O CIM de Vigo capta 714.000 euros do Ministerio de Ciencia

Varios grupos desenvolverán grazas a este financiamento a cinco novos proxectos de entre 3 e 4 anos no Centro de Investigación Mariña

O Ministerio de Ciencia e Innovación publicou a pasada semana a lista definitiva da concesión de financiamento para proxectos de I+D+i, nos que o Centro de Investigación Mariña (CIM) acadou 714.000 euros, representando o 19% do financiamento e o 14% do número de proxectos captados pola Universidade de Vigo. O importe destas axudas permitirá poñer en marcha cinco novos proxectos de investigación de entre 3 e 4 anos de duración. Estes proxectos enmárcanse nas áreas de acuicultura, contaminación mariña, e observación do océano e cambio global, implicando a seis grupos de investigación do CIM. A Universidade fará efectiva a financiación nos próximos días, facilitando o inicio das investigación a cargo destas axudas.

Acuicultura

No eido da acuicultura, os investigadores do Grupo de Fisioloxía de Peixes (FB2, CIM) José Luis Soengas e Jesús Manuel Míguez, dirixirán o subproxecto “Control homeostático de la ingesta de alimento en peces con especial atención al eje intestino-cerebro e interacción con respuestas hedónicas”.  A iniciativa ten por obxectivo avanzar no coñecemento dos procesos que regulan a inxesta de alimento en peixes teleósteos, profundizando non só nos mecanismos homeostáticos e circadianos estudados ata a data, senón tamén nos mecanismos hedónicos ou de recompensa, non abordados en detalle ata o momento.

Publicidade

O traballo está enmarcado dentro dun proxecto liderado tamén pola Universidade de Vigo da man de Jose Luis Soengas e conta coa colaboración dos grupos de “Neuroendocrinología de peces” da Universidad Complutense de Madrid e de “Control de ingesta en peces” do  Instituto de Acuicultura Torre de la Sal-CSIC. O equipo investigador, que leva traballando nesta liña de forma conxunta durante os últimos 15 anos, espera que, a medio prazo, a transferencia dos resultados do proxecto ao sector produtivo contribúa a mellorar o deseño de estratexias de alimentación na acuicultura e, en consecuencia, axude a fortalecer a súa competitividade e sostibilidade.

Contaminación mariña

No campo da contaminación mariña, o investigador do Grupo de Ecoloxía Costeira, Ricardo Beiras (Ecocost, CIM) será o investigador principal da Universidade de Vigo no subproxecto “ECOPLAS: Evaluación ecotoxicológica de polímeros reciclables y biopolímeros”. Este subproxecto está enmarcado nun proxecto coordinado polo grupo de Química Ambiental QANAP da Universidade da Coruña e  ten por o obxectivo estudar en profundidade o posible impacto ambiental dos biopolímeros, compostos fabricados a partir de material biolóxico, potencialmente biodegradables, que pretenden substituir ao plástico convencional. O equipo de Ecotoxicoloxía e Contaminación Mariña (Ecotox, grupo Ecocost, CIM), dirixido por Beiras, avaliará o mecanismo de toxicidade acuática, derivada da liberación de micro e nanopartículas que resultan tóxicas para os organismos. Os resultados obtidos serán postos en coñecemento da industria do plástico para avaliar a substitución de polímeros convencionais por biodegradables.

Publicidade

Océano e cambio global

Na liña de investigación relativa á observación do océano e ao cambio global, concedéronse tres proxectos. O primeiro deles, “Variabilidad del Océano Índico Tropical versus Cambio (paleo)climático Global (TRIOPACC)”, será liderado polos investigadores do Grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental (Geoma, CIM) Gianluca Marino e Daniel Rey. TRIOPACC contribuirá a cuantificar a resposta do planeta ante un aumento de temperatura de 1,5 – 2°C, tal e como recolleu o Faro de Vigo en xullo. O estudo realizarase a través dunha análise minuciosa dos sedimentos mariños do Índico Tropical depositados nos últimos 500.000 anos e contará coa colaboración de prestixiosas entidades como The University of Arizona, a Escuela Politécnica Federal de Zúrich (Eidgenössische Technische Hochschule Zürich) e The Australian National University. Este proxecto representa un éxito importante para o Laboratorio de Paleoclima que dentro do GEOMA lidera e está a construír o profesor Marino, investigador distinguido da Universidade de Vigo e profesor honorario na Universidade Nacional de Australia.

