cinco menos na UCI (de 101 a 96), e 18 menos en unidades de hospitalización (de 603 a 585). As cifras son semellantes ás de hai case un mes, o 27 de marzo, a última vez que houbo menos de 100 persoas ingresadas nas UCIs galegas pola Covid-19.

O resto dos casos, 5.853 (89,58% do total) están sendo atendidos no domicilio. Con todo, cómpre sinalar que nesta última porcentaxe se inclúen as persoas usuarias en residencias de maiores, que nalgún caso teñen un prognóstico grave debido ás complicacións propias da idade. De feito, parte dos falecementos dos últimos días rexístranse entre estas persoas atendidas “no domicilio”.

Falecementos

No que abrangue aos falecementos, cóntanse 475 óbitos, 11 máis respecto á cifra anterior. Seis deles, segundo os datos achegados pola Xunta, son usuarios de residencias de maiores. Os tres óbitos nas residencias foron na Coruña (2 na residencia Santa Teresa Jornet e 1 na DomusVi Matogrande) e outros tres usuarios morreron en hospitais ou as residencias integradas instauradas pola Xunta. Os datos están actualizados ás 21 horas da noite anterior, polo que é posible que as cifras de óbitos cambien durante o día.

Desde o comezo da crise, a Xunta notificou que 210 das persoas falecidas por coronavirus en Galicia (un 44,21% de todas as mortes) son residentes destas instalacións. Desde o 8 de abril, cando se comezou a informar das mortes diarias entre usuarios das residencias, máis da metade dos óbitos en Galicia corresponden a estas persoas.

A relación entre o número de casos e novas altas afástase nos últimos catro días.

En atención ás cifras que achega a Xunta, por cada unha das sete áreas sanitarias nas que se reparte o territorio galego, actualmente estase seguindo a 1.485 persoas na área da Coruña-Cee, 614 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 1.301 na de Ourense-Verín-O Barco, 520 na de Pontevedra-Salnés, 1.166 na área de Vigo, 1.081 na de Santiago-Barbanza, e 367 na de Ferrol. Por terceiro día seguido medra o número de casos activos en todas as áreas. A área da Coruña e Cee, con 68 casos máis, representa o maior incremento, seguida de Santiago (1() e Ferrol (11).

Así foi a evolución desde o 13 de marzo:

Residencias de maiores e discapacidade

En Galicia, a Consellería de Política Social segue achegando pola súa conta o número de casos activos en residencias de persoas maiores e con discapacidade, que na actualidade supoñen o 20,9% das persoas afectadas en Galicia. 978 usuarios e 389 profesionais destes centros están infectados por coronavirus.

Esta é a situación actual en España:

Lixeira suba con 435 mortes en 24 horas en España por coronavirus

En Portugal:

E no mundo:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño