Falar dúas linguas ten vantaxes na vida diaria, pero tamén na propia estrutura do noso cerebro. Un novo estudo revela agora que as persoas bilingües teñen máis materia gris e que se acelera o seu desenvolvemento cerebral nos primeiros anos da súa vida.
A materia gris é un tipo de tecido cerebral. Consiste maiormente nas células cerebrais onde se realiza o procesamento de información. E vai diminuíndo conforme avanza a idade da persoa. Pero o ritmo de perda varía moito entre individuos e este novo traballo científico detectou que ser bilingüe desde a infancia ou a adolescencia inflúe no grao de conservación de materia gris en etapas posteriores da vida.
O equipo internacional de Christos Pliatsikas, da Universidade de Reading no Reino Unido, examinou escaneos detallados de cerebros de nenos e adolescentes e descubriu que os bilingües tiñan vantaxes potenciais en canto á materia gris e tamén en canto á materia branca (esencialmente, as conexións entre as células cerebrais) en comparación cos mozos de idade similar que só falaban un idioma. A conclusión á que chegaron Pliatsikas e os seus colegas é que os nenos e adolescentes que falan máis dun idioma poden chegar á idade adulta con máis materia gris e máis materia branca.
“Vimos que o bilingüismo ten un efecto positivo sobre a materia gris e branca nos cerebros dos adultos”
Aínda que xa se demostrou en estudos previos que o bilingüismo afecta positivamente á estrutura do cerebro e ao rendemento cognitivo dos adultos, o novo estudo é, ata onde saben os seus autores, a análise máis exhaustiva ata a data que mostra que falar máis dun idioma pode ter un efecto beneficioso para a estrutura cerebral.
“En estudos anteriores, xa vimos que o bilingüismo ten un efecto positivo sobre a materia gris e branca nos cerebros dos adultos, pero esta é a primeira vez que vimos tamén unha forte evidencia destes efectos nos nenos e adolescentes”, destaca Pliatsikas.
Xa no mes de xullo, outro estudo sinalou que os bilingües teñen máis materia gris na rexión de control executivo do cerebro. O traballo foi publicado na revista ‘Cerebral Cortex‘ e atopou vantaxes estruturais no cerebro dos que falan dúas linguas.
Nas últimas décadas, avanzouse moito na comprensión de bilingüismo. Ao principio pensábase que era unha desvantaxe porque o manexo de dous vocabularios provocaría un atraso no desenvolvemento da linguaxe nos nenos. Pero os resultados demostraron todo o contrario: que os individuos bilingües obteñen mellores resultados, en comparación cos monolingües, en tarefas que requiren atención, inhibición e memoria a curto prazo, denominados como ‘control executivo‘. Esta ‘vantaxe bilingüe’ crese que é producida polo uso e manexo de dúas linguas faladas a longo prazo.
Aquí podes consultar o artigo científico
t fe8pw8dygtp31i2ñ pene