O segundo deles, “Observación bienal del carbono, acidificación, transporte y sedimentación en el Atlantico Norte (BOCATS2)”, é un subproxecto dirixido polos investigadores Guillermo Francés e Gabriel Rosón dos grupos de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica (XM1, CIM) e  Oceanografía Física (GOFUVI, CIM). O proxecto xeral será coordinado polo Instituto de Investigacións Mariñas (IIM, CSIC). O subproxecto dirixido polos investigadores Francés e Rosón centrarase na variabilidade milenaria e submilenaria das correntes profundas a través das canles profundos que atravesan a dorsal de Reykjanes (zonas de fractura de Bight y de Charlie-Gibbs). Estas dúas zonas de fractura constitúen os principais roteiros de comunicación de augas profundas entre as concas occidental e oriental do Atlántico Norte e a súa hidrografía é bastante descoñecida, especialmente no pasado e baixo outras condicións climáticas globais.

O equipo de investigación conta coa contribución de especialistas do Instititut De Ciencias del Mar (ICM, CSIC) e o Instituto Tecnolóxico do Mar (INTECMAR, Xunta de Galicia). No equipo de traballo colaboran ademais investigadores do National Oceanography Centre (NOC, UK), o Institut Français de Recherche pour l’Exploitation de la Mer (IFREMER, Francia), a University of Bremen (Alemania) e a Royal Holloway University (UK). O equipo investigador pretende con este proxecto avanzar na detección precisa do impacto antropoxénico no clima e mellorar as proxeccións dos modelos climáticos axustados que sustentan os informes do IPCC para o xiro subpolar do Atlántico Norte, rexión coñecida pola súa forte influencia no clima europeo.

Por último, Sandra Martínez-García, investigadora distinguida da Universidade de Vigo pertencente ao Grupo de Oceanografía Biolóxica (GOB, CIM), liderará o seu propio subproxecto desde a Universidade de Vigo dentro do proxecto “TRAITS: Un enfoque de estudio de la ecología microbiana basado en rasgos y gremios”. O proxecto coordinado será liderado polo Centro Nacional de Biotecnología (CNB, CSIC). O equipo liderado pola investigadora Martínez-García, realizará diferentes experimentos en microcosmos, consistentes na adición de materia orgánica derivada de fitoplancto a comunidades bacterianas naturais no noroeste da Península Ibérica, e describirá grupos funcionais bacterianos relacionados coa utilización de nutrintes no océano mediante a análise bioinformática de distintas bases de datos. O equipo de investigación conta ademáis coa participación da  Universidad de La Laguna. Cos resultados obtidos, o equipo investigador pretende mellorar a información  incluída en modelos de ecosistemas mariños sobre o papel funcional das bacterias nos fluxos de nutrientes no océano.

O director do Centro de Investigación Mariña, Daniel Rey, valora moi positivamente o éxito acadado nesta convocatoria. Destaca que a calidade científica e a capacidade de liderado dos seus investigadores contribúen con determinación ao avance do coñecemento científico no medio mariño, en particular e do noso planeta en xeral. Estes proxectos afrontan algúns dos retos máis importantes aos que se enfronta a sociedade no momento actual.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Un estudo galego revela que os lumes favorecen ás aves máis afectadas polo abandono rural

A USC e o CSIC investigan a Serra do Xurés e analizan a recuperación desigual segundo o hábitat, cunha maior vulnerabilidade das especies forestais

Glaciares sacros e plantas rituais: o que o cambio climático está levando por diante

O fenómeno ameaza culturas de todo o mundo que teñen moi pouca responsabilidade nas súas causas e que ás veces o ven como un "castigo divino"

Extraer ADN de amorodos ou resolver unha ‘escape room’ climática: así será a sexta edición da G-Night

A Noite Galega das Persoas Investigadoras terá lugar o 25 de setembro de xeito simultáneo nas sete cidades galegas