Sábado 20 Abril 2024

Manual do uso de máscaras: podemos facelo mellor

* Un artigo de

Lady Gaga dou moito que falar coa súa recente mensaxe favorable ao uso de máscaras e coa utilización que fixo delas. Un xesto que pode axudar a cambiar a imaxe desta nova “peza” que nos acompañará mentres dure a pandemia da Covid-19.

Publicidade

Despois de todo, non hai que esquecer que levar unha máscara relacionouse sempre con ocultar un identificador, o noso rostro, tanto para fins de diversión (así é nos entroidos) como para outros menos recomendables (enganar ou delinquir). As máscaras con fins sanitarios, existentes desde hai séculos, utilizáronse preferentemente por profesionais da saúde, e só en determinados países asiáticos era habitual velas no espazo público, tanto para evitar contaxiar a outras persoas como para protexerse en zonas de alta contaminación.

Para que serven as máscaras?

Coa pandemia da Covid-19 estendeuse o uso de máscaras en lugares onde a poboación non estaba afeita. E iso xera dúbidas.

A primeira é, para que serven realmente? Basicamente, son un elemento de protección (ver PDF), nuns casos para quen as leva e noutros para as persoas coas que interactúa, porque limitan a emisión e entrada de pingas respiratorias. Xunto co mantemento da distancia interpersoal de seguridade, o lavado frecuente de mans, e a limpeza e desinfección de espazos e superficies, son as medidas universais das que se dispón diante desta enfermidade.

Nese caso, por que utilizalas se non estamos enfermos? Pois porque non temos a seguridade de non estalo. É posible que fósemos infectados pero aínda non teñamos síntomas; mesmo que nunca os desenvolvamos, pero si sexamos capaces de contaxiar a enfermidade. Neste caso, o uso da máscara reduce a propagación comunitaria da enfermidade.

Elixir correctamente que máscara usar

E cal é a máscara que se debe usar? Non todas serven para todos os contextos, e algunhas non serven para ningún.

Para poboación sa (sen contacto con persoas enfermas) recoméndase o uso de máscaras hixiénicas. Están compostas por unha ou varias capas de material téxtil, pero iso non significa que abonde con calquera trapo de cores. Deben cumprir as normas UNE 0064-1:2020 (non reutilizables para adultos), UNE 0064-2:2020 (para nenos) ou UNE 0065:2020 (reutilizables para adultos e nenos). Estas normas indican a eficacia (ver PDF) de filtración bacteriana que debería ser igual ou superior ao 90% (reutilizables) ou ao 95% (non reutilizables).

Máscara de tea. Foto: Santi Alvite.
Máscara de tea. Foto: Santi Alvite.

As máscaras de tea só valen se van acompañadas dunha correcta etiquetaxe e de especificacións técnicas, incluíndo o número máximo de lavados, no caso das reutilizables. Protexen aos demais, pero non a quen as leva, polo que debe asegurar o cumprimento do resto das medidas de protección e hixiene. Non son en absoluto eficaces as que non cumpran as normas, por bonitas que sexan, as que estean humedecidas ou deterioradas ou as que excedesen o número máximo de lavados. E cando se reutilizan hai que gardalas ben (un recipiente ou bolsa de papel limpo serve).

As máscaras cirúrxicas (usualmente brancas por dentro e azuis por fóra) deben ser utilizadas por persoas con síntomas ou diagnóstico recente, ou que fosen contactos estreitos recentes de persoas enfermas, ou sexan coidadores de persoas vulnerables. Tamén pode usalas a poboación xeral sa. En ambos os casos deben cumprir a norma UNE EN 14683 (PDF).

O uso de máscara está a ser obrigatorio en case todas as situacións no espazo público.
Máscara cirúrxica.

A súa función é filtrar o aire exhalado, protexendo así aos demais, pero tampouco protexen a quen as leva, polo que debe seguir cumprindo co resto das medidas. Teñen unha duración media de 4 horas e non deben reutilizarse.

Por certo, que quen adoita darlles a volta debe saber que perde o tempo. Todas as máscaras teñen parte interior e exterior, que non son indicativas do sentido da filtración. Dar a volta á máscara hixiénica ou cirúrxica non é eficaz para evitar que outras persoas nos poidan contaxiar. Nin moito menos amplía a súa durabilidade.

Darlle a volta ás máscaras cirúrxicas aumenta o risco de contaxio

As máscaras tipo FFP1, FFP2, e FFP3 son, en principio, para uso profesional ou para grupos vulnerables (por indicación médica) ou especialmente expostos. Noutros países denomínallas tamén –dependendo da protección que proporcionan– N95, N99, N100, KN95, KN100. Para maior seguridade débense comprar en farmacias ou establecementos especializados. É importante recalcar que as que posúen válvula de exhalación non deben ser utilizadas pola poboación xeral xa que non protexen ás persoas que lles rodean, senón ao contrario.

A colocación correcta

Pero tan ou máis importante que o tipo de máscara é como utilizala. Debe cubrir completamente desde a ponte do nariz ata o queixo incluíndo, por tanto, nariz e boca. Sempre. Se non o fai, non serve para nada. E, por suposto, no pescozo, no cóbado, na fronte ou no peto non cumpre función ningunha, nin sequera estética.

É importante colocala correctamente (PDF), tocando só as gomas da máscara. E quitala igual, seguido de lavado de mans. Hai que axustala ben ao nariz apertando a guía metálica, o que evita que se deslice e deixe ao aire o nariz.

Non hai evidencia de que as máscaras agraven ou produzan enfermidades por uso prolongado, nin de que causen problemas cutáneos en persoas sen patoloxía de base. Tampouco ocasionan redución do fluxo de aire ou hipoxia. Isto forma parte dos bulos ou desinformacións, e quen os propaga sempre o fai con algún interese.

Sempre que esteamos sans, unha vez as máscaras finalizan a súa vida útil, deben ser introducidas nunha bolsa pechada adecuadamente e depositadas no contedor para restos (o de cor gris). É recomendable cortar as gomas para evitar que os animais poidan quedar enganchados.

Ollo coa falsa sensación de seguridade

O que convén ter presente é que as máscaras non son, en ningún caso, un substituto do resto de medidas: distancia física interpersoal, hixiene de mans, protocolo respiratorio, evitar tocarse a cara, nariz, ollos e boca.

O seu uso na poboación debe considerarse unha precaución máis e non debería achegar unha falsa sensación de seguridade que orixine o incumprimento doutras medidas.


* Óscar Zurriaga é profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública na Universitat de Valéncia e Rocío Zurriaga é médica especialista en Medicina Preventiva e Saúde Pública na Unidade de Epidemioloxía no Centro de Salud Pública de Valencia.

Cláusula de divulgación: as persoas asinantes non son asalariadas, nin consultoras, nin posúen accións, nin reciben financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declararon carecer de vínculos relevantes alén do posto académico citado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